Segunda Carta de Pedro
3 Queridos irmáns, esta é a segunda carta que vos escribo e, igual que na primeira, recórdovos algúns asuntos para despertar a vosa capacidade de pensar con claridade, 2 para que recordedes o que dixeron no pasado os* santos profetas e o mandamento que deu o Señor e Salvador por medio dos vosos apóstolos. 3 Sobre todo, tedes que saber que nos últimos días* aparecerán burlóns coas súas burlas que actuarán seguindo os seus propios desexos, 4 e que dirán: “Onde está a súa prometida presenza*? Porque desde que os nosos antepasados morreron* todo segue exactamente igual que desde o principio da creación”.
5 Eles ignoran voluntariamente o feito de que hai moito tempo houbo uns ceos e unha terra establecida firmemente pola palabra de Deus fóra da auga e no medio das augas, 6 e que por medio destas cousas o mundo daquel tempo foi destruído cando foi inundado con auga. 7 Pero por esa mesma palabra, os ceos e a terra que existen agora están reservados para o lume ata o día de xuízo e da destrución da xente malvada*.
8 Pero, queridos irmáns, non vos esquezades de que para Xehová* un día é coma mil anos, e mil anos coma un día. 9 Xehová* non está retrasando o cumprimento da súa promesa, como pensan algunhas persoas. Todo o contrario, el é paciente con vós porque non desexa que ninguén sexa destruído, senón que todos se arrepintan*. 10 Pero o día de Xehová* virá coma un ladrón. Ese día os ceos desaparecerán cun ruído moi forte*, os elementos, que estarán moi quentes, disolveranse, e a terra e tódalas cousas que se fixeron nela quedarán ó descuberto.
11 Como todas estas cousas se van disolver desta maneira, pensade na clase de persoas que debedes ser! Debedes ter unha conduta santa e demostrar polos vosos feitos que tedes devoción a Deus, 12 mentres esperades e estades moi pendentes da* presenza do día de Xehová*. Nese día, os ceos serán destruídos polo lume e os elementos derreteranse pola intensa calor. 13 Pero hai uns ceos novos e unha terra nova que esperamos de acordo co que el prometeu, e neles reinará a xustiza.
14 Por iso, queridos irmáns, como estades esperando estas cousas, facede todo o posible para que ó final el vos encontre sen manchas, sen defectos e en paz. 15 Ademais, tede en conta que a paciencia do noso Señor significa salvación, tal como tamén vos escribiu o noso querido irmán Paulo de acordo coa sabedoría que recibiu. 16 De feito, el falouvos diso en tódalas súas cartas. Pero nelas hai algunhas cousas difíciles de entender que os ignorantes* e os que están débiles na fe* retorcen, igual que fan co resto das Escrituras, e isto levaraos á súa propia destrución.
17 Polo tanto, queridos irmáns, como xa sabedes estas cousas, mantédevos alerta para que non sexades desviados coma eles polas ensinanzas falsas* da xente malvada e deixedes de estar firmes*. 18 Máis ben, seguide vivindo de maneira que poidades recibir cada vez máis bondade inmerecida e coñecemento do noso Señor e Salvador Xesucristo. Que el reciba a gloria agora e ata o día da eternidade. Amén.