Segunda Carta ós Tesalonicenses
2 Pero, irmáns, no que ten que ver coa presenza* do noso Señor Xesucristo e co feito de que imos ser reunidos con el, pedímosvos 2 que non perdades facilmente o bo xuízo. Tampouco vos asustedes por unha mensaxe inspirada*, nin por unha mensaxe transmitida de maneira oral, nin por unha carta que pareza nosa e que diga que xa chegou o día de Xehová*.
3 Que ninguén vos engane* de ningunha maneira, porque antes de que chegue ese día ten que vir a apostasía* e ten que quedar ó descuberto* o home que desafía a lei, o fillo da destrución. 4 El é un opositor e ponse por enriba de todo o que a xente considera un deus e de calquera cousa que se adore. Desta maneira, séntase no templo de Deus e preséntase publicamente coma se fose un deus. 5 Non vos acordades de que eu xa vos dicía estas cousas cando aínda estaba con vós?
6 Agora xa sabedes quen* está facendo de barreira*, para que o home que desafía a lei quede ó descuberto ó tempo debido. 7 É certo que a maldade deste home que desafía a lei, que está escondida, xa está actuando. Pero vai seguir escondida ata que desapareza quen agora está facendo de barreira. 8 Entón, o home que desafía a lei quedará ó descuberto*, e o Señor Xesús destruirao co poder que sae da súa boca* cando a presenza do Señor se faga evidente. 9 Pero a presenza do home que desafía a lei débese á influencia de Satanás, que lle dá poder para facer todo tipo de obras poderosas, cousas impresionantes, milagres* falsos 10 e todo tipo de enganos inxustos que van dirixidos ós que van camiño á destrución. Eles van ser destruídos como castigo por non aceptar e amar a verdade que os podería salvar. 11 Por iso Deus permite que unha influencia enganosa os confunda para que crean na mentira, 12 e que así todos sexan xulgados porque non creron a verdade, senón que desfrutaron da inxustiza.
13 Irmáns, Xehová* quérevos moito. Nós sempre nos sentimos obrigados a darlle grazas a Deus por vós, porque vos escolleu desde o principio para a salvación. Fixo isto ó santificarvos co seu espírito pola vosa fe na verdade. 14 Foi para isto para o que el vos chamou por medio das boas noticias que anunciamos, para que poidades conseguir a gloria do noso Señor Xesucristo. 15 Así que, irmáns, mantédevos firmes e apegádevos ás cousas que se vos ensinaron, fose de palabra ou nunha carta nosa. 16 Ademais, que o noso Señor Xesucristo e Deus, o noso Pai, que nos amou e nos deu o consolo eterno e unha esperanza marabillosa por bondade inmerecida, 17 vos consolen* e vos fortalezan* para que sempre fagades e digades o que está ben.