Carta ós Romanos
2 Así que sen importar quen sexas, se xulgas a outros non tes escusa. Porque cando xulgas a outros, estaste condenando a ti mesmo, pois ti, que es o que xulgas, fas as mesmas cousas. 2 Sabemos que Deus xulga de acordo coa verdade e condena os que fan esas cousas.
3 Pero ti, que xulgas os que fan esas cousas que ti tamén fas, cres que vas escapar do xuízo de Deus? 4 Ou desprezas a súa gran* bondade, tolerancia e paciencia porque non sabes que Deus está intentando guiarte con bondade cara ó arrepentimento? 5 Pero como es cabezón e o teu corazón non se arrepinte, estás acumulando ira contra ti mesmo para o día da ira e da revelación do xuízo xusto de Deus. 6 El daralle a cada un o que merece polas súas accións: 7 vida eterna para os que aguantan facendo o que está ben e que buscan gloria, honra e vida para sempre, 8 pero ira e furia para os que provocan conflitos e desobedecen a verdade pero obedecen a inxustiza. 9 Haberá dificultades* e sufrimentos para tódolos que fan cousas malas, primeiro para os xudeus e tamén para os gregos. 10 Pero haberá gloria, honra e paz para tódolos que fan o que está ben, primeiro para os xudeus e tamén para os gregos. 11 Porque Deus non fai diferenzas entre as persoas*.
12 Porque tódolos que pecaron sen estar baixo a Lei de Moisés tamén morrerán sen lei, pero tódolos que pecaron estando baixo a Lei serán xulgados segundo a Lei. 13 Porque os que escoitan a Lei non son os que son xustos diante de Deus, senón que os que cumpren a Lei son os que van ser declarados xustos. 14 Cando a xente das nacións, que non ten Lei, fai por natureza as cousas que di a Lei, eles, aínda que non teñen a Lei, son unha lei para si mesmos. 15 Eles mesmos demostran que a esencia da Lei está escrita nos seus corazóns ó mesmo tempo que a súa conciencia tamén testifica, e son os seus propios pensamentos os que os acusan ou incluso os xustifican. 16 O que estou dicindo sucederá o día no que Deus xulgue mediante Cristo Xesús as cousas secretas da humanidade, de acordo coas boas noticias que anuncio.
17 Se ti dis que es xudeu e confías na lei e te sentes orgulloso de ser parte do pobo de Deus, 18 se sabes cal é a súa vontade e aprobas as cousas que son excelentes porque fuches instruído* na Lei, 19 se estás convencido de que es un guía para os cegos, unha luz para os que están en escuridade, 20 un instrutor para os insensatos e un mestre para os nenos pequenos, e se entendes a estrutura do coñecemento e da verdade que se encontra na Lei, 21 entón, ti que ensinas a outros, non te ensinas a ti mesmo? Ti que predicas “Non roubes”, roubas? 22 Ti que dis “Non cometas adulterio”, cometes adulterio? Ti que aborreces os ídolos, roubas nos templos? 23 Ti que te sentes orgulloso de ter a lei de Deus, deshonras a Deus desobedecendo a Lei? 24 Porque, tal como está escrito, “o nome de Deus está sendo blasfemado entre as nacións pola vosa culpa”.
25 En realidade, a circuncisión só é beneficiosa se obedeces a Lei, pero se desobedeces a Lei, a túa circuncisión convértese en incircuncisión. 26 Por iso, se un home que non está circuncidado obedece os xustos requisitos da Lei, non se vai considerar a súa incircuncisión como circuncisión? 27 E cando o home que non está circuncidado fisicamente obedeza a Lei, xulgarate a ti que a desobedeces, aínda que tes a Lei escrita* e estás circuncidado. 28 Porque non é xudeu quen o é por fóra nin é a circuncisión algo externo que se lle fai ó corpo. 29 Ó contrario, é xudeu quen o é por dentro, e a súa circuncisión é a do corazón, que se fai por medio do espírito e non por seguir a Lei escrita. Esa persoa non recibe honra* da xente, senón de Deus.