Feitos dos Apóstolos
7 Entón, o sumo sacerdote preguntoulle: “É certo iso que din?”. 2 Esteban respondeu: “Irmáns e respectados anciáns, escoitade. O Deus da gloria aparecéuselle ó noso antepasado Abrahán cando estaba en Mesopotamia, antes de que fose vivir a Harán, 3 e díxolle: ‘Deixa a túa terra e os teus parentes, e vaite para a terra que eu che mostrarei’. 4 Así que deixou a terra dos caldeos* e foi vivir a Harán. Despois de que morrese seu pai, Deus fixo que se mudase á terra na que vivides agora. 5 Aínda así, non lle deu nesa terra ningunha herdanza, nin sequera un cacho onde poñer o pé. Pero prometeu darlla en propiedade a el e despois ós seus descendentes, aínda que daquela non tiña fillo ningún. 6 Ademais, díxolle que os seus descendentes serían estranxeiros nunha terra que non era deles e que a xente de alí os convertería en escravos e os maltrataría durante 400 anos. 7 Deus dixo: ‘Eu vou xulgar a nación que os converterá en escravos’. E tamén dixo: ‘Despois diso, eles sairán de alí e daranme servizo sagrado neste lugar’.
8 ”Tamén lle deu o pacto da circuncisión. Abrahán chegou a ser o pai de Isaac e circuncidouno ó oitavo día. Isaac chegou a ser o pai de Xacob* e Xacob chegou a ser o pai dos 12 patriarcas. 9 Estes patriarcas puxéronse celosos do seu irmán Xosé e vendérono a Exipto. Pero Deus estaba con el, 10 e liberouno de tódalas súas desgrazas, deulle sabedoría e fixo que conseguise a aprobación do faraón, o rei de Exipto. Despois, o faraón encargoulle que gobernase Exipto e toda a súa casa. 11 Pero houbo unha época de moita fame en todo Exipto e Canaán. Foi un tempo de moita angustia* e os nosos antepasados non tiñan nada que comer. 12 Cando Xacob escoitou que había comida* en Exipto, mandou alí os nosos antepasados por primeira vez. 13 E cando foron por segunda vez, Xosé díxolles ós seus irmáns quen era el, e o faraón chegou a saber da familia de Xosé. 14 Entón Xosé mandou que trouxesen a seu pai Xacob e a toda a súa familia. En total eran 75 persoas. 15 Así que Xacob baixou a Exipto e morreu alí, igual que os nosos antepasados. 16 Os ósos foron levados a Siquem e enterrados na tumba que Abrahán lles comprara por certa cantidade de prata* ós fillos de Hamor en Siquem.
17 ”Xusto cando se estaba acercando o tempo de que se cumprise a promesa que Deus lle fixera a Abrahán, o pobo medrou e multiplicouse en Exipto, 18 ata que empezou a gobernar alí un rei diferente que non coñecía a Xosé. 19 Este rei aproveitouse do noso pobo e obrigou os nosos pais a abandonar os seus bebés para que morresen. 20 Naquel tempo naceu Moisés, que era precioso incluso ós ollos de Deus, e criouse durante tres meses na casa de seu pai. 21 Pero cando o abandonaron, a filla do faraón encontrouno e criouno coma se fose fillo seu. 22 Así que Moisés foi educado en toda a sabedoría dos exipcios. De feito, as cousas que dicía e facía demostraban que tiña moito poder.
23 ”Cando tiña 40 anos, decidiu ir ver como estaban os seus irmáns, os israelitas. 24 Cando viu que estaban maltratando a un deles, defendeuno e vingouno matando o exipcio que o maltrataba. 25 Pensou que os seus irmáns entenderían que Deus os estaba salvando mediante el, pero eles non o entenderon así. 26 Ó día seguinte, foi onda dous deles que estaban pelexando e intentou que fixesen as paces. Díxolles: ‘Sodes irmáns. Por que pelexades entre vós?’. 27 Pero o que lle estaba pegando ó seu irmán empuxou a Moisés e díxolle: ‘E a ti quen te escolleu como gobernante e xuíz sobre nós? 28 Seica queres matarme a min tamén como mataches onte o exipcio?’. 29 Ó escoitar iso, Moisés escapou de Exipto e foi vivir como estranxeiro á terra de Madián. Alí casou e tivo dous fillos.
