As boas noticias segundo Marcos
5 Entón chegaron ó outro lado do mar, á rexión dos xerasenos. 2 Tan pronto como Xesús baixou da barca, acercóuselle un home que estaba posuído por un demo e que viña de onde estaban as tumbas*. 3 Vivía alí, entre as tumbas, e ata ese momento ninguén fora capaz de mantelo atado, nin sequera cunha cadea. 4 Porque, aínda que moitas veces lle ataran os pés e as mans con cadeas, el sempre rompía as cadeas das mans e rebentaba as dos pés. Ninguén tiña as forzas necesarias para dominalo. 5 Todo o tempo, de día e de noite, andaba entre as tumbas e polas montañas, berrando e cortándose con pedras. 6 Pero cando viu a Xesús desde lonxe, foi correndo e inclinouse diante del. 7 Entón berrou con forza: “Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Xúrame por Deus que non me vas castigar*!”. 8 Porque Xesús estivéralle dicindo: “Sae deste home, espírito malvado!”. 9 Entón Xesús preguntoulle: “Como te chamas?”. E el contestoulle: “Chámome Lexión, porque somos moitos”. 10 E suplicoulle moitas veces a Xesús que non os botase daquela rexión.
11 Na montaña había moitos porcos comendo. 12 Así que os demos suplicáronlle: “Mándanos onda os porcos para que entremos dentro deles”. 13 E el deulles permiso. Entón, os demos saíron do home e metéronse nos porcos. Os porcos botáronse ó mar polo acantilado* abaixo e morreron todos afogados no mar. Eran uns 2000. 14 Pero os que coidaban os porcos saíron correndo e puxéronse a contar a noticia na cidade e no campo. Entón a xente foi ver o que pasara. 15 Ó chegar onde estaba Xesús, viron o home que estivera posuído pola lexión de demos. O home estaba alí sentado e vestido, e recuperara o xuízo, así que eles asustáronse moito. 16 E os que viran o que pasara con aquel home e cos porcos explicáronlles como fora todo. 17 Entón a xente púxose a suplicarlle a Xesús que marchase daquela rexión.
18 Cando Xesús estaba subindo á barca, o home que estivera posuído polos demos suplicoulle que lle deixase ir con el. 19 Pero Xesús non lle deixou, e díxolle: “Vai para a casa, coa túa familia. Cóntalles todo o que Xehová* fixo por ti e como te tratou con compaixón*”. 20 Entón, o home marchou e púxose a anunciar pola Decápolis* todo o que Xesús fixera por el, e todo o mundo quedaba impresionado.
21 Despois, Xesús volveu a cruzar coa barca ó outro lado do mar. Mentres aínda estaba na beira, xuntouse moita xente arredor del. 22 Entón chegou un home que se chamaba Xairo, un dos presidentes da sinagoga. Ó ver a Xesús, botouse ó chan diante del 23 e suplicoulle unha e outra vez: “A miña filla está moi enferma*. Por favor, ven e pon as túas mans sobre ela para que cure e siga vivindo”. 24 Xesús enseguida foi con el, e seguíao unha gran multitude que ía tan pegadiña a el que case o esmagaba.
25 Había unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias. 26 Ela fora a moitos médicos, pero só a fixeran sufrir. Gastara todo o que tiña pero non mellorara nada. De feito, estaba aínda peor. 27 Como escoitara o que dicían de Xesús, meteuse entre a xente, acercóuselle por detrás e tocoulle o manto, 28 porque dicía: “Con só tocar a súa roupa, poñereime ben”. 29 Inmediatamente deixou de sangrar e notou que curara daquela enfermidade que a fixera sufrir tanto.
30 Ó momento, Xesús sentiu que saíra poder del. Entón xirouse e preguntoulle á xente: “Quen tocou a miña roupa?”. 31 Pero os seus discípulos contestáronlle: “Ves que toda a xente está pegadiña a ti e preguntas quen te tocou?”. 32 Aínda así, el seguía mirando ó seu arredor para descubrir quen o tocara. 33 A muller, que sabía o que lle pasara, púxose a tremer co medo. Entón acercouse, botouse ó chan diante de Xesús e contoulle toda a verdade. 34 El díxolle: “Filliña, a túa fe curoute. Vaite en paz agora que curaches desta enfermidade que te fixo sufrir tanto”.
35 Mentres aínda estaba falando, chegaron algúns homes da casa do presidente da sinagoga e dixéronlle: “A túa filla morreu! Non fai falta que molestes máis o Mestre”. 36 Pero Xesús escoitounos e díxolle ó presidente da sinagoga: “Non te preocupes*. Só ten fe”. 37 E non deixou que ninguén fose con el, só Pedro, Santiago e Xoán, que era o irmán de Santiago.
38 Cando chegaron á casa do presidente da sinagoga, Xesús viu que había moito barullo e que a xente estaba chorando e lamentándose en voz alta. 39 Así que despois de entrar, díxolles: “Por que chorades e armades tanto barullo? A nena non morreu, está durmindo”. 40 Ó escoitar isto, empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo. Pero Xesús fixo que saísen todos. Despois colleu ó pai, á nai da rapaza e ós discípulos que viñan con el e entrou onde estaba a nena. 41 Entón Xesús agarrou a man da nena e díxolle “Táliza kumi”, que traducido significa “Pequena, dígoche: levántate!”. 42 Inmediatamente, a nena levantouse e empezou a camiñar. (Tiña 12 anos.) Ó ver isto, todos quedaron totalmente impresionados e cheos de alegría. 43 Pero el mandoulles unha e outra vez* que non llo contasen a ninguén. Tamén lles dixo que lle desen algo de comer á nena.