As boas noticias segundo Lucas
13 Naquela ocasión, algúns dos que estaban presentes contáronlle a Xesús que Pilato matara uns galileos que estaban ofrecendo sacrificios. 2 Entón el díxolles: “Pensades que o que lles pasou a eses galileos foi porque eran máis pecadores que tódolos demais galileos? 3 Dígovos que non. E se non vos arrepentides, todos vós tamén seredes destruídos. 4 E que pensades dos 18 que morreron cando lles caeu enriba a torre de Siloam? Credes que eran máis culpables que tódolos demais habitantes de Xerusalén? 5 Dígovos que non. E se non vos arrepentides, todos vós ides ser destruídos tamén, igual ca eles”.
6 Entón púxolles esta comparación: “Un home tiña unha figueira plantada na súa viña e foi mirar se tiña figos, pero non encontrou ningún. 7 Despois díxolle ó home que coidaba da viña: ‘Xa levo tres anos vindo a buscar figos a esta figueira e nunca encontrei ningún. Córtaa! Por que debería deixar que se desperdicie o terreo que está ocupando?’. 8 El contestoulle: ‘Señor, déixaa un ano máis. Vou cavar arredor dela e a botarlle esterco. 9 Se despois dá figos, perfecto! E se non, mandas que a corten’”.
10 Un sábado, Xesús estaba ensinando nunha das sinagogas. 11 Resulta que alí había unha muller que levaba 18 anos enferma por culpa dun demo*. Andaba toda dobrada e non se podía poñer dereita. 12 Cando Xesús a viu, díxolle: “Muller, quedas libre da túa enfermidade”. 13 Ademais, puxo as mans sobre ela, e inmediatamente a muller púxose dereita e empezou a darlle gloria a Deus. 14 Cando o presidente da sinagoga viu isto, enfadouse moito porque Xesús curara alguén en sábado, e díxolle á multitude: “Hai seis días nos que hai que traballar. Así que vinde para que se vos cure neses días, e non en sábado”. 15 Pero o Señor contestoulle: “Hipócritas! E logo vós non desatades o voso boi ou o voso burro para levalo a beber en sábado? 16 Pois esta muller é filla de Abrahán, e Satanás tívoa atada durante 18 anos. Non debería ser liberada da súa escravitude aínda que sexa en sábado?”. 17 Cando Xesús dixo isto, tódolos que estaban na súa contra empezaron a sentir vergonza, pero toda a multitude se alegrou moito polas cousas tan marabillosas que facía.
18 Xesús seguiulles dicindo: “A que se parece o Reino de Deus, e con que podo comparalo? 19 É coma un gran de mostaza que un home plantou na súa horta. O gran medrou e converteuse nunha árbore, e os paxaros fixeron os seus niños nas súas pólas”.
20 E volveulles a dicir: “Con que podo comparar o Reino de Deus? 21 É coma o fermento que unha muller botou nunha gran cantidade* de fariña. Ó final, fermentou toda a masa”.
22 Mentres Xesús viaxaba cara a Xerusalén, ía de cidade en cidade e de aldea en aldea ensinándolle á xente. 23 Entón un home preguntoulle: “Señor, son poucos os que se salvan?”. E el dixo: 24 “Esforzádevos ó máximo por entrar pola porta estreita, porque vos digo que moitos intentarán entrar pero non o conseguirán. 25 Cando o dono da casa se levante e peche a porta con chave, quedaredes de pé fóra, chamando á porta e dicindo: ‘Señor, ábrenos!’. Pero el responderavos: ‘Non sei de onde sodes’. 26 Entón empezaredes a dicir: ‘Estivemos comendo e bebendo contigo, e ensinaches nas rúas principais da nosa cidade’. 27 Pero el diravos: ‘Non sei de onde sodes. Apartádevos de min, todos vós, os que facedes o que é inxusto!’. 28 Aí é onde choraredes cheos de desesperación e de rabia*, cando vexades que Abrahán, Isaac, Xacob e tódolos profetas están no Reino de Deus pero a vós botáronvos fóra. 29 Ademais, virá xente do leste e do oeste, e do norte e do sur, e sentaranse* á mesa no Reino de Deus. 30 Escoitade isto: algúns dos últimos serán os primeiros, e algúns dos primeiros serán os últimos”.
31 Xusto nese momento, viñeron uns fariseos e dixéronlle: “Marcha de aquí, porque Herodes quérete matar”. 32 E el contestoulles: “Ídelle dicir a ese raposo: ‘Mira! Hoxe e mañá vou expulsar demos e curar enfermos, e ó terceiro día acabarei’. 33 Pero teño que seguir a miña viaxe hoxe, mañá e pasadomañá, porque non pode ser* que maten un profeta fóra de Xerusalén. 34 Xerusalén, Xerusalén, a que asasina os profetas e mata a pedradas os que son enviados a ela... Cantas veces quixen xuntar os teus fillos igual que a galiña xunta os seus pitiños debaixo das súas alas! Pero non quixestes. 35 Pois, mirade! A vosa casa* queda abandonada e déixase nas vosas mans. Dígovos que non me veredes máis ata que digades: ‘Bendito o que vén no nome de Xehová*!’”.