Carta de Santiago
4 De onde veñen as guerras e as pelexas que hai entre vós? Non veñen dos desexos da carne que loitan por controlar o voso corpo? 2 Vós desexades pero non tedes. Seguides asasinando e cobizando*, e aínda así non sodes capaces de conseguir o que queredes. Seguides guerreando e discutindo. Non tedes porque non pedides. 3 E cando si que pedides non o recibides, porque pedides con malas intencións, para satisfacer os vosos desexos da carne.
4 Adúlteros*, non sabedes que ser amigos do mundo significa ser inimigos de Deus? Polo tanto, quen quere ser amigo do mundo estase convertendo en inimigo de Deus. 5 Ou pensades que as Escrituras din sen motivo: “O noso corazón segue desexando cousas con envexa”? 6 Pero a bondade inmerecida que el demostra é máis grande. Por iso as Escrituras din: “Deus ponse en contra dos arrogantes, pero móstralles bondade inmerecida ós humildes”.
7 Así que obedecede* a Deus, pero poñédevos en contra do Demo* e el fuxirá de vós. 8 Acercádevos a Deus e el acercarase a vós. Limpade as mans, pecadores, e purificade o voso corazón, indecisos. 9 Poñédevos moi tristes, lamentádevos e chorade. Que a vosa risa se converta en lamento e a vosa alegría en desesperación. 10 Humilládevos diante de Xehová* e el daravos honra*.
11 Irmáns, deixade de falar mal uns dos outros. Quen fala mal dun irmán ou o xulga fala mal da lei e xulga a lei. E se xulgas a lei, non es unha persoa que obedeza a lei, senón un xuíz. 12 Só hai un Lexislador e Xuíz, o que pode salvar e destruír. Pero quen es ti para xulgar os demais*?
13 Agora escoitade. Algúns de vós dicides: “Hoxe ou mañá iremos a tal cidade e pasaremos alí un ano, faremos negocios e ganaremos cartos”. 14 Pero en realidade non sabedes que será da vosa vida mañá. Porque sodes coma unha néboa que aparece durante pouco tempo e despois desaparece. 15 En vez diso, deberiades dicir: “Se Xehová* quere, viviremos e faremos isto ou aquilo”. 16 Pero estades orgullosos de presumir con arrogancia, e presumir desa forma está mal. 17 Polo tanto, se alguén sabe facer o que está ben pero non o fai, xa está pecando.