Carta ós Gálatas
4 Agora ben, dígovos que mentres o herdeiro é un neno pequeno non é diferente a un escravo, aínda que sexa dono de tódalas cousas, 2 porque está baixo supervisores e administradores ata o día que seu pai fixou con antelación. 3 Da mesma maneira nós, cando eramos coma nenos, tamén eramos escravos da forma de pensar* deste mundo. 4 Pero cando se cumpriu o tempo fixado, Deus mandou o seu Fillo, que naceu dunha muller e que estaba baixo a lei, 5 para que comprase e liberase os que estaban baixo a lei, e que así nós puidésemos ser adoptados como fillos.
6 Como sodes fillos, Deus enviou ós nosos corazóns o espírito santo que se lle deu ó seu Fillo. E este espírito fai que berremos: “Abba*, Pai!”. 7 Así que xa non es un escravo, senón un fillo. E se es un fillo, Deus tamén te fixo herdeiro.
8 Agora ben, cando non coñeciades a Deus, erades escravos dos que en realidade non son deuses. 9 Pero agora que coñecedes a Deus, ou mellor dito, agora que Deus vos coñece a vós, como é que volvedes ás formas de pensar* inútiles deste mundo que non valen para nada e queredes volver a ser os seus escravos? 10 Pensades que hai días, meses, épocas e anos que son especiais, e celebrádelos con moito coidado. 11 Estou preocupado por vós, porque pode ser que os esforzos que fixen para axudarvos non valesen para nada.
12 Irmáns, suplícovos que sexades coma min, porque eu tamén fun coma vós. Vós non me tratastes mal. 13 Xa sabedes que a primeira vez que puiden predicarvos as boas noticias foi debido a unha enfermidade. 14 E aínda que o meu estado físico foi unha proba para vós, non me tratastes con desprezo nin coma se sentísedes noxo*. Todo o contrario, recibístesme como a un anxo de Deus, como a Cristo Xesús. 15 Onde quedou aquela felicidade que sentiades? Porque estou seguro* de que houbo un tempo no que, se fose posible, sacariádesvos os ollos para darmos a min. 16 Entón, convertinme agora no voso inimigo por dicirvos a verdade? 17 Algúns fan o que sexa para atraervos, pero non teñen boas intencións. Queren separarvos de min para que os sigades a eles. 18 En realidade é bo que sempre haxa alguén que, con boas intencións, faga o que sexa para atraervos, e non só cando eu estou con vós, 19 meus filliños. Por vós, volvo a sufrir dores de parto que seguirei tendo ata que imitedes a personalidade do Cristo. 20 Encantaríame estar con vós agora mesmo e falarvos doutra maneira, porque me tedes desconcertado.
21 Vós, que queredes estar baixo a lei, dicídeme: non escoitades o que di a Lei? 22 Por exemplo, está escrito que Abrahán tivo dous fillos: un da serva e outro da muller libre. 23 O da serva naceu coma calquera outro ser humano*. En cambio, o da muller libre naceu por unha promesa. 24 Estas cousas poden ter un significado simbólico porque estas mulleres representan dous pactos. Un deles fíxose no monte Sinaí e é coma Agar. Tódolos que están baixo este pacto son escravos. 25 Agar representa o Sinaí, unha montaña de Arabia, e correspóndese coa Xerusalén de hoxe en día, porque Xerusalén e os seus fillos son escravos. 26 Pero a Xerusalén de arriba é libre, e ela é a nosa nai.
27 Porque está escrito: “Alégrate, muller estéril que non tes fillos. Berra de alegría, ti que non tes dores de parto. Porque a muller abandonada ten moitos máis fillos que a muller que ten marido”. 28 Pois vós, irmáns, sodes fillos da promesa, como foi Isaac. 29 Pero, igual que naquel tempo o fillo que naceu coma calquera outro ser humano* perseguiu o que naceu por espírito, agora pasa o mesmo. 30 Aínda así, que din as Escrituras? “Bota de aquí a serva e o seu fillo. Porque o fillo da muller libre de ningunha maneira compartirá a súa herdanza co fillo da serva”. 31 Polo tanto, irmáns, non somos fillos dunha serva, senón da muller libre.