As boas noticias segundo Lucas
7 Despois de dicirlle á xente todo o que tiña que dicirlles, entrou en Capernaúm. 2 Alí había un oficial do exército que tiña un escravo ó que apreciaba moito pero que estaba moi enfermo, a punto de morrer. 3 Cando escoitou falar de Xesús, enviou algúns anciáns dos xudeus para pedirlle que viñese e curase o seu escravo. 4 Eles foron onde estaba Xesús e puxéronse a suplicarlle e a insistirlle: “Este home merece que lle concedas o que pide, 5 porque ama a nosa nación e foi el quen nos construíu a sinagoga”. 6 Así que Xesús foi con eles. Pero cando xa estaba cerca da casa, o oficial do exército mandou uns amigos a dicirlle a Xesús: “Señor, non te molestes en vir, porque non son digno de que entres na miña casa. 7 Por iso tampouco me considerei digno de presentarme diante de ti. Pero dá a orde e o meu servo quedará curado. 8 Porque eu tamén obedezo ordes e dou ordes ós soldados que están baixo o meu mando. Cando lle digo a un ‘Vaite!’, el vaise. Cando lle digo a outro ‘Ven!’, el vén. E cando lle digo ó meu escravo ‘Fai isto!’, el faino”. 9 Ó escoitar iso, Xesús quedou sorprendido, xirouse cara á multitude que o seguía e dixo: “Dígovos que nin en Israel encontrei unha fe tan grande”. 10 Cando os que foran enviados polo oficial do exército volveron á casa, viron que o escravo estaba curado.
11 Pouco despois, Xesús viaxou a unha cidade chamada Naín, e foron con el os seus discípulos e unha gran multitude de xente. 12 Cando se estaba acercando á porta da cidade, resulta que levaban para fóra un morto para enterralo. Era o único fillo* dunha muller, que ademais era viúva. Con ela tamén ía moita xente da cidade. 13 Cando o Señor viu a muller, sentiu moita compaixón por ela e díxolle: “Non chores máis”. 14 El acercouse enseguida, tocou a cama onde levaban o morto e os que a levaban detivéronse. Entón dixo: “Rapaz, eu dígoche: levántate!”. 15 O morto volveu á vida, sentouse e empezou a falar, e Xesús deullo á súa nai. 16 Todos quedaron moi impresionados* e empezaron a darlle gloria a Deus dicindo “Un gran profeta saíu de entre nós” e “Deus acordouse do seu pobo”. 17 E a noticia sobre o que fixera estendeuse por toda Xudea e por toda aquela rexión.
18 Entón, os discípulos de Xoán fóronlle contar todas estas cousas a Xoán. 19 Así que el mandou chamar a dous dos seus discípulos e díxolles que fosen a preguntarlle ó Señor: “Es ti o que ten que vir ou temos que esperar a outro?”. 20 Cando chegaron onde estaba Xesús, os homes dixéronlle: “Xoán o Bautista mandounos a preguntarche se es ti o que ten que vir ou se temos que esperar a outro”. 21 Nese momento, Xesús curou moitas persoas que tiñan enfermidades, doenzas graves e que estaban posuídas por demos, e devolveulles a vista a moitos cegos. 22 Ademais, el respondeulles: “Volvede onda Xoán e contádelle o que vistes e oístes: agora os cegos ven, os coxos camiñan, os leprosos son curados, os xordos oen, os mortos son resucitados* e ós pobres anúncianselles as boas noticias. 23 Feliz o que non encontra en min ningún motivo para tropezar*”.
24 Cando os discípulos de Xoán xa marcharan, Xesús empezoulles a falar ás multitudes sobre Xoán. Díxolles: “Que fostes ver ó deserto? Unha cana que se move co vento? 25 Que saístes a ver? Un home vestido con roupa cara? Pero se os que levan roupa ostentosa viven rodeados de luxos e están nas casas dos reis! 26 Entón, que saístes a ver? Un profeta? Pois si, e dígovos que vistes moito máis que un profeta. 27 Falando del, escribiuse: ‘Mira! Vou enviar o meu mensaxeiro diante de ti, e el irá diante de ti preparándoche o camiño’. 28 Dígovos que non naceu ninguén superior a Xoán. Pero aínda así, o máis pequeno no Reino de Deus é superior a el”. 29 Cando toda a xente e os cobradores de impostos escoitaron isto, puxéronse a dicir que Deus é xusto, porque foran bautizados co bautismo de Xoán. 30 Pero os fariseos e os expertos na Lei, como non aceptaran que Xoán os bautizase, desprezaron a guía que Deus lles dera*.
31 Xesús seguiu dicindo: “Con quen podería comparar a xente desta xeración? A quen se parecen? 32 Son coma os nenos que están sentados nunha praza de mercado e bérranse uns ós outros: ‘Tocamos a frauta para vós pero non bailastes, e cantamos cancións tristes para vós pero non chorastes’. 33 De igual maneira, veu Xoán o Bautista, que non come pan nin bebe viño, e vós dicides del: ‘Ten un demo dentro’. 34 Pero chegou o Fillo do Home, que si que come e bebe, e vós dicides: ‘Mirade! Este home é un lambón e bebe moito viño! E tamén é amigo dos cobradores de impostos e dos pecadores!’. 35 En calquera caso, a sabedoría queda demostrada por tódolos seus resultados*”.
36 Había un fariseo que lle insistía a Xesús para que fose comer con el. Así que Xesús entrou na casa do fariseo e sentouse* á mesa. 37 Resulta que había na cidade unha muller que era coñecida por ser pecadora. Cando soubo que Xesús estaba comendo* na casa do fariseo, levou un frasco feito de alabastro cheo de aceite perfumado. 38 Entón púxose detrás de Xesús, chorando xunto ós seus pés, e empezou a mollarllos coas súas lágrimas e a secarllos co seu pelo. Tamén lle daba bicos nos pés con moito cariño, e botoulle o aceite perfumado sobre eles. 39 Cando o fariseo que o invitara viu isto, pensou: “Se este home fose realmente un profeta, sabería quen o está tocando e que clase de muller é: unha pecadora”. 40 Pero Xesús, como sabía o que estaba pensando, díxolle: “Simón, teño que dicirche algo”. E el respondeulle: “Mestre, dime!”.
41 “Dous homes debíanlle cartos a un prestamista. Un debíalle 500 denarios* e outro, 50. 42 Como non tiñan con que pagarlle, el perdoounos con xenerosidade. Entón, cal dos dous o vai querer máis?”. 43 Simón contestoulle: “Supoño que o home ó que lle perdoou máis”. E Xesús díxolle: “Contestaches ben”. 44 Entón Xesús xirouse cara á muller e díxolle a Simón: “Ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela mollounos coas súas lágrimas e secounos co seu pelo. 45 Non me deches un bico, pero esta muller non parou de darme bicos nos pés con cariño desde que entrei. 46 Non me botaches aceite na cabeza, pero esta muller botou aceite perfumado sobre os meus pés. 47 Por iso che digo que os seus pecados, aínda que son moitos*, quedan perdoados, porque amou moito. Pero a quen se lle perdoa pouco, ama pouco”. 48 Entón Xesús díxolle á muller: “Os teus pecados quédanche perdoados”. 49 Os que estaban na mesa* con el empezaron a dicirse uns ós outros: “Quen é este home que incluso perdoa pecados?”. 50 Pero el díxolle á muller: “A túa fe salvoute. Vaite en paz”.