Feitos dos Apóstolos
6 Naqueles días, cando estaba aumentando o número de discípulos, os xudeus de fala grega empezaron a queixarse dos xudeus de fala hebrea porque non se estaba tendo en conta as viúvas de fala grega no reparto diario da comida. 2 Así que os Doce xuntaron a tódolos discípulos e dixéronlles: “Non está ben que nós deixemos de ensinar a palabra de Deus para poñernos a repartir a comida entre as mesas. 3 Por iso, irmáns, escollede de entre vós sete homes de boa reputación que estean cheos de espírito e de sabedoría para que os poñamos a cargo deste labor necesario. 4 Nós dedicarémonos á oración e a ensinar a palabra de Deus*”. 5 A todos lles pareceu ben o que dixeron, así que escolleron a Esteban, un home cheo de fe e de espírito santo, e tamén a Felipe, a Prócoro, a Nicanor, a Timón, a Pármenas e a Nicolás, un prosélito de Antioquía. 6 Entón leváronos diante dos apóstolos, eles oraron e despois impuxéronlles as mans*.
7 Isto fixo que a palabra de Deus seguise estendéndose, e o número de discípulos seguiu aumentando moitísimo en Xerusalén. Ademais, un grupo grande de sacerdotes tamén se fixeron discípulos*.
8 Deus déralle a Esteban a súa aprobación e moito poder, e el facía grandes milagres* e cousas impresionantes entre o pobo. 9 Entón uns homes da que se coñecía como a Sinagoga dos Libertos xunto con algúns de Cirene, de Alexandría, de Cilicia e de Asia foron para discutir con Esteban. 10 Pero non eran capaces de enfrontarse a el, porque falaba con moita sabedoría e coa axuda do espírito santo. 11 Así que convenceron a uns homes en segredo para que dixesen: “Nós oímoslle dicir blasfemias* contra Moisés e contra Deus”. 12 Así revolucionaron o pobo, os anciáns e os escribas. E de repente chegaron onda Esteban, collérono á forza e levárono diante do Sanedrín. 13 Tamén presentaron testemuñas falsas que dixeron: “Este home non para de falar contra este lugar santo e contra a Lei. 14 Por exemplo, escoitámoslle dicir que este Xesús o Nazareno botaría abaixo este lugar e cambiaría os costumes que Moisés nos deixou”.
15 E tódolos que estaban sentados no Sanedrín miraron para el e viron que a súa cara parecía a dun anxo.