As boas noticias segundo Mateo
27 Cando se fixo de día, reuníronse tódolos sacerdotes principais e os anciáns do pobo para decidir como ían facer para matar a Xesús. 2 Despois de atalo, levárono con eles e entregáronllo a Pilato, o gobernador.
3 Entón Xudas, o traidor, ó ver que condenaran a Xesús, sentiu remordementos e foilles devolver as 30 moedas de prata ós sacerdotes principais e ós anciáns. 4 E díxolles: “Pequei, porque traizoei sangue inocente”. Pero eles respondéronlle: “E a nós que nos contas? Iso é problema teu!”. 5 Entón Xudas tirou as moedas de prata no templo, marchou de alí e foise colgar*. 6 Pero os sacerdotes principais recolleron as moedas de prata e dixeron: “Non está permitido poñelas no tesouro sagrado, porque están manchadas* de sangue”. 7 Despois de falalo entre eles, compraron con eses cartos o campo do oleiro* para enterrar as persoas que non eran de alí. 8 Por iso, a ese campo aínda hoxe se lle chama Campo de Sangue. 9 Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Xeremías*: “E colleron as 30 moedas* de prata, que foi o prezo que lle puxeron ó home, o prezo que lle puxeron algúns dos fillos de Israel, 10 e compraron con elas o campo do oleiro, tal como Xehová* me mandara”.
11 Cando Xesús estaba ante o gobernador Pilato, el preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E Xesús respondeulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 12 Pero non dixo nada mentres os sacerdotes principais e os anciáns o acusaban. 13 Entón Pilato preguntoulle: “Seica non oes tódalas cousas que están declarando contra ti?”. 14 Pero Xesús non lle contestou nada, nin unha palabra, e o gobernador quedou moi sorprendido.
15 En cada festa, o gobernador tiña o costume de deixar libre o preso que a xente quixese. 16 Nese momento había un preso moi coñecido chamado Barrabás. 17 Así que Pilato preguntoulle á xente que estaba alí reunida: “A quen queredes que vos poña en liberdade? A Barrabás ou a Xesús, ó que lle chaman Cristo?”. 18 Porque Pilato dábase conta de que o entregaran por envexa. 19 Ademais, mentres el estaba sentado no tribunal, a súa muller fixéralle chegar unha mensaxe que dicía: “Non teñas nada que ver con ese home xusto, porque hoxe soñei con el e sufrín moito”. 20 Pero os sacerdotes principais e os anciáns convenceron as multitudes para que pedisen a liberdade de Barrabás e a morte de Xesús. 21 Así que o gobernador volveulles a preguntar: “A cal dos dous queredes que vos libere?”. E eles dixeron: “A Barrabás!”. 22 Pilato preguntoulles: “Entón, que fago con Xesús, ó que lle chaman Cristo?”. E todos contestaron: “Que morra no madeiro!*”. 23 El respondeulles: “Pero, por que? Que mal fixo?”. Pero eles berraban aínda máis forte: “Que morra no madeiro!”.
24 Ó ver que non conseguía nada, senón que se estaba armando un barullo, Pilato colleu auga, lavou as mans diante da xente e dixo: “Son inocente do sangue deste home. Agora é cousa vosa”. 25 E todos responderon: “Nós e os nosos fillos facémonos responsables da súa morte!*”. 26 Entón liberou a Barrabás, pero mandou que lle desen lategazos a Xesús e entregouno para que o executasen no madeiro.
27 Despois, os soldados do gobernador levaron a Xesús ó palacio do gobernador. Alí xuntaron toda a tropa de soldados arredor del. 28 Desvestírono e puxéronlle un manto de color escarlata*. 29 Tamén entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, colocáronlla na cabeza e puxéronlle unha cana na man dereita. E inclinándose diante del, facíanlle burla e dicíanlle: “Viva o rei dos xudeus!”. 30 Entón cuspíronlle, quitáronlle a cana e empezaron a pegarlle con ela na cabeza. 31 Por último, cando terminaron de burlarse del, quitáronlle o manto, puxéronlle a súa roupa e levárono para cravalo no madeiro.
