As boas noticias segundo Xoán
19 Entón Pilato mandou que levasen a Xesús e que lle desen lategazos*. 2 Os soldados entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, colocáronlla na cabeza e puxéronlle un manto de color púrpura. 3 E acercábanselle dicindo: “Viva o rei dos xudeus!”. Ademais, tamén lle pegaban na cara*. 4 Pilato saíu outra vez onda a multitude e díxolle: “Mirade! Tráiovolo aquí fóra para que saibades que non vexo que sexa culpable de nada”. 5 Así que Xesús saíu levando posta a coroa feita de espiños e tamén o manto de color púrpura. E Pilato díxolle á xente: “Mirade! O home!”. 6 Pero cando os sacerdotes principais e os oficiais o viron, berraron: “Que morra no madeiro!* Que morra no madeiro!”. Entón Pilato díxolles: “Levádeo e executádeo* vós, porque eu non vexo que sexa culpable de nada”. 7 Os xudeus contestáronlle: “Nós temos unha lei, e de acordo con esa lei ten que morrer, porque dixo que é fillo de Deus”.
8 Cando Pilato escoitou o que dicían, entroulle aínda máis medo. 9 Entón volveu para dentro do palacio do gobernador e preguntoulle a Xesús: “Ti de onde es?”. Pero Xesús non lle contestou nada. 10 Así que Pilato díxolle: “Négaste a falar comigo? Non sabes que teño autoridade para deixarte libre e autoridade para executarte*?”. 11 Xesús contestoulle: “Non terías autoridade ningunha sobre min se non a recibises do ceo. Por iso o home que me entregou a ti é culpable dun pecado máis grave”.
12 Isto fixo que Pilato seguise buscando a forma de deixalo libre. Pero os xudeus berraron: “Se o deixas libre, non es amigo de César! Calquera que di que é rei vai* en contra de César!”. 13 Cando Pilato escoitou isto, sacou a Xesús para fóra e sentouse no tribunal, nun sitio chamado Empedrado, que en hebreo é Gábaza. 14 Era o día da preparación da Pascua, arredor das 12 do mediodía*, e Pilato díxolles ós xudeus: “Mirade! O voso rei!”. 15 Pero eles berraron: “Fóra! Fóra! Que morra no madeiro!”. E Pilato preguntoulles: “Entón, queredes que execute o voso rei?”. E os sacerdotes principais contestáronlle: “O único rei que temos é César”. 16 Despois diso, entregoulles a Xesús para que o executasen no madeiro.
E eles encargáronse del. 17 Entón el saíu cargando co seu madeiro de tortura* cara ó sitio chamado Lugar do Cranio*, que en hebreo se chama Gólgota. 18 Alí cravárono no madeiro xunto a outros dous homes, un a cada lado, e Xesús no medio. 19 Ademais, Pilato escribiu un letreiro e púxoo no madeiro de tortura. O letreiro dicía: “Xesús o Nazareno, o rei dos xudeus”. 20 Moitos xudeus leron este letreiro porque o lugar onde cravaron a Xesús no madeiro estaba cerca da cidade. Ademais, o letreiro estaba escrito en hebreo, en latín e en grego. 21 Pero os sacerdotes principais dos xudeus dixéronlle a Pilato: “Non escribas ‘O rei dos xudeus’. Escribe que el dixo ‘Eu son rei dos xudeus’”. 22 E Pilato contestou: “O que escribín, escrito está”.
23 Despois de cravar a Xesús no madeiro, os soldados colleron a súa roupa e dividírona en catro partes, unha para cada soldado. Tamén colleron a súa túnica*, pero non tiña costuras porque era unha única peza feita de arriba a abaixo. 24 Así que os soldados dixéronse uns ós outros: “Non a imos romper. Imos botar sortes* para ver quen queda con ela”. Isto pasou para que se cumprise a parte das Escrituras que di: “Repartíronse a miña vestimenta e sortearon a miña roupa”. E iso foi xusto o que fixeron os soldados.
25 Xunto ó madeiro de tortura de Xesús estaban súa nai e a irmá da súa nai. Tamén estaban María, que era a muller de Clopas, e María Madalena. 26 Cando Xesús viu que súa nai e o discípulo ó que el quería moito estaban alí cerca, díxolle á súa nai: “Muller, aí tes o teu fillo!”. 27 Despois díxolle ó discípulo: “Aí tes a túa nai!”. E, desde ese momento, o discípulo acolleuna na súa casa.
28 Despois diso, como Xesús sabía que xa sucederan tódalas cousas, dixo: “Teño sede”. Así cumpríronse as Escrituras. 29 Alí había unha xarra chea de viño ácido. Así que puxeron unha esponxa empapada co viño ácido nunha cana de hisopo* e acercáronlla á boca. 30 Cando Xesús probou o viño ácido, dixo: “Cumpriuse!”. Despois baixou a cabeza e morreu*.
31 Como era o día da preparación*, os xudeus pedíronlle a Pilato que lles partisen as pernas ós homes e quitasen os seus corpos, para que non quedasen nos madeiros de tortura durante o sábado (porque aquel era un sábado grande). 32 Así que os soldados foron e partíronlle as pernas ó primeiro home e tamén ó outro home que estaba no madeiro ó lado de Xesús. 33 Pero cando chegaron onda Xesús viron que xa estaba morto, e por iso non lle partiron as pernas. 34 Entón un dos soldados cravoulle unha lanza no costado, e nese momento saíu sangue e auga. 35 E o discípulo* que o viu deu este testemuño, e o seu testemuño é verdadeiro. El sabe que o que di é certo, para que vós tamén creades. 36 De feito, isto pasou para que se cumprise esta parte das Escrituras: “Non lle van romper ningún óso”. 37 Ademais, hai outra parte das Escrituras que di: “Van mirar a quen atravesaron”.
38 Despois disto, Xosé de Arimatea (que era discípulo de Xesús, pero en segredo porque lles tiña medo ós xudeus) preguntoulle a Pilato se podía levar o corpo de Xesús, e Pilato deulle permiso. Así que veu e levou o corpo. 39 Nicodemo (o home que a primeira vez fora a ver a Xesús de noite) chegou cunha mestura* de mirra e áloes* que pesaba unhas 100 libras*. 40 Entón, colleron o corpo de Xesús e envolvérono con teas de liño xunto coas especias aromáticas, de acordo co costume que teñen os xudeus para enterrar os seus mortos. 41 Resulta que cerca do lugar onde o executaran* había un xardín, e nese xardín había unha tumba* nova na que nunca puxeran a ninguén. 42 Como era o día da preparación dos xudeus e a tumba estaba cerca, puxeron alí a Xesús.