Carta ós Romanos
4 Entón, que diremos que conseguiu Abrahán, o noso antepasado*? 2 Por exemplo, se Abrahán fose declarado xusto polas súas accións, tería motivos para presumir, aínda que non diante de Deus. 3 Porque, que din as Escrituras? “Abrahán tivo fe en Xehová* e foi considerado xusto*”. 4 O salario que recibe o que traballa non se considera bondade inmerecida, senón unha cousa que ten dereito a recibir*. 5 En cambio, o home que non confía nas súas accións pero ten fe naquel que declara xusto ó pecador*, é considerado xusto pola súa fe*. 6 David tamén fala da felicidade do home a quen Deus considera xusto pero non polo que fai: 7 “Felices son as persoas ás que se lles perdoaron as cousas malas* que fixeron e ás que se lles perdoaron* os pecados. 8 Feliz é o home a quen Xehová* de ningunha maneira lle terá en conta os seus pecados”.
9 Entón, esta felicidade téñena só os que están circuncidados ou tamén os que non o están? Porque dicimos: “Abrahán foi considerado xusto pola súa fe*”. 10 Pero, cando foi considerado xusto?* Cando xa estaba circuncidado ou cando non o estaba? Foi cando aínda non estaba circuncidado, así que era incircunciso. 11 E recibiu un sinal (a circuncisión) como confirmación* de que foi considerado xusto pola fe que tivo cando non estaba circuncidado. Isto pasou para que fose o pai de tódolos que teñen fe sen estar circuncidados, para que fosen considerados xustos, 12 e para que fose o pai dunha descendencia circuncidada, non só dos que se aferran á circuncisión, senón tamén dos que na súa vida demostran a mesma fe que tivo o noso pai Abrahán cando non estaba circuncidado.
13 Porque non foi por medio da lei que Abrahán ou a súa descendencia recibiron a promesa de que el sería herdeiro dun mundo*, senón que foi por medio da xustiza que se obtén pola fe. 14 Porque, se os herdeiros son os que se aferran á Lei, a fe é inútil e a promesa queda anulada. 15 En realidade, desobedecer a Lei provoca a ira de Deus, pero onde non hai lei non se pode desobedecer a lei*.
16 Por iso, a promesa recíbese mediante a fe, para que sexa por bondade inmerecida de Deus, e que así a promesa sexa segura para toda a descendencia de Abrahán, non só para os que se aferran á Lei, senón tamén para os que se aferran á fe de Abrahán, o pai de todos nós. 17 (É tal como está escrito: “Escollinte para que sexas pai de moitas nacións”.) Isto pasou diante de Deus, en quen Abrahán tiña fe, diante daquel que lles dá vida ós mortos e fala das cousas que aínda non existen coma se existisen*. 18 Aínda que non había motivos para ter esperanza, tendo como base a esperanza tivo fe en que sería pai de moitas nacións, tal como se dixera: “Así de numerosa será a túa descendencia”. 19 E aínda que a súa fe non se debilitou, si que se daba conta de que o seu corpo estaba como morto (porque tiña uns 100 anos) e de que a matriz de Sara tamén estaba morta*. 20 Pero grazas á promesa de Deus, non dubidou nin lle faltou fe. Ó contrario, a súa fe fíxoo forte e así deulle gloria a Deus, 21 totalmente convencido de que Deus podía cumprir o que lle prometera. 22 Por iso, “foi considerado xusto*”.
23 Pero as palabras “foi considerado” non se escribiron só para el, 24 senón tamén para nós, que seremos considerados xustos porque cremos naquel que resucitou* a Xesús, o noso Señor, de entre os mortos. 25 El foi entregado para morrer polas nosas ofensas e foi resucitado* para que sexamos declarados xustos.