As boas noticias segundo Lucas
4 Entón Xesús, cheo de espírito santo, marchou de onda o Xordán, e o espírito foino guiando polo deserto 2 durante 40 días, e alí foi tentado polo Demo*. Como non comera nada en todos aqueles días, ó final tiña fame. 3 Entón o Demo díxolle: “Se es fillo de Deus, dille a esta pedra que se converta en pan”. 4 Pero Xesús respondeulle: “Está escrito: ‘Non só de pan debe vivir o home’”.
5 Despois o Demo levouno a un sitio alto e durante un instante mostroulle tódolos reinos da terra. 6 Entón, o Demo díxolle: “Dareiche a gloria destes reinos e autoridade sobre eles. Porque esta autoridade déronma a min e eu doulla a quen eu queira. 7 Por iso, se me adoras unha soa vez, todo será teu”. 8 Xesús contestoulle: “Está escrito: ‘Adora a Xehová*, o teu Deus, e sírveo* só a el’”.
9 Entón o Demo levouno a Xerusalén, á parte máis alta do templo, e díxolle: “Se es fillo de Deus, tírate abaixo desde aquí, 10 porque está escrito ‘Mandaralles ós seus anxos que coiden de ti para protexerte’ 11 e ‘Levarante nas súas mans para que o teu pé non choque contra ningunha pedra’”. 12 Xesús contestoulle: “Xa se dixo: ‘Non poñas a proba a Xehová*, o teu Deus’”. 13 Despois de tentar a Xesús, o Demo deixouno ata outro momento oportuno.
14 Entón Xesús volveu a Galilea co poder do espírito. E a súa fama estendeuse por toda aquela rexión. 15 Ademais, empezou a ensinar nas sinagogas da zona, e todo o mundo lle daba honra.
16 Despois marchou para Nazaret, onde se criara. E o sábado, como tiña por costume, entrou na sinagoga e púxose de pé para ler. 17 Entón déronlle o rolo do profeta Isaías. El abriuno e encontrou a pasaxe onde estaba escrito: 18 “O espírito de Xehová* está sobre min, porque el unxiume para anunciarlles boas noticias ós pobres. E envioume ós presos para proclamarlles que serán liberados e ós cegos para proclamarlles que recuperarán a vista. Tamén me enviou para liberar os oprimidos 19 e para predicar sobre o tempo de conseguir o favor* de Xehová*”. 20 Despois pechou o rolo, devolveullo ó axudante da sinagoga e sentouse. Tódolos que estaban alí quedaron mirando fixamente para el, 21 e entón el díxolles: “Hoxe cúmprese esta parte das Escrituras que acabades de escoitar”.
22 Todos empezaron a falar ben del e quedaban asombrados polas palabras tan bonitas que saían da súa boca. E dicían: “Este é o fillo de Xosé, non?”. 23 Entón el díxolles: “Sei que me aplicaredes este dito: ‘Médico, cúrate a ti mesmo’. E diredes: ‘Fai tamén na túa terra as cousas que oímos que fixeches en Capernaúm’”. 24 E seguiu dicindo: “Asegúrovos que a ningún profeta se lle acepta na súa propia terra. 25 Por exemplo, nos días de Elías, cando houbo unha gran fame por toda aquela terra porque o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses, asegúrovos que había moitas viúvas en Israel. 26 Pero Deus non mandou que Elías fose onda ningunha delas, soamente o enviou onda a viúva de Sarepta, na terra de Sidón. 27 Ademais, nos días do profeta Eliseo había moitos leprosos en Israel, pero el non curou* ningún deles, só a Naamán, o sirio”. 28 Ó escoitar isto, tódolos que estaban na sinagoga enchéronse de rabia. 29 Entón, levantáronse, sacárono rapidamente da cidade e levárono ó alto da montaña sobre a que estaba construída a cidade, para tiralo abaixo desde alí. 30 Pero el escapou pasando polo medio deles e seguiu o seu camiño.
31 Despois, baixou a Capernaúm, unha cidade de Galilea. Os sábados ensináballe á xente 32 e todos quedaban impresionados pola súa maneira de ensinar, porque falaba coa autoridade de Deus. 33 Na sinagoga había un home que estaba posuído por un espírito impuro, un demo, que berrou con forza: 34 “Ah! Que temos que ver contigo, Xesús o Nazareno? Viñeches a destruírnos? Sei perfectamente quen es: o Santo de Deus!”. 35 Pero Xesús reprendeu o demo e díxolle: “Cala e sae del!”. Entón o demo botou o home ó chan no medio da xente, e saíu del sen facerlle dano ningún. 36 Ó ver isto, todos quedaron sorprendidos e empezaron a dicirse uns ós outros: “Que maneira de falar é esta? Con autoridade e poder dálles ordes ós demos, e eles saen da xente!”. 37 E as noticias sobre el chegaban a tódolos lugares daquela rexión.
38 Despois de saír da sinagoga, Xesús entrou na casa de Simón. Resulta que a sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle a Xesús que a axudase. 39 Entón Xesús acercouse a ela, fixo que lle baixase* a febre, e a febre desapareceu. Ó momento, ela levantouse e púxose a atendelos.
40 Cando se estaba poñendo o sol, tódolos que tiñan enfermos nas súas casas empezaron a traerllos a Xesús. E el, sen importar que enfermidade tivesen, curábaos poñendo as mans sobre cada un deles. 41 E, de moita xente, saían demos berrando: “Ti es o Fillo de Deus!”. Pero el reprendíaos e non lles deixaba falar, porque sabían que el era o Cristo.
42 Cando se empezou a facer de día, marchou de alí e foise a un lugar apartado. Pero as multitudes empezaron a buscalo, chegaron ata onde estaba e intentaron impedir que marchase de onda eles. 43 Pero el díxolles: “Tamén teño que anunciar as boas noticias do Reino de Deus noutras cidades, porque para iso fun enviado”. 44 Así que seguiu predicando nas sinagogas de Xudea.