As boas noticias segundo Lucas
20 Un daqueles días nos que Xesús ensinaba á xente no templo e anunciaba as boas noticias, acercáronselle os sacerdotes principais e os escribas cos anciáns, 2 e preguntáronlle: “Dinos, con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu esa autoridade?”. 3 El respondeulles: “Eu tamén vos vou facer unha pregunta. Dicídeme, 4 de onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes?”. 5 Entón empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vai preguntar: ‘Por que non lle crestes?’. 6 Pero se dicimos que viña dos homes, todo o pobo sen excepción vainos matar a pedradas, porque están convencidos de que Xoán era un profeta”. 7 Así que responderon que non sabían de onde viña a autoridade que recibira Xoán. 8 E Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”.
9 Entón, púxolle esta comparación ó pobo: “Un home plantou unha viña, arrendoulla a uns agricultores e despois marchou ó estranxeiro durante bastante tempo. 10 Cando chegou o tempo da vendima, enviou un escravo onda os agricultores para que lle desen parte do que recolleran da viña. Pero os agricultores déronlle unha malleira e despois mandárono de volta sen nada. 11 O dono da viña volveu mandar outro escravo. Pero a el tamén lle pegaron, humillárono e mandárono de volta sen nada. 12 E aínda mandou un terceiro escravo. Pero a el tamén o feriron e botárono fóra. 13 Entón o dono da viña dixo: ‘Que podo facer? Vou mandar o meu fillo, ó que quero moito. Seguro que a el o van respectar’. 14 Cando os agricultores viron o fillo, dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Ímolo matar para que o terreo* sexa noso’. 15 Así que, sacárono fóra da viña e matárono. Entón, que lles fará o dono da viña? 16 Virá, matará eses agricultores e daralles a viña a outros”.
Cando a xente oíu isto, dixeron: “Que iso nunca pase!”. 17 Pero Xesús mirounos fixamente e dixo: “Entón, que significa isto que está escrito: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*’? 18 Calquera que caia sobre esta pedra quedará feito pedazos. E se esta pedra lle cae enriba a alguén, quedará desfeito”.
19 Os escribas e os sacerdotes principais intentaron collelo xusto nese momento, porque se deron conta de que puxera esa comparación pensando neles. Pero tíñanlle medo á xente. 20 Así que despois de vixiar de cerca a Xesús, contrataron uns homes en segredo e enviáronos para que se fixesen pasar por persoas xustas e poder acusalo por algo que dixese. A súa intención era entregalo ás autoridades e ó gobernador. 21 Eles preguntáronlle: “Mestre, sabemos que todo o que dis e ensinas é certo, e que non demostras favoritismo*, senón que ensinas a verdade acerca de Deus. 22 Está ben que lle paguemos o imposto a César ou non?”. 23 Pero el deuse conta da súa astucia e contestoulles: 24 “Ensinádeme un denario*. De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”. Eles responderon: “De César”. 25 Así que Xesús díxolles: “Pois asegurádevos de pagarlle a César o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”. 26 Ó final, non foron capaces de acusalo por nada do que dixo diante do pobo. E estaban tan sorprendidos pola súa resposta que quedaron calados.
27 Pero viñeron algúns saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle: 28 “Mestre, Moisés deixounos escrito: ‘Se un home casado morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu’. 29 Pois resulta que había sete irmáns. O primeiro casou, pero morreu sen ter fillos. 30 O segundo irmán 31 e o terceiro tamén casaron coa viúva, e o resto dos sete irmáns tamén fixeron o mesmo. Ó final, todos morreron sen ter fillos. 32 Despois, a muller tamén morreu. 33 Polo tanto, cando resuciten, cal deles vai ser o seu home? Porque os sete estiveron casados con ela”.
34 Xesús respondeulles: “Os fillos deste sistema* casan, 35 pero os que foron considerados dignos de ganar a vida no sistema que vén e a resurrección de entre os mortos non casan. 36 De feito, xa non poden morrer, porque son coma os anxos, e son fillos de Deus por ser fillos da resurrección. 37 Pero que os mortos son resucitados* xa o revelou Moisés no relato do arbusto, cando chamou a Xehová* ‘o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’. 38 El non é Deus de mortos, senón de vivos, porque para el* todos están vivos”. 39 Cando oíron isto, algúns escribas dixéronlle: “Mestre, respondiches ben”. 40 Porque xa non se atrevían a facerlle nin sequera unha pregunta máis.
41 Entón el preguntoulles: “Como é que din que o Cristo é fillo de David? 42 Porque no libro dos Salmos, o propio David di: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita 43 ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”’. 44 Así que David chámalle Señor. Entón, como pode ser o Cristo o seu fillo?”.
45 Despois, mentres todo o pobo escoitaba, Xesús díxolles ós seus discípulos: 46 “Coidado cos escribas ós que lles gusta andar por aí con túnicas longas, e ós que lles encanta que a xente os saúde nas prazas dos mercados e sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas e nos sitios máis importantes nas ceas. 47 Róubanlles ás viúvas o que teñen* e fan oracións longas para presumir. Eles recibirán un xuízo máis duro”.