Carta ós Filipenses
2 Esforzádevos por animar os que están unidos a Cristo, por consolar con amor, por preocuparvos uns polos outros* e por demostrarvos profundo cariño e compaixón. 2 Se facedes isto, farédesme moi feliz. Vivide en harmonía*, amádevos uns ós outros, estade completamente unidos* e tede a mesma maneira de pensar. 3 Non fagades nada motivados por un espírito conflitivo ou egocéntrico. En vez diso, pensade con humildade que os demais son superiores a vós 4 e non vos preocupedes só polo que vos interesa a vós, senón tamén polo que lles interesa ós demais.
5 Mantede a mesma actitude que tivo Cristo Xesús: 6 aínda que el existía coa mesma forma que Deus, nin se lle pasou pola cabeza intentar ser igual a Deus. 7 Todo o contrario, deixou todo o que tiña*, aceptou ser un escravo e converteuse nun ser humano. 8 Pero non só iso. Cando veu como humano, humillouse e fíxose obediente ata a morte, unha morte nun madeiro de tortura*. 9 Por iso, Deus elevouno a unha posición superior e deulle de maneira bondadosa o nome que está por enriba de calquera outro nome, 10 para que todos honren o* nome de Xesús (tanto os que están no ceo, como os que están na terra e os que están debaixo dela) 11 e para que todos* recoñezan publicamente que Xesucristo é Señor para a gloria de Deus, o Pai.
12 Así que, meus queridiños, igual que sempre obedecestes, non só cando estaba con vós senón moito máis agora que non o estou, seguídevos esforzando por alcanzar a vosa salvación con profundo respecto e temor de Deus*. 13 Porque, tal e como a el lle agrada, Deus é quen vos enche de enerxía dándovos tanto o desexo como as forzas para actuar. 14 Seguide facendo tódalas cousas sen murmurar nin discutir, 15 para que non sexades culpables de nada e sexades fillos de Deus inocentes. Ó non ter ningún defecto, brillades coma unha luz no mundo, aínda que vivides no medio dunha xeración retorcida e malvada, 16 mentres vos agarrades con forza á palabra de Deus, que dá vida. Se seguides facendo isto, terei razóns para alegrarme no día de Cristo, porque saberei que non corrín en balde nin me esforcei para nada. 17 Pero, aínda que eu sexa derramado coma unha ofrenda líquida*, estou contribuíndo ó sacrificio que estades facendo e ó voso servizo fiel* a Deus. Por iso estou contento e alégrome con todos vós. 18 Da mesma maneira, vós tamén debedes estar contentos e alegrarvos comigo.
19 Agora espero que o Señor Xesús me permita mandarvos pronto a Timoteo para que eu me anime cando me cheguen noticias vosas. 20 De feito, non teño a ninguén cunha actitude coma a súa, que se preocupe sinceramente por vós. 21 Porque tódolos demais preocúpanse polo que lles interesa a eles e non polo que lle interesa a Xesucristo. 22 Pero, como xa sabedes, Timoteo demostrou canto vale porque serviu como escravo comigo para espallar as boas noticias, igual que un fillo co seu pai. 23 Por iso espero mandalo en canto eu saiba o que vai pasar comigo. 24 De feito, estou seguro de que o Señor me vai permitir estar con vós pronto.
25 Pero de momento creo que é necesario que vos envíe a Epafrodito, o meu irmán e colaborador, un compañeiro de batalla que vós me enviastes para que me axudase en todo o que necesitase. 26 Ten moitas ganas de vervos a todos e está deprimido porque escoitastes que el estaba enfermo. 27 E o certo é que estivo tan enfermo que case morre, pero Deus compadeceuse* del. Aínda que non só del, senón tamén de min, para que eu non sufrise unha tristeza tras outra. 28 Por iso volo mando urxentemente, para que vos volvades a alegrar cando o vexades e eu estea menos preocupado. 29 Así que recibídeo con moita alegría, como tedes o costume de recibir os seguidores do Señor, e seguide demostrando que valorades moito os homes que son coma el, 30 porque estivo a punto de morrer por servir o Cristo*. Epafrodito arriscou a súa vida* por min para darme a axuda que vós non me puidestes dar porque non estabades aquí.