As boas noticias segundo Xoán
12 Seis días antes da Pascua, Xesús chegou a Betania, onde vivía Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 2 Alí preparáronlle unha cea. Marta servíalles a comida e Lázaro era un dos que estaban ceando* con el. 3 Entón María colleu un frasco* cun aceite perfumado moi caro, de nardo puro, e botoullo nos pés a Xesús. Despois secoulle os pés co seu pelo e a casa enteira encheuse co aroma do aceite perfumado. 4 Pero un dos seus discípulos, Xudas Iscariote, que estaba a punto de traizoalo, dixo: 5 “Por que non se vendeu este aceite perfumado por 300 denarios* e se repartiron os cartos entre os pobres?”. 6 Pero non o dixo porque lle importasen os pobres, senón porque era un ladrón. Como estaba encargado da caixa dos cartos, roubaba o diñeiro que se botaba nela. 7 Entón Xesús dixo: “Déixaa tranquila, para que poida cumprir con este costume como preparación para o día do meu enterro. 8 Porque sempre ides ter os pobres con vós, pero a min non me ides ter sempre”.
9 Mentres tanto, moitos xudeus souberon que Xesús estaba en Betania e viñeron a velo. Pero non viñan só por el, senón tamén por Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 10 Así que os sacerdotes principais puxéronse a conspirar para matar tamén a Lázaro, 11 porque moitos xudeus ían alí para ver o que lle pasara e empezaban a ter fe en Xesús.
12 Ó día seguinte, a gran multitude que viñera para a festa soubo que Xesús estaba chegando a Xerusalén. 13 Entón colleron follas de palmeira, saíron para encontrarse con el e puxéronse a berrar: “Deus, por favor, sálvao! Bendito o que vén no nome de Xehová*, o Rei de Israel!”. 14 Cando Xesús encontrou un burriño, sentouse nel. Así cumpriuse o que está escrito: 15 “Non teñas medo, filla de Sión. Mira! Vén o teu rei e vai montado nun burriño”. 16 Ó principio, os seus discípulos non entenderon estas cousas. Pero cando Xesús foi glorificado*, recordaron que estas cousas estaban escritas sobre el e que iso fora o que lle fixeran.
17 A xente que estaba con Xesús cando el lle dixo a Lázaro que saíse da tumba* e o resucitou* de entre os mortos íalles contando* a outros o que pasara. 18 De feito, tamén foi por iso polo que a multitude saíu para encontrarse con Xesús, porque escoitaran que fixera ese milagre*. 19 Así que os fariseos dixéronse uns ós outros: “Xa vedes que non estamos conseguindo nada. Mirade! Todo o mundo vai detrás del!”.
20 Entre a xente que viñera á festa para adorar a Deus había uns gregos. 21 Eles acercáronse a Felipe, que era de Betsaida de Galilea, e pedíronlle: “Señor, queremos ver a Xesús”. 22 Felipe foillo dicir a Andrés, e os dous foron a dicirllo a Xesús.
23 Pero Xesús contestoulles: “Chegou a hora de que o Fillo do Home sexa glorificado. 24 De verdade vos aseguro que se o gran de trigo non cae ó chan e morre, segue sendo só un gran. Pero se morre, entón dá moito froito. 25 Quen ama a súa vida* vaina perder*, pero quen odia a súa vida neste mundo vaina manter a salvo e conseguirá vida eterna. 26 Se alguén quere servirme, que me siga. E onde estea eu, alí tamén estará o meu servo. Se alguén quere servirme, o Pai vaino honrar. 27 Agora estou angustiado. E que podería dicir? Pai, sálvame deste momento tan difícil. Pero cheguei a este momento precisamente para isto. 28 Pai, glorifica o teu nome”. Entón escoitouse unha voz desde o ceo que dixo: “Xa o glorifiquei e volvereino a glorificar”.
29 A multitude que estaba alí escoitou iso, e algúns puxéronse a dicir que tronara. Pero outros dixeron: “Faloulle un anxo”. 30 Entón Xesús dixo: “Esta voz non se escoitou por min, escoitouse por vós. 31 Agora estase xulgando o mundo, agora o gobernante deste mundo vai ser botado fóra. 32 Pero cando eu sexa alzado*, atraerei a min todo tipo de persoas”. 33 En realidade, dixo isto para indicar de que maneira estaba a punto de morrer. 34 A multitude contestoulle: “Sabemos pola Lei que o Cristo existirá para sempre. Entón, como é que dis que o Fillo do Home ten que ser alzado? Quen é ese Fillo do Home?”. 35 Así que Xesús díxolles: “A luz estará entre vós un pouco máis de tempo. Camiñade coa luz mentres a luz estea con vós para que a escuridade non vos domine. O que camiña na escuridade non sabe a onde vai. 36 Demostrade que tedes fe na luz mentres a luz estea con vós, para que cheguedes a ser fillos da luz”.
Despois de dicir todo isto, Xesús marchou e escondeuse deles. 37 Aínda que fixera moitos milagres* diante deles, non tiñan fe nel. 38 Así cumpríronse as palabras do profeta Isaías, que dixo: “Xehová*, quen tivo fe na nosa mensaxe? A quen se lle mostrou o poder* de Xehová*?”. 39 Isaías tamén dixo cal era a razón pola que non podían crer: 40 “Cegoulles os ollos e fixo que o seu corazón se volvese duro, para que non vexan cos ollos, nin entendan co corazón, nin se volvan a min* e eu os cure”. 41 Isaías dixo isto porque viu a gloria del* e falou sobre el. 42 De todas formas, incluso moitos gobernantes dos xudeus tiñan fe nel. Pero como lles tiñan medo ós fariseos, non o recoñecían abertamente para que non os botasen* da sinagoga, 43 porque lles gustaba máis a aprobación* da xente que a aprobación de Deus.
44 Pero Xesús dixo con voz forte: “O que ten fe en min non só ten fe en min, senón tamén no que me enviou. 45 E o que me ve a min tamén ve a quen me enviou. 46 Eu vin ó mundo como unha luz, para que tódolos que teñan fe en min non sigan estando na escuridade. 47 Pero se alguén escoita as miñas palabras e non as obedece, eu non o xulgo, porque non vin a xulgar o mundo senón a salvalo. 48 O que me rechaza e non acepta as miñas palabras xa ten quen o xulgue. As palabras que dixen xulgarano no último día. 49 Porque non falei pola miña conta. O Pai, que me enviou, foi quen me mandou dicir o que teño que dicir e o que teño que ensinar. 50 E sei que seguir os seus mandamentos significa vida eterna. Así que todo o que digo, dígoo tal e como mo dixo o Pai”.