As boas noticias segundo Mateo
18 Naquela ocasión, os discípulos acercáronse a Xesús e preguntáronlle: “Entón, quen é o maior no Reino dos ceos?”. 2 El chamou un neno, púxoo no medio deles 3 e dixo: “Asegúrovos que se non cambiades* e non chegades a ser coma nenos, nunca ides entrar no Reino dos ceos. 4 Por iso, quen se faga humilde coma este neno será o maior no Reino dos ceos. 5 E quen recibe a un neno coma este por causa do meu nome tamén me recibe a min. 6 Pero se alguén fai tropezar* a unha desas persoas que son coma nenos* e que teñen fe en min, seríalle mellor que lle colgasen ó pescozo unha desas pedras de muíño que os burros fan xirar e que o afundisen en mar aberto.
7 ”Pobres das persoas deste mundo que fagan tropezar a outros! Claro, é inevitable que haxa cousas que fagan tropezar, pero pobre de quen as provoque! 8 Por iso, se a túa man ou o teu pé te fan tropezar*, córtaos e tíraos lonxe de ti. É mellor que consigas a vida aínda que sexa manco ou coxo, e non que te boten coas dúas mans ou cos dous pés no lume eterno*. 9 E se o teu ollo te fai tropezar, arráncao e tírao lonxe de ti. É mellor que consigas a vida cun só ollo, e non que te boten cos dous ollos na Guehena* de lume. 10 Tede coidado de non desprezar a unha desas persoas que son coma nenos. Porque vos digo que os seus anxos no ceo sempre ven o rostro do* meu Pai que está no ceo. 11 —*
12 ”Que pensades? Se un home ten 100 ovellas e se perde unha delas, non credes que deixará as outras 99 nas montañas e se poñerá a buscar a que anda perdida? 13 Se a encontra, asegúrovos que se vai alegrar máis por esa que polas 99 que non se perderon. 14 Da mesma maneira, o meu* Pai que está no ceo non quere que se perda nin sequera unha desas persoas que son coma nenos.
15 ”Así que se o teu irmán peca contra ti, vai falar con el en privado e faille ver o seu erro*. Se te escoita, recuperaches o teu irmán*. 16 Pero se non te escoita, leva contigo unha ou dúas persoas máis para que todo se poida confirmar* co testemuño* de dúas ou tres persoas. 17 Se non as escoita a elas, infórmallo á congregación*. E se tampouco escoita a congregación, trátao coma se fose alguén das nacións e coma un cobrador de impostos.
18 ”Asegúrovos que calquera cousa que atedes na terra xa estará atada no ceo, e calquera cousa que desatedes na terra xa estará desatada no ceo. 19 Tamén vos aseguro que se dous de vós na terra estades de acordo en pedir algo importante, farase realidade grazas ó meu Pai que está no ceo. 20 Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.
21 Entón, Pedro acercouse a Xesús e preguntoulle: “Señor, se meu irmán peca contra min, cantas veces teño que perdoalo? Ata 7 veces?”. 22 El contestoulle: “Non ata 7 veces, senón ata 77 veces.
23 ”Por iso, o Reino dos ceos pódese comparar a un rei que quixo que os seus escravos lle pagasen o que lle debían. 24 Cando empezou a botar contas, trouxéronlle a un que lle debía 10.000 talentos*. 25 Como o escravo non tiña suficientes cartos para pagarlle, o rei mandou que o vendesen a el, a súa muller, os seus fillos e tódalas cousas que tiña para que se pagase o que debía. 26 Pero o escravo botouse ó chan, inclinouse diante del* e suplicoulle: ‘Ten paciencia comigo e pagareicho todo’. 27 Isto tocoulle o corazón ó rei, así que deixou marchar o escravo e perdooulle o que lle debía. 28 Pero cando o escravo saíu, encontrouse cun compañeiro seu que tamén era escravo e que lle debía 100 denarios. Entón, agarrouno polo pescozo, empezou a afogalo e díxolle: ‘Paga todo o que me debes!’. 29 O outro escravo botouse ó chan diante del e suplicoulle: ‘Ten paciencia comigo e pagareicho’. 30 Pero el non quixo. Marchou e mandou que o metesen en prisión ata que puidese pagar o que debía. 31 Cando os demais escravos viron o que pasara, puxéronse moi tristes e fóronllo contar todo ó rei. 32 Entón o rei mandouno chamar e díxolle: ‘Escravo malvado! Cando ti me suplicaches, eu perdoeiche todo o que me debías. 33 Non deberías terlle misericordia ó teu compañeiro igual que cha tiven eu a ti?’. 34 O rei enfadouse tanto que o entregou ós gardas da prisión para que o encerrasen ata que pagase todo o que debía. 35 Así é como vos vai tratar a vós o meu Pai celestial se non perdoades de corazón os vosos irmáns”.