Apocalipse
3 ”Escríbelle ó anxo da congregación de Sardis: ‘Isto é o que di o que ten os sete espíritos de Deus e as sete estrelas: “Coñezo os teus feitos e sei que tes fama* de estar vivo, pero en realidade estás morto. 2 Mantente alerta e fortalece o que queda e estivo a punto de morrer, porque non te vin facer tódalas cousas que o meu Deus espera que fagas. 3 Polo tanto, acórdate sempre do que recibiches e oíches. Non deixes de obedecelo e arrepíntete. Porque se non despertas, virei coma un ladrón e de ningunha maneira saberás a que hora vou chegar.
4 ”’”Pero en Sardis tes algúns* que non contaminaron a súa roupa, e camiñarán comigo vestidos con roupa branca, porque o merecen. 5 O que venza irá vestido así, con roupa branca, e xamais borrarei o seu nome do libro da vida, senón que direi que coñezo o seu nome diante do meu Pai e dos seus anxos. 6 Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións”’.
7 ”Escríbelle ó anxo da congregación de Filadelfia: ‘Isto é o que di o que é santo, o que é verdadeiro, o que ten a chave de David, o que abre de maneira que ninguén poida pechar e que pecha de maneira que ninguén poida abrir: 8 “Coñezo os teus feitos. (Mira! Puxen diante de ti unha porta aberta que ninguén pode pechar.) E sei que, aínda que tes poucas forzas, obedeciches as miñas palabras e fúchesme leal*. 9 Mira! Farei que os que son do grupo que pertence a* Satanás (que din ser xudeus pero non o son, senón que menten) veñan e se inclinen* diante dos teus pés, e fareilles saber que te quero. 10 Como seguiches as ensinanzas sobre o meu aguante*, eu tamén te protexerei no tempo de proba, que virá sobre toda a terra* para poñer a proba os que viven nela. 11 Veño pronto. Sigue aferrándote ó que tes para que ninguén che quite a túa coroa.
12 ”’”Ó que venza fareino columna* no templo do meu Deus, e nada o fará saír de alí. Nel escribirei o nome do meu Deus, o nome da cidade do meu Deus (a Nova Xerusalén que baixa do ceo, do meu Deus) e o meu novo nome. 13 Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións”’.
14 ”Escríbelle ó anxo da congregación de Laodicea: ‘Isto é o que di o Amén*, a testemuña fiel e verdadeira, a primeira creación de Deus: 15 “Coñezo os teus feitos e sei que non es nin frío nin quente. Quen me dese que foses frío ou quente. 16 Pero como es morno, nin quente nin frío, voute vomitar da miña boca. 17 Ti dis ‘son rico, conseguín riquezas e non necesito absolutamente nada’, pero non te dás conta de que es infeliz, de que dás pena, de que es pobre e cego, e de que estás espido. 18 Por iso, aconsélloche que me compres ouro refinado polo lume para que te fagas rico, roupa branca para que evites a vergonza de que te vexan espido, e pomada para os ollos para que a botes e poidas ver.
19 ”’”Eu corrixo e disciplino a tódolos que lles teño cariño. Así que arrepíntete e sirve a Deus de todo corazón. 20 Mira! Estou de pé petando á porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, entrarei na súa casa e cearemos xuntos. 21 Ó que venza permitireille sentarse comigo no meu trono, tal como eu vencín e me sentei co meu Pai no seu trono. 22 Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións”’”.