Feitos dos Apóstolos
26 Agripa díxolle a Paulo: “Podes presentar a túa defensa”. Entón Paulo fixo un xesto coa man e empezou a falar:
2 “Rei Agripa, estou moi contento de poder defenderme hoxe diante de ti de tódalas cousas das que me acusan os xudeus, 3 sobre todo porque es un experto en tódolos costumes e conflitos dos xudeus. Por iso che suplico que me escoites con paciencia.
4 ”A vida que levei desde que era novo entre a miña xente* e en Xerusalén coñécena ben tódolos xudeus 5 que me coñecen de antes. Se quixesen, poderían testificar que vivín como fariseo de acordo co grupo máis estrito* da nosa relixión. 6 Pero agora estáseme xulgando pola esperanza que teño na promesa que Deus lles fixo ós nosos antepasados. 7 Esta é a mesma promesa que as nosas 12 tribos esperan ver cumprida ó darlle servizo sagrado a Deus día e noite con moito entusiasmo. Pois resulta, oh rei, que os xudeus estanme acusando porque teño esta esperanza.
8 ”Por que vos parece* imposible que Deus resucite* os mortos? 9 Eu mesmo estaba convencido de que tiña que usar tódolos medios posibles para loitar contra o nome de Xesús o Nazareno. 10 Iso foi xusto o que fixen en Xerusalén. Coa autorización dos sacerdotes principais, metín na prisión moitos dos seus discípulos*. E cando os ían executar, eu votaba a favor. 11 Moitas veces ía de sinagoga en sinagoga castigándoos e intentando obrigalos a renunciar á súa fe. Como sentía tanta rabia contra eles, cheguei ó punto de perseguilos incluso en cidades apartadas.
12 ”Por iso fun a Damasco, porque os sacerdotes principais déranme a autoridade e o encargo de facer alí o mesmo. 13 Pero ó mediodía, oh, rei, vin no camiño unha luz do ceo máis brillante que o sol, que nos rodeou a min e ós que ían comigo. 14 Cando todos caemos ó chan, oín unha voz que me dicía en hebreo: ‘Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo? Estaslle dando patadas* ó aguillón* e estaste facendo dano a ti mesmo’. 15 Eu pregunteille: ‘Señor, ti quen es?’. E el contestoume: ‘Son Xesús, a quen estás perseguindo. 16 Levántate, ponte de pé. Aparecinme diante de ti para escollerte como servo e como testemuña das cousas que viches e das que che farei ver sobre min. 17 E eu salvareite deste pobo e das nacións, ás que te vou enviar 18 para que lles abras os ollos, para que se volvan da escuridade á luz e da autoridade de Satanás á de Deus. Así, pola súa fe en min, poderán recibir o perdón dos pecados e unha herdanza entre os que son santificados*’.
19 ”Así que, rei Agripa, eu obedecín o que Xesús me mandou nesa visión. 20 Primeiro fun ós de Damasco, despois ós de Xerusalén e a toda a rexión de Xudea, e tamén ás nacións. Leveilles a mensaxe de que se arrepentisen e se volvesen a Deus, e demostrasen con feitos o seu arrepentimento. 21 Por iso os xudeus colléronme no templo e intentaron matarme. 22 Pero, grazas á axuda de Deus, sigo dando testemuño ata o día de hoxe tanto a grandes como a pequenos. Non digo nada que vaia máis alá do que os Profetas e Moisés dixeron que ía pasar: 23 que o Cristo ía sufrir e que el, que sería o primeiro en resucitar de entre os mortos, anunciaría luz a este pobo e ás nacións”.
24 Mentres Paulo dicía estas cousas na súa defensa, Festo berrou: “Toleaches, Paulo! De tanto estudar, fóiseche a cabeza!”. 25 Pero Paulo contestoulle: “Non me volvín tolo, excelentísimo Festo. O que digo é certo e ten sentido. 26 De feito, sei que o rei ó que lle estou falando con tanta franqueza coñece moi ben todas estas cousas. Estou convencido de que nada disto é descoñecido para el, porque ningunha destas cousas se fixo en segredo. 27 Rei Agripa, cres no que din os Profetas*? Eu sei que cres”. 28 Pero Agripa díxolle a Paulo: “Non ías tardar moito en convencerme para que me fixese cristián”. 29 Paulo respondeulle: “Pídolle a Deus que, antes ou despois, non só ti senón tamén tódolos que me están escoitando hoxe cheguen a ser cristiáns coma min, pero sen ter que levar estas cadeas”.
30 Entón o rei púxose de pé, e tamén o gobernador, Berenice e os homes que estaban alí sentados con eles. 31 Mentres ían saíndo, dicíanse uns ós outros: “Este home non fixo nada polo que mereza morrer nin estar preso”. 32 E Agripa díxolle a Festo: “Este home xa podería estar libre se non apelase a César”.