Primeira Carta de Xoán
1 Escribímosvos sobre o que existía desde o principio, o que escoitamos, o que vimos cos nosos ollos, o que observamos e o que tocamos coas nosas mans, sobre a palabra da vida, 2 (si, a vida foi manifestada, e nós vimos e estamos dando testemuño e anunciándovos a vida eterna que estaba co Pai e que nos foi manifestada). 3 Falámosvos do que vimos e oímos para que vós tamén poidades estar unidos a nós*. E nós estamos unidos ó Pai e ó seu Fillo, Xesucristo. 4 Escribimos estas cousas para que todos nós sexamos moi felices.
5 Esta é a mensaxe que escoitamos del e que vos estamos anunciando: Deus é luz e nel* non hai nada de escuridade. 6 Se dicimos “Estamos unidos a el” pero seguimos andando na escuridade, estamos mentindo e non vivimos de acordo coa verdade. 7 Pero se andamos na luz, tal como el está na luz, estamos unidos entre nós, e o sangue do seu Fillo Xesús límpanos de tódolos pecados.
8 Se dicimos “Non temos pecado”, estámonos enganando a nós mesmos e a verdade non está no noso corazón. 9 Pero se confesamos os nosos pecados, el perdóaos e límpanos de toda inxustiza, porque é fiel e xusto. 10 E se dicimos “Nós non pecamos”, estamos deixando quedar a Deus coma un mentireiro e non cremos as súas palabras.