As boas noticias segundo Marcos
10 Xesús marchou de alí e chegou ós límites de Xudea, ó outro lado do río Xordán. Entón volveuse a xuntar unha gran multitude arredor del e, como facía habitualmente, púxose a ensinarlles. 2 Pero uns fariseos que querían poñelo a proba acercáronse e preguntáronlle se estaba permitido que un home se divorciase da súa muller. 3 El respondeulles: “Que vos mandou Moisés?”. 4 Eles dixeron: “Moisés permitiu que o home escribise un certificado de divorcio e que despedise a súa muller”. 5 Pero Xesús respondeulles: “Moisés púxovos por escrito ese mandamento porque tedes o corazón duro. 6 Pero, ó principio da creación, Deus* ‘fíxoos home e muller’ 7 e ‘por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, 8 e os dous serán unha soa carne*’. Así que xa non son dous, senón unha soa carne. 9 Polo tanto, o que Deus uniu*, que non o separe ningún home”. 10 Cando volveron á casa, os discípulos empezaron a facerlle preguntas sobre isto. 11 El díxolles: “Todo home que se divorcie da súa muller e case con outra comete adulterio contra a primeira. 12 E se unha muller se divorcia do seu home e casa con outro, ela tamén comete adulterio”.
13 Despois, algúns empezaron a traerlle a Xesús algúns nenos para que puxese as mans sobre eles e os bendicise, pero os discípulos reprendéronos. 14 Ó ver iso, el indignouse e díxolles: “Deixade que os nenos se acerquen a min. Non intentedes impedilo, porque o Reino de Deus é dos que son coma eles. 15 Asegúrovos que quen non acepte o Reino de Deus coma un neno nunca entrará nel”. 16 Entón colleu os nenos no colo e empezou a bendicilos poñendo as mans sobre eles.
17 Mentres ía polo camiño, un home veu correndo, púxose de xeonllos diante del e preguntoulle: “Bo Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 18 Xesús díxolle: “Por que me chamas bo? Non hai ninguén bo, só un: Deus. 19 Xa coñeces os mandamentos: non asasines, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non estafes, honra a teu pai e a túa nai”. 20 O home contestoulle: “Mestre, todas esas cousas xa as obedezo desde pequeno”. 21 Xesús mirouno, sentiu cariño por el e díxolle: “Fáltache unha cousa: vai, vende o que tes e dálles os cartos ós pobres. Así, terás un tesouro no ceo. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 22 Pero o home desanimouse ó escoitar esa resposta e marchou moi triste, porque tiña moitos bens.
23 Xesús mirou ó seu arredor e despois díxolles ós seus discípulos: “Que difícil lles vai ser ós que teñen moitos cartos entrar no Reino de Deus!”. 24 Ós discípulos sorprendéronlles esas palabras de Xesús. Entón el dixo: “Filliños, que difícil é entrar no Reino de Deus! 25 É máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla que para un rico entrar no Reino de Deus”. 26 Os discípulos sorprendéronse aínda máis e dixéronlle*: “Entón, quen se poderá salvar?”. 27 Xesús mirounos fixamente e díxolles: “Para os humanos isto é imposible, pero para Deus non, porque tódalas cousas son posibles para Deus”. 28 Entón Pedro púxose a dicirlle: “Mira que nós xa o deixamos todo e seguímoste”. 29 E Xesús respondeu: “Asegúrovos que non hai ninguén que deixase casa, irmáns, irmás, nai, pai, fillos ou campos por min e polas boas noticias 30 que non reciba 100 veces máis agora (casas, irmáns, irmás, nais, fillos e campos), aínda que sexa sufrindo persecución e, no sistema futuro*, vida eterna. 31 Pero moitos dos primeiros serán os últimos, e moitos dos últimos serán os primeiros”.
32 Mentres subían polo camiño que vai a Xerusalén, Xesús ía diante e os discípulos seguíano sorprendidos. E os que viñan detrás empezaron a ter medo. Entón Xesús levou os Doce á parte outra vez e volveu a dicirlles as cousas que estaban a punto de pasarlle. 33 Díxolles: “Escoitade. Estamos subindo a Xerusalén, e alí o Fillo do Home vai ser entregado ós sacerdotes principais e ós escribas. Eles condenarano á morte e entregarano a homes das nacións. 34 Estes homes burlaranse del, cuspiranlle, daranlle lategazos* e matarano, pero tres días despois resucitará*”.
35 Santiago e Xoán, os fillos de Zebedeo, acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Mestre, queremos que fagas por nós o que che imos pedir”. 36 El preguntoulles: “Que queredes que faga por vós?”. 37 E eles contestáronlle: “Cando gobernes no teu Reino*, deixa que nos sentemos contigo, un á túa dereita e outro á túa esquerda”. 38 Pero Xesús díxolles: “Non sabedes o que estades pedindo. Podedes beber da copa* da que eu estou bebendo? Ou podedes ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min?”. 39 Eles dixéronlle: “Si que podemos”. E Xesús contestoulles: “Ides beber da copa da que eu estou bebendo e ides ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min. 40 Pero non son eu o que escolle quen se vai sentar á miña dereita ou á miña esquerda. É meu Pai quen decide quen se pode sentar aí”.
41 Cando os outros 10 souberon o que pasara, enfadáronse moito con Santiago e Xoán. 42 Entón Xesús xuntounos a todos e díxolles: “Xa sabedes que os que parece que gobernan as* nacións dominan o pobo e que os homes importantes teñen autoridade sobre a xente. 43 Pero entre vós non debe ser así. O que queira chegar a ser grande entre vós ten que servir os* demais, 44 e o que queira ser o primeiro entre vós ten que ser escravo de todos. 45 Porque nin sequera o Fillo do Home veu para que o servisen, senón para servir os demais e para dar a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas”.
46 Entón, chegaron a Xericó. Despois, Xesús e os seus discípulos saíron daquela cidade cunha multitude bastante grande, e había un mendigo cego sentado á beira do camiño. Chamábase Bartimeo e era fillo de Timeo. 47 Cando escoitou que quen estaba pasando por alí era Xesús o Nazareno, empezou a berrar: “Xesús, Fillo de David, ten compaixón* de min!”. 48 Moitos puxéronse a reprendelo e dicíanlle que calase, pero el berraba aínda máis forte: “Fillo de David, ten compaixón de min!”. 49 Así que Xesús parou e dixo: “Chamádeo, dicídelle que veña aquí”. Eles dixéronlle ó cego: “Veña, ánimo! Levántate, que te está chamando”. 50 El tirou o seu manto, púxose de pé dun salto e foi ata onde estaba Xesús. 51 Entón Xesús preguntoulle: “Que queres que faga por ti?”. E o cego contestoulle: “Raboni *, fai que poida volver a ver”. 52 E Xesús díxolle: “Podes marchar, a túa fe curoute”. O home recuperou a vista inmediatamente e empezou a seguilo polo camiño.