Carta ós Hebreos
1 Hai moito tempo, Deus faloulles ós nosos antepasados por medio dos profetas en moitas ocasións e de moitas maneiras. 2 Agora, durante este tempo*, el falounos por medio dun Fillo, a quen escolleu como herdeiro de tódalas cousas e mediante o que fixo os sistemas*. 3 El é o reflexo da gloria de Deus e a representación exacta do seu ser, e mantén tódalas cousas coa súa poderosa palabra. Despois de purificarnos dos nosos pecados, sentouse á dereita da Maxestade nas alturas. 4 Así que el chegou a ser superior ós anxos porque herdou unha autoridade maior que a deles*.
5 Por exemplo, algunha vez lle dixo Deus a algún dos seus anxos: “Ti es o meu fillo, e eu hoxe cheguei a ser o teu pai”? Ou algunha vez dixo dun anxo: “Eu serei o seu pai e el será o meu fillo”? 6 Pero ó traer de novo o seu Primoxénito á terra*, el di: “Que tódolos anxos de Deus se inclinen diante del*”.
7 Ademais, di sobre os anxos: “El fai que os seus anxos sexan forzas poderosas* e os seus servos* chamas de lume”. 8 Pero sobre o Fillo di: “Deus é o teu trono para sempre, e o cetro* do teu Reino é o cetro de xustiza*. 9 Amaches a xustiza e odiaches a maldade*. Por iso Deus, o teu Deus, unxiute a ti con aceite e deuche máis alegría que ós teus compañeiros”. 10 Tamén di: “Señor, no principio ti puxeches os fundamentos da terra e fixeches o ceo co teu poder*. 11 A terra e o ceo deixarán de existir, pero ti seguirás vivindo. Desgastaranse coma unha peza de roupa, 12 dobraralos coma se fosen un manto e cambiaralos coma se fosen roupa. Pero ti es o mesmo e a túa vida nunca se acabará”.
13 Agora ben, de que anxo dixo el algunha vez: “Séntate á miña dereita ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”? 14 Non son tódolos anxos espíritos que serven a Deus*? Non os envía Deus para axudar ós que van herdar a salvación?