Carta ós Romanos
14 Recibide con cariño a quen ten unha fe débil, e non xulguedes asuntos de opinión persoal*. 2 Unha persoa que ten unha fe forte comerá de todo. Pero unha persoa que ten unha fe débil só comerá verduras. 3 Que a persoa que come non desprece a quen non come, e a persoa que non come que non xulgue a quen come, porque Deus recibiuno con cariño. 4 Quen es ti para xulgar o servo doutro? É cousa do seu amo que se manteña en pé ou que caia. De feito, manterase en pé porque Xehová* pode mantelo en pé.
5 Algúns pensan que hai días máis importantes que outros, e outros pensan que tódolos días son iguais. Que cada un estea totalmente convencido na súa propia mente. 6 Quen celebra certo día faino para agradar a Xehová*. Ademais, quen come faino para agradar a Xehová*, xa que lle dá grazas a Deus. E quen non come tamén o fai para agradar a Xehová*, e aínda así dálle grazas a Deus. 7 De feito, ningún de nós vive só para si mesmo, e ningún morre só para si mesmo. 8 Porque se vivimos, vivimos para Xehová*, e se morremos, morremos para Xehová*. Así que, tanto se vivimos como se morremos, somos de Xehová*. 9 Porque para isto morreu Cristo e volveu a vivir: para ser Señor tanto dos mortos coma dos vivos.
10 Entón, por que xulgas o teu irmán? Ou por que desprezas o teu irmán? Todos estaremos de pé diante do tribunal de Deus. 11 Porque está escrito: “Xehová* di: ‘Tan certo como que eu vivo, todos se inclinarán* diante de min e todos* recoñecerán publicamente que eu son Deus’”. 12 Así que cada un de nós terá que render contas de si mesmo a Deus.
13 Polo tanto, deixemos de xulgarnos uns ós outros. En vez diso, estade decididos a non poñer ningún estorbo nin obstáculo diante dun irmán. 14 Como son seguidor do Señor Xesús, estou totalmente convencido de que nada é impuro en si mesmo. Só cando alguén pensa que algo é impuro, entón é impuro para el. 15 Por iso, se ofendes o teu irmán polo que comes, xa non estás demostrando* amor. Non deixes que o que comes acabe coa fe desa persoa pola que morreu Cristo. 16 Así que non deixedes que se fale mal das cousas boas que facedes. 17 Porque o Reino de Deus non ten que ver con comer e beber, senón coa xustiza, coa paz e coa felicidade mediante o espírito santo. 18 Porque calquera que serve a Cristo como escravo desta maneira agrada a Deus e ten a aprobación dos homes.
19 Así que busquemos as cousas que promoven a paz e as que nos fortalecen uns ós outros. 20 Deixa de destruír a obra de Deus* só pola comida. É certo que tódalas cousas son puras, pero está mal que alguén coma se iso fai tropezar a outro. 21 É mellor non comer carne nin beber viño nin facer nada que faga tropezar ó teu irmán. 22 O que cres sobre estes asuntos* é algo entre ti e Deus. O home que non se condena a si mesmo polo que decide facer será feliz. 23 Pero se alguén ten dúbidas e come, xa está condenado, porque non come por fe. En realidade, todo o que non se fai por fe é pecado.