Primeira Carta de Pedro
4 Xa que Cristo sufriu cando era humano, equipádevos vós tamén coa mesma actitude* que tivo el. Porque a persoa que sofre demostra que abandonou os pecados, 2 co fin de vivir o tempo que lle queda para facer a vontade de Deus e non para seguir satisfacendo os seus desexos humanos. 3 Porque xa pasastes tempo suficiente facendo a vontade das nacións, cando levabades unha vida chea de actos de conduta descarada*, desexos descontrolados de facer o que está mal*, excesos coa bebida, festas descontroladas, festas para beber e idolatrías detestables*. 4 Como non seguides facendo con eles as mesmas cousas malas*, sorpréndense e falan moi mal de vós. 5 Pero estas persoas terán que render contas ó que está preparado para xulgar os vivos e os mortos. 6 De feito, é por iso polo que tamén se lles anunciaron as boas noticias ós mortos* para que, aínda que sexan xulgados pola súa aparencia* desde o punto de vista dos homes, poidan vivir de acordo co espírito desde o punto de vista de Deus.
7 Pero o final de tódalas cousas xa está cerca. Polo tanto, tede bo xuízo e recordade sempre a importancia de orar*. 8 Sobre todo, tédevos amor intenso uns ós outros, porque o amor tapa moitos pecados. 9 Sede hospitalarios uns cos outros sen queixarvos. 10 Que cada un use o don que recibiu para servir os demais como bos administradores* da bondade inmerecida de Deus que se expresa de diversas maneiras. 11 Se alguén fala, que o faga como quen transmite as mensaxes de Deus. E se alguén serve a outros, que o faga como quen depende da forza que Deus dá. Así Deus será glorificado en tódalas cousas mediante Xesucristo. De Deus son a gloria e o poder para sempre. Amén.
12 Queridos irmáns, non vos sorprendades polas probas tan duras* polas que estades pasando, coma se vos estivese sucedendo algo estraño. 13 Todo o contrario, seguídevos alegrando porque estades pasando polos mesmos sufrimentos do Cristo, para que tamén vos alegredes e vos enchades de felicidade durante a revelación da súa gloria. 14 Se vos están insultando* debido ó nome de Cristo, sodes felices, porque o espírito de gloria, si, o espírito de Deus, está sobre vós.
15 Agora ben, que ningún de vós sufra por ser asasino, ladrón, delincuente ou por meterse nos asuntos dos demais. 16 Pero se algún sofre por ser cristián, que non se avergonce, senón que siga dándolle gloria a Deus vivindo de acordo con este nome. 17 Porque este é o tempo fixado para que empece o xuízo, e empezará pola casa de Deus. Pero se empeza primeiro por nós, que lles pasará ós que non obedecen as boas noticias de Deus? 18 “E se o xusto ten que esforzarse moito para ser salvado, que lles pasará ós malvados* e ós pecadores?”. 19 Polo tanto, os que estean sufrindo por facer a vontade de Deus que sigan facendo o ben e poñéndose nas mans do Creador, que é fiel.