32 Ó saír de alí, encontráronse cun home de Cirene chamado Simón e obrigárono a cargar* co madeiro de tortura* de Xesús. 33 Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, Lugar do Cranio*, 34 déronlle a Xesús viño mesturado con herbas amargas. Pero cando o probou, negouse a bebelo. 35 Despois de cravalo no madeiro, sortearon a súa roupa para repartila entre eles 36 e sentáronse alí para vixialo. 37 Ademais, enriba da súa cabeza puxeron un letreiro coa razón pola que o condenaran: “Este é Xesús, o rei dos xudeus”.
38 Ó seu lado tamén puxeron en madeiros a dous ladróns, un á súa dereita e outro á súa esquerda. 39 Os que pasaban por alí insultábano e movían a cabeza dun lado para outro 40 dicindo: “Ti, o que ías botar abaixo o templo e reconstruílo en tres días, sálvate a ti mesmo! Se es Fillo de Deus, baixa do madeiro de tortura!”. 41 O mesmo fixeron os sacerdotes principais, os escribas e os anciáns. Empezaron a burlarse del e a dicir: 42 “Salvou a outros pero non se pode salvar a si mesmo! El é o rei de Israel. Que baixe agora do madeiro e creremos nel! 43 Non era el o que tanto confiaba en Deus? Non dicía ‘Eu son o Fillo de Deus’? Pois agora que veña el a rescatalo se quere”. 44 Incluso os ladróns que estaban nos madeiros ó seu lado o insultaban da mesma maneira.
45 Desde arredor das 12 do mediodía* ata arredor das 3 da tarde*, toda aquela terra quedou en escuridade. 46 Cerca das 3 da tarde, Xesús berrou con forza “Eli, Eli, lama sabactani?”, que quere dicir “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”. 47 Ó escoitar isto, algúns dos que estaban por alí empezaron a dicir: “Este home está chamando por Elías”. 48 E inmediatamente un deles foi correndo a coller unha esponxa, empapouna en viño ácido, púxoa nunha cana e acercoulla para que bebese. 49 Pero os demais dixeron: “Déixao, a ver se vén Elías a salvalo!”. 50 Entón, Xesús volveu a berrar con forza e morreu*.
51 De repente, a cortina* do templo rachou en dúas partes, de arriba a abaixo, houbo un terremoto e as rocas partiron. 52 As tumbas* abríronse e quedaron fóra delas* moitos corpos de servos de Deus* que morreran, 53 e viunos moita xente. (Despois de que Xesús resucitase*, algunhas persoas que viñan da zona onde estaban as tumbas* entraron na cidade santa*.) 54 Cando o oficial do exército e os que estaban con el vixiando a Xesús viron o terremoto e as cousas que estaban pasando, colleron moitísimo medo e dixeron: “Está claro que era o Fillo de Deus”.
55 Moitas mulleres que acompañaran a Xesús desde Galilea para atendelo estaban mirando desde lonxe. 56 Entre elas estaban María Madalena, María a nai de Santiago e de Xosés, e a nai dos fillos de Zebedeo.
57 Á última hora da tarde, chegou un home rico de Arimatea que se chamaba Xosé e que tamén se fixera discípulo de Xesús. 58 Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús, e Pilato mandou que llo entregasen. 59 Entón Xosé colleu o corpo, envolveuno nunha tea limpa de liño de boa calidade 60 e púxoo nunha tumba* que tiña, unha tumba nova que escavara na roca. Despois fixo rodar unha pedra grande ata a entrada e marchou. 61 Pero María Madalena e a outra María quedaron alí, sentadas diante da tumba.
62 Ó día seguinte, que era o día despois da preparación*, os sacerdotes principais e os fariseos reuníronse diante de Pilato 63 e dixéronlle: “Señor, recordamos que cando este impostor aínda estaba vivo dixo: ‘Ós tres días resucitarei*’. 64 Por iso, manda que aseguren a tumba ata o terceiro día, non vaia ser que os seus discípulos veñan roubar o corpo e lle digan á xente: ‘Resucitou* de entre os mortos!’. Esa mentira sería peor que a primeira”. 65 Pilato respondeulles: “Podedes levar con vós un grupo de soldados. Ide e asegurade a tumba o mellor que poidades”. 66 Así que foron e, para asegurar a tumba, selaron a pedra da entrada e deixaron alí os soldados.