Feitos dos Apóstolos
10 En Cesarea había un home que se chamaba Cornelio, un oficial do exército* dentro do que se coñecía como o rexemento italiano*. 2 El era un home devoto que temía a Deus* con tódolos da súa casa. Axudaba moito ós necesitados* e suplicáballe constantemente a Deus. 3 Arredor das 3 da tarde*, tivo unha visión na que viu claramente que un anxo de Deus entraba onde estaba el e dicíalle: “Cornelio!”. 4 El quedou mirando para o anxo cheo de medo e preguntoulle: “Señor, que pasa?”. O anxo contestoulle: “Deus fíxase nas túas oracións e na axuda que lles dás ós pobres, e tenas en conta. 5 Así que manda algúns homes a Xope para que traian un home que se chama Simón, coñecido como Pedro. 6 Estase aloxando con Simón, un curtidor que ten a súa casa á beira do mar”. 7 En canto o anxo marchou, Cornelio chamou dous servos seus e un soldado devoto, 8 contoulles todo e mandounos a Xope.
9 Ó día seguinte, mentres ían de camiño e se acercaban á cidade, Pedro subiu á azotea arredor das 12 do mediodía* para orar. 10 Pero entroulle moita fame e quixo comer. Mentres preparaban a comida, el tivo unha visión 11 e viu o ceo aberto e algo* parecido a unha tea grande de liño que baixaba sobre a terra, colgada polas catro puntas. 12 Enriba dela había todo tipo de animais de catro patas, réptiles* da terra e aves do ceo. 13 Entón unha voz díxolle: “Pedro, levántate! Mata un animal e come!”. 14 Pero Pedro respondeulle: “Non, Señor, non podo facelo. Nunca comín nada contaminado ou impuro*”. 15 A voz falou por segunda vez e díxolle: “Deixa de chamarlles contaminadas ás cousas que Deus limpou*”. 16 Isto pasou unha terceira vez e a tea* volveu para o ceo inmediatamente.
17 Pedro estaba moi sorprendido e non deixaba de pensar no que podería significar aquela visión. Mentres tanto, os homes que enviara Cornelio preguntaran onde quedaba a casa de Simón e xa estaban alí na porta. 18 Chamaron o dono da casa e preguntáronlle se se aloxaba alí Simón, coñecido como Pedro. 19 Mentres Pedro aínda estaba pensando na visión, o espírito santo díxolle: “Mira! Hai tres homes que están preguntando por ti. 20 Así que levántate, baixa e non dubides en ir con eles, porque os enviei eu”. 21 Entón Pedro baixou a onde estaban os homes e díxolles: “Aquí estou. Son eu a quen estades buscando. En que vos podo axudar?”. 22 Eles dixéronlle: “Envíanos Cornelio, un oficial do exército. El é un home xusto que teme a Deus e toda a nación xudía fala ben del. Deus deulle instrucións mediante un anxo para que te invitase á súa casa e escoitase o que lle tes que dicir”. 23 Así que Pedro invitounos a entrar e quedaron aloxados alí.
Ó día seguinte, levantouse e foi con eles, e tamén o acompañaron algúns irmáns de Xope. 24 Un día despois chegou a Cesarea. Cornelio, por suposto, estaba esperando por eles e xuntara os seus familiares e amigos íntimos. 25 Cando Pedro chegou á casa, Cornelio saíu a recibilo, botouse ó chan e inclinouse diante del*. 26 Pero Pedro levantouno dicíndolle: “Ponte de pé. Eu son un home coma ti”. 27 Mentres falaba con Cornelio, entrou na casa e viu que había moitas persoas reunidas. 28 El díxolles: “Vós ben sabedes que vai en contra da lei que un xudeu teña trato cun home doutra nación ou se acerque a el. Pero Deus ensinoume que non debo chamar contaminado ou impuro a ninguén. 29 Por iso non me neguei a vir cando me viñeron buscar. Así que agora contádeme, por que me chamastes?”.
30 Cornelio respondeu: “Hai catro días estaba orando na miña casa a esta mesma hora, arredor das 3 da tarde*, e de repente apareceu diante de min un home ó que lle brillaba a roupa, 31 e dixo: ‘Cornelio, Deus escoitou a túa oración e acordouse da axuda que lles deches ós pobres. 32 Por iso, manda alguén a Xope para que vaia buscar a Simón, a quen lle chaman Pedro. Estase aloxando na casa de Simón, un curtidor que vive á beira do mar’. 33 Así que enseguida mandei que te fosen buscar e ti tiveches a amabilidade de vir. Agora estamos todos aquí diante de Deus para escoitar as cousas que Xehová* che mandou dicir”.
34 Ó escoitar iso, Pedro empezou a falar e dixo: “Agora realmente entendo que Deus non fai diferenzas entre as persoas* 35 e que acepta a tódolos que o temen* e fan o que está ben, sexan da nación que sexan. 36 El envioulles a súa mensaxe* ós fillos de Israel para anunciarlles as boas noticias da paz mediante Xesucristo, que é o Señor de todos. 37 Vós sabedes do que se falaba por toda Xudea e que empezou en Galilea, despois do bautismo sobre o que Xoán predicou. 38 Falábase de Xesús de Nazaret, de que Deus o unxiu con espírito santo e de que lle deu poder, e de que foi por toda aquela terra facendo o ben e curando a tódolos que sufrían por culpa do Demo*, porque Deus estaba con el. 39 Nós somos testemuñas de tódalas cousas que fixo, tanto na terra dos xudeus como en Xerusalén, pero eles matárono colgándoo nun madeiro*. 40 Deus resucitouno* ó terceiro día e permitiu que a xente o vise. 41 Pero non deixou que o visen todos, só os que comemos e bebemos con el despois de que resucitase* de entre os mortos. A nós escolleunos Deus de antemán para que o vísemos e falásemos del. 42 El tamén nos mandou que lle predicásemos ó pobo e que désemos un testemuño completo de que el é o que Deus nomeou como xuíz de vivos e de mortos. 43 Tódolos profetas falaron sobre Xesús. Escribiron que mediante o seu nome, Deus perdoará os pecados de tódolos que demostran fe nel”.
44 Mentres Pedro aínda estaba falando destas cousas, o espírito santo baixou sobre tódolos que estaban escoitando a mensaxe. 45 Os xudeus crentes* que foran con Pedro estaban moi sorprendidos ó ver que a xente das nacións tamén estaba recibindo o regalo do espírito santo, 46 porque os oían falar en diferentes idiomas e louvar a Deus. Despois, Pedro dixo: 47 “Estas persoas recibiron o espírito santo igual ca nós. Entón, quen pode impedir que se bauticen con auga?”. 48 Así que mandou que os bautizasen no nome de Xesucristo. Despois pedíronlle que quedase con eles algúns días.