As boas noticias segundo Mateo
21 Cando estaban cerca de Xerusalén, pararon en Betfagué, no Monte das Oliveiras, e Xesús díxolles a dous dos seus discípulos: 2 “Ide á aldea que vedes alí. En canto cheguedes, encontraredes unha burra atada e un burriño con ela. Desatádeos e traédemos. 3 Se alguén vos di algo, respondédelle: ‘O Señor necesítaos’. E inmediatamente deixará que os levedes”.
4 Isto pasou para que se cumprise o que se dixera mediante o profeta: 5 “Dicídelle á filla de Sión: ‘Mira! O teu rei vén cara a ti. É apracible* e vai montado nun burro, si, nun burriño, na cría dun animal de carga’”.
6 Así que os discípulos foron e fixeron tal como Xesús lles mandara. 7 Trouxéronlle a burra co seu burriño, puxéronlles os seus mantos enriba e Xesús sentouse no burriño. 8 Alí había unha multitude e a maioría das persoas estenderon os seus mantos no camiño. Outras empezaron a cortar follas de palmeiras e a poñelas tamén polo camiño. 9 Ademais, as multitudes que ían diante del e as que o seguían berraban: “Deus, por favor, salva* o Fillo de David! Bendito o que vén no nome de Xehová*! Deus que estás nas alturas, sálvao, por favor!”.
10 Cando entrou en Xerusalén, armouse un barullo moi grande en toda a cidade e a xente preguntaba: “Quen é este?”. 11 E as multitudes que estaban con el respondían: “É o profeta Xesús, de Nazaret de Galilea!”.
12 Xesús entrou no templo e botou fóra a tódolos que vendían e compraban alí. Tirou as mesas dos que cambiaban cartos e os bancos dos que vendían pombas, 13 e díxolles: “Está escrito ‘A miña casa será chamada casa de oración’, pero vós estádela convertendo nunha cova de ladróns”. 14 Mentres estaba no templo, tamén se lle acercaron persoas cegas e coxas, e el curounas.
15 Os sacerdotes principais e os escribas indignáronse ó ver as cousas impresionantes que facía Xesús e que os nenos berraban no templo: “Deus, por favor, salva o Fillo de David!”. 16 Entón dixéronlle a Xesús: “Escoitas o que están dicindo?”. E el respondeulles: “Si, escoito. Seica nunca lestes isto: ‘Fixeches que saíse louvanza da boca dos nenos e dos meniños ós que aínda lles están dando o peito’?”. 17 Despois deixounos, saíu da cidade, marchou para Betania e pasou alí a noite.
18 Pola mañá cedo, cando volvía á cidade, entroulle a fame. 19 Entón viu unha figueira ó lado do camiño e acercouse a ela, pero non encontrou nada máis que follas. Por iso lle dixo: “Que nunca máis volvas a dar froito”. E a figueira secou no momento. 20 Cando os discípulos viron isto, quedaron coa boca aberta e dixeron: “Como é posible que a figueira secase de repente?”. 21 Xesús respondeulles: “Se tedes fe e non dubidades, asegúrovos que non só faredes o que fixen eu coa figueira. Tamén lle diredes a esta montaña ‘Levántate e bótate ó mar’, e así pasará. 22 Se tedes fe, recibiredes todo o que pidades cando oredes”.
23 Despois entrou no templo e os sacerdotes principais e os anciáns do pobo acercáronse a el mentres ensinaba, e preguntáronlle: “Con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu esa autoridade?”. 24 Xesús respondeulles: “Eu tamén vos vou facer unha pregunta. Se ma contestades, direivos con que autoridade fago estas cousas. 25 De onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes?”. Entón empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vainos preguntar: ‘E logo, por que non lle crestes?’. 26 Pero se dicimos que viña dos homes, dá medo pensar en como vai reaccionar a xente, porque todos cren que Xoán foi un profeta”. 27 Por iso lle contestaron: “Non sabemos”. Entón Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
28 ”A ver que pensades disto. Un home que tiña dous fillos acercouse ó primeiro e díxolle: ‘Fillo, vai traballar hoxe á viña’. 29 El contestoulle: ‘Non quero ir’. Pero ó final arrepentiuse e foi. 30 Despois, o pai díxolle o mesmo ó outro fillo e el respondeulle: ‘Vou, pai*’. Pero ó final non foi. 31 Cal dos dous fillos fixo o que quería seu pai?”. Eles contestaron: “O primeiro”. Entón Xesús díxolles: “Asegúrovos que os cobradores de impostos e as prostitutas van diante de vós ó Reino de Deus*. 32 Porque Xoán veu para ensinarvos o camiño correcto* e non crestes nel, pero os cobradores de impostos e as prostitutas si que creron. E vós nin sequera vendo iso vos arrepentistes e crestes nel.
33 ”Escoitade outra comparación. O dono dun terreo plantou unha viña e rodeouna cunha cerca. Ademais cavou un lagar e tamén levantou unha torre. Despois arrendoulles a viña a uns agricultores e marchou ó estranxeiro. 34 Cando chegou a temporada da vendima, enviou os seus escravos onda os agricultores para que lles desen a parte que lle correspondía do que recolleran*. 35 Pero os agricultores colleron os escravos, déronlle unha malleira a un, asasinaron a outro e mataron a outro a pedradas. 36 O dono volveu mandar escravos, máis que da primeira vez, pero fixéronlles o mesmo. 37 Ó final mandou o seu fillo, porque pensaba: ‘Ó meu fillo vano respectar’. 38 Pero cando os agricultores viron o fillo, dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Veña! Ímolo matar, e así quedamos nós co terreo*’. 39 Entón collérono, sacárono fóra da viña e matárono. 40 Cando chegue o dono da viña, que lles vai facer ós agricultores?”. 41 Os sacerdotes principais e os anciáns contestáronlle: “Por ser tan malas persoas, acabará por completo con eles e arrendaralles a viña a outros agricultores, que lle darán o que recollan* cando chegue o tempo da colleita”.
42 Xesús díxolles: “As Escrituras din: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*. Esta veu de Xehová* e para nós é marabillosa’. Seica nunca lestes isto? 43 Por iso vos digo: quitarásevos o Reino de Deus e daráselle a unha nación que dea bos froitos*. 44 Ademais, quen caia sobre esta pedra quedará feito pedazos. E se esta pedra lle cae enriba a alguén, quedará desfeito”.
45 Cando os sacerdotes principais e os fariseos oíron as comparacións que poñía Xesús, déronse conta de que falaba deles. 46 Aínda que querían arrestalo, tíñanlles medo ás multitudes, porque crían que era un profeta.