As boas noticias segundo Xoán
7 Despois disto, Xesús quedou predicando en* Galilea porque prefería non andar por Xudea, pois os xudeus estaban buscando unha oportunidade para matalo. 2 Pero como faltaba pouco para a festa xudía dos Tabernáculos*, 3 os seus irmáns dixéronlle: “Marcha de aquí e vai a Xudea para que os teus discípulos tamén vexan as cousas que fas. 4 Porque cando alguén quere que todos o coñezan, non fai nada en segredo. Xa que fas estas cousas, ensínalle ó mundo quen es”. 5 En realidade, os seus irmáns non tiñan fe nel. 6 Entón Xesús díxolles: “A miña hora aínda non chegou, pero para vós calquera momento é bo. 7 O mundo non ten motivos para odiarvos a vós, pero a min ódiame porque dou a coñecer que as cousas que fai son malas. 8 Subide vós á festa. Eu aínda non vou subir porque a miña hora aínda non chegou”. 9 E despois de dicirlles isto, quedou en Galilea.
10 Pero cando os seus irmáns xa subiran á festa, el tamén subiu, pero non o fixo á vista de todos, senón en segredo. 11 Así que durante a festa, os xudeus puxéronse a buscalo e dicían: “Onde estará este home?”. 12 Entre a multitude había moitos que falaban polo baixo sobre Xesús. Algúns dicían: “É un bo home”. Pero outros dicían: “Non, non o é, porque engana a xente”. 13 Pero claro, ninguén se atrevía a falar del en público porque lles tiñan medo ós xudeus.
14 Cando xa pasara a metade da festa, Xesús subiu ata o templo e púxose a ensinar. 15 Os xudeus estaban moi sorprendidos e dicían: “Como pode este home saber tanto das Escrituras* se non estudou nas escolas*?”. 16 Entón Xesús contestoulles: “O que eu ensino non vén de min, senón do que me enviou. 17 Se alguén quere facer a vontade de Deus, saberá se o que ensino vén de Deus ou se ensino as miñas propias ideas. 18 Se alguén ensina as súas ideas busca a súa propia gloria, pero o que busca a gloria de quen o enviou é fiel á verdade e non hai inxustiza nel. 19 Moisés deuvos a Lei, non? Pero ningún de vós a obedece. Por que intentades matarme?”. 20 A multitude contestoulle: “Tes un demo dentro! Quen intenta matarte?”. 21 Entón Xesús díxolles: “Só fixen unha cousa e todos quedastes sorprendidos. 22 Pensade nisto: Moisés deuvos a lei da circuncisión* (aínda que en realidade non vén de Moisés, senón dos seus antepasados) e vós circuncidades os nenos incluso se é sábado. 23 Se circuncidades os nenos incluso en sábado para non desobedecer a Lei de Moisés, por que vos poñedes tan furiosos comigo por curar por completo un home en sábado? 24 Deixade de xulgar polas aparencias e xulgade dunha maneira xusta”.
25 Entón, algúns dos que vivían en Xerusalén puxéronse a dicir: “Este é o home que intentan matar, non? 26 Pero mirade para aí! Está falando diante de todos e non lle din nada. Será que os nosos gobernantes se convenceron de que el é o Cristo? 27 Pero nós sabemos de onde é este home, e cando veña o Cristo ninguén saberá de onde é”. 28 Entón, mentres ensinaba no templo, Xesús levantou a voz e dixo: “Vós coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non decidín pola miña conta vir aquí. O que me enviou existe de verdade e vós non o coñecedes. 29 Eu si que o coñezo, porque son o seu representante e el foi quen me enviou”. 30 Por iso empezaron a buscar unha oportunidade para arrestalo, pero ninguén puido collelo porque aínda non chegara a súa hora. 31 Aínda así, moitos dos que estaban alí empezaron a ter fe nel e dicían: “Cando veña o Cristo, non vai facer máis milagres* que os que xa fixo este home, non?”.
32 Os fariseos escoitaron a multitude falando estas cousas polo baixo sobre Xesús. Por iso, os sacerdotes principais e os fariseos mandaron uns gardas para arrestalo. 33 Entón Xesús díxolle á xente: “Estarei con vós un pouco máis antes de ir onda o que me enviou. 34 Buscarédesme, pero non me encontraredes. Para onde eu vou, vós non podedes ir”. 35 Así que os xudeus puxéronse a falar entre eles e a dicir: “A onde ten pensado ir este para que non o poidamos encontrar? Non pretenderá ir onda os xudeus que están espallados entre os gregos e ensinarlles tamén ós gregos, non? 36 A que se refería cando dixo ‘Buscarédesme, pero non me encontraredes. Para onde eu vou, vós non podedes ir’?”.
37 O último día, o día máis importante da festa, Xesús púxose de pé, levantou a voz e dixo: “Se alguén ten sede, que me siga e beba. 38 Tal e como din as Escrituras: ‘Se alguén demostra que ten fe en min, sairán do máis profundo do seu ser ríos de auga que dá vida’”. 39 Xesús dixo isto referíndose ó espírito santo que ían recibir os que tivesen fe nel. Aínda non o recibiran, porque el aínda non fora glorificado*. 40 Cando oíron estas palabras, algúns dos que estaban entre a multitude empezaron a dicir: “Está claro que este é o Profeta”. 41 Outros dicían: “Este é o Cristo”. Pero algúns dicían: “O Cristo non pode vir de Galilea, non? 42 E logo non din as Escrituras que o Cristo sería descendente de David e que viría de Belén, a aldea de onde era David?”. 43 Isto fixo que a xente non se puxese de acordo sobre el. 44 Algúns querían arrestalo, pero ninguén puido collelo.
45 Entón os gardas volveron onda os sacerdotes principais e os fariseos, e os fariseos preguntáronlles: “Por que non o trouxestes?”. 46 Os gardas respondéronlles: “Nunca houbo ninguén que falase así”. 47 E os fariseos dixéronlles: “Non vos deixariades enganar vós tamén, non? 48 Ningún dos nosos gobernantes ou dos fariseos ten fe nel, a que non? 49 Pero esta xente que non coñece a Lei son uns malditos”. 50 Entón Nicodemo, que antes fora a ver a Xesús e que era un dos fariseos, díxolles: 51 “A nosa Lei di que non se pode xulgar a ninguén sen escoitalo primeiro e saber o que fixo, verdade?”. 52 Cando escoitaron isto, dixéronlle: “Ti non serás tamén de Galilea, non? Investiga e verás que de Galilea non vai saír ningún profeta”.*