30 ”E 40 anos despois aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinaí, no lume dun arbusto* que estaba ardendo. 31 Cando Moisés viu iso, quedou impresionado. E ó acercarse para velo mellor, escoitou a voz de Xehová*, que dicía: 32 ‘Eu son o Deus dos teus antepasados, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob’. Moisés empezou a tremer e non se atreveu a seguir mirando. 33 Entón, Xehová* díxolle: ‘Quita as sandalias, porque o chan que estás pisando é santo. 34 Vin como maltratan o meu pobo en Exipto, escoitei os seus lamentos e baixei para liberalos. Agora, ven, voute mandar a Exipto’. 35 Este é o mesmo Moisés que rechazaran dicindo: ‘E a ti quen te escolleu como gobernante e xuíz?’. Pero foi a el a quen Deus enviou como gobernante e salvador mediante o anxo que se lle apareceu no arbusto. 36 Foi Moisés quen os sacou de Exipto facendo cousas impresionantes e milagres* alí, e tamén no Mar Vermello e no deserto durante 40 anos.
37 ”Este é o mesmo Moisés que lles dixo ós fillos de Israel: ‘Deus escollerá para vós un profeta coma min entre os vosos irmáns’. 38 El foi o que estivo entre o pobo de Israel no deserto, o que estivo co anxo que lle falou no monte Sinaí e cos nosos antepasados. El recibiu a mensaxe sagrada e viva de Deus para dárnola a nós. 39 Os nosos antepasados non quixeron obedecelo. En vez diso, rechazárono e nos seus corazóns quixeron volver a Exipto. 40 De feito, dixéronlle a Aarón: ‘Fainos deuses que nos guíen, porque non sabemos que lle pasou a este Moisés que nos sacou da terra de Exipto’. 41 Así que naqueles días fixeron un ídolo con forma de becerro, ofrecéronlle un sacrificio e puxéronse a celebrar o que fixeran. 42 Entón Deus abandonounos e deixou que adorasen os astros do ceo*, tal como está escrito no libro dos profetas: ‘Oh, casa de Israel, verdade que as ofrendas e os sacrificios que fixestes durante 40 anos no deserto non eran para min? 43 Todo o contrario: fixestes imaxes da tenda de Moloc* e da estrela do deus Refán, e levástelas con vós para adoralas. Por iso vos vou desterrar máis alá de Babilonia’.
44 ”Os nosos antepasados tiñan a tenda do Testemuño no deserto. Deus mandáralle a Moisés que a fixese seguindo o modelo que el lle mostrara. 45 Os nosos antepasados herdárona e levárona con Xosué á terra das nacións que Deus expulsou diante deles. E quedou alí ata os días de David. 46 David tivo a aprobación de Deus e pediulle ter o privilexio de facer unha casa para el, o Deus de Xacob. 47 Pero foi Salomón quen lla fixo. 48 Con todo, o Altísimo non vive en casas feitas por mans humanas. É como di o profeta: 49 ‘Xehová* di: “O ceo é o meu trono e a terra é o banco para os meus pés. Que tipo de casa faredes para min? Acaso hai algún sitio onde eu poida descansar? 50 Non foi a miña man a que fixo todas estas cousas?”’.
51 ”Sodes cabezóns*, tedes o corazón duro e os oídos pechados*. Estades sempre desobedecendo o espírito santo. Facedes o mesmo que fixeron os vosos antepasados. 52 A cal dos profetas non perseguiron eles? Mataron os que anunciaron que ía vir o Xusto, a quen vós traizoastes e asasinastes. 53 Vós recibistes a Lei tal e como a transmitiron os anxos, pero non a obedecestes”.
54 Ó escoitar todo isto, os seus corazóns* enchéronse de rabia e, mirando para Esteban, empezaron a apertar os dentes. 55 Pero el, cheo de espírito santo, mirou cara ó ceo e viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita del, 56 e dixo: “Mirade! Vexo os ceos abertos e o Fillo do Home* de pé á dereita de Deus”. 57 Entón, eles puxéronse a berrar con tódalas súas forzas, taparon os oídos para non escoitar o que dicía e botáronse todos enriba del. 58 Despois, sacárono da cidade e empezaron a tirarlle pedras. E as testemuñas falsas que o acusaran deixaron os seus mantos ós pés dun home novo que se chamaba Saulo. 59 Mentres o estaban matando a pedradas, Esteban suplicou: “Xesús, meu Señor, recibe o meu espírito”. 60 Entón, púxose de xeonllos e berrou con voz forte: “Xehová*, non lles teñas en conta este pecado”. E despois de dicir isto, morreu*.