Primeira Carta ós Corintios
1 De parte de Paulo, que foi chamado para ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e de parte do noso irmán Sóstenes, 2 para a congregación de Deus que está en Corinto, para vós, os que fostes escollidos* como seguidores de Cristo Xesús. Fostes chamados para ser santos xunto con tódolos que por todas partes invocan o* nome do noso Señor Xesucristo. El é o seu Señor e tamén o noso:
3 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo.
4 Sempre lle dou grazas ó meu Deus por vós, debido á bondade inmerecida que vos mostrou como seguidores de Cristo Xesús. 5 Recibistes moitas bendicións porque estades unidos a Cristo, e Deus deuvos plena capacidade para falar e un coñecemento completo. 6 Así que a mensaxe do* Cristo quedou firmemente establecida entre vós, 7 e por iso tedes todo o que necesitades*, mentres esperades con moitas ganas a revelación do noso Señor Xesucristo. 8 El tamén vos fará firmes ata o fin, para que non se vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesucristo. 9 Deus é fiel e chamouvos para que esteades unidos ó* seu Fillo, o noso Señor Xesucristo.
10 Agora, irmáns, suplícovos no nome do noso Señor Xesucristo que esteades todos de acordo no que dicides e que non haxa divisións entre vós, senón que esteades completamente unidos na mesma mente e na mesma forma de pensar. 11 Porque algúns da casa de Cloe fixéronme saber que hai discusións entre vós, meus irmáns. 12 Dígovos isto porque algúns de vós andades dicindo “Eu son de Paulo”, outros “Eu son de Apolos”, outros “Pois eu son de Cefas*” e outros “Pois eu son de Cristo”. 13 Significa isto que o Cristo está dividido? Verdade que non foi a Paulo a quen executaron no madeiro por vós? Ou seica fostes bautizados no nome de Paulo? 14 Doulle grazas a Deus porque eu non vos bauticei a ningún de vós, só a Crispo e a Gaio. 15 Así, ningún de vós pode dicir que fostes bautizados no meu nome. 16 É certo que tamén bauticei os da casa de Estéfanas pero, á parte deles, non recordo que bautizase a ninguén máis. 17 Cristo non me mandou para bautizar, senón para anunciar as boas noticias. E non o fixen con palabras de sabios*, para non facer que o madeiro de tortura* do Cristo se volva inútil.
18 De feito, a mensaxe sobre o madeiro de tortura parécelles absurda ós que van cara á destrución. Pero para nós, os que estamos sendo salvados, esa mensaxe é unha demostración do poder de Deus. 19 Porque está escrito: “Acabarei coa sabedoría dos sabios e rechazarei* a intelixencia dos intelectuais”. 20 Onde están os sabios? Onde están os escribas*? Onde están os expertos en debates deste sistema*? Seica non fixo Deus que a sabedoría deste mundo fose absurda? 21 Porque as persoas deste mundo confían na súa propia sabedoría, e por iso non chegaron a coñecer a Deus. Pero el demostrou a súa sabedoría ó salvar os que cren a mensaxe que outros consideran absurda.
22 Os xudeus piden milagres* e os gregos buscan sabedoría, 23 pero nós predicamos que Cristo foi executado no madeiro. Para os xudeus isto é ofensivo*, e para as nacións é absurdo. 24 Pero para os que son chamados, sexan xudeus ou gregos, Cristo é a demostración do poder e da sabedoría de Deus. 25 Porque unha cousa absurda de Deus é máis sabia que os homes, e unha cousa débil de Deus é máis forte que os homes.
26 Irmáns, fixádevos en vós mesmos, os que fostes chamados. Non hai moitos sabios desde un punto de vista humano* nin moitos poderosos nin tampouco moitos de familias importantes*. 27 Pero Deus escolleu as cousas absurdas do mundo para avergonzar os sabios. Deus escolleu as cousas débiles do mundo para avergonzar as cousas fortes. 28 Deus escolleu as cousas insignificantes do mundo e as cousas desprezadas, as cousas que non valen nada, para anular as cousas que a xente considera importantes. 29 Fixo isto para que ninguén* poida presumir diante de Deus. 30 Grazas a el, vós estades unidos a Cristo Xesús, que chegou a ser para nós sabedoría que vén de Deus, e tamén xustiza, santificación e liberación mediante o rescate, 31 para que pase tal como está escrito: “O que presume, que presuma de Xehová*”.