Carta ós Romanos
7 Ou é que non sabedes, irmáns (porque estou falándolles ós que coñecen a Lei), que a Lei ten poder sobre as persoas mentres están vivas? 2 Por exemplo, a muller casada está atada pola lei ó seu home mentres el vive, pero se o seu home morre, queda libre da lei* do seu home. 3 Así que, se chegase a casar con outro home* mentres o seu marido aínda está vivo, chamaríaselle adúltera. Pero se o seu marido morre, queda libre da lei do seu marido e non sería adúltera se chegase a casar con outro home.
4 Da mesma maneira, meus irmáns, a vós tamén se vos liberou da* Lei mediante o corpo do Cristo para que chegásedes a ser doutro, daquel que resucitou* de entre os mortos, para que poidamos servir a* Deus. 5 Porque cando viviamos de acordo cos desexos da carne, a Lei fíxonos ser conscientes dos desexos que actuaban nos nosos corpos* e que levan ó pecado. E eses desexos só poderían levarnos á morte*. 6 Pero agora liberóusenos da Lei, porque morremos con respecto ó que nos tiña atados, para que sexamos escravos nun sentido novo por medio do espírito, e non no sentido vello por medio da Lei escrita*.
7 Entón, que imos dicir? É pecado a Lei? Claro que non! En realidade, se non fose pola Lei, eu non sabería o que é o pecado. Por exemplo, non sabería o que é a cobiza* se a Lei non dixese: “Non cobices”. 8 Pero o pecado aproveitou a oportunidade que lle daba este mandamento para producir en min todo tipo de cobiza, porque o pecado estaba morto sen a lei. 9 De feito, noutro tempo eu estaba vivo sen a Lei. Pero cando chegou o mandamento*, o pecado volveu a vivir e eu morrín. 10 E deime conta de que o mandamento que debía levarme á vida en realidade levábame á morte. 11 Porque o pecado aproveitou a oportunidade que lle daba o mandamento, seduciume e por medio del matoume. 12 Polo tanto, a Lei en si mesma é santa, e o mandamento é santo, xusto e bo.
13 Entón, significa isto que unha cousa boa fixo que eu morrese? Claro que non! Foi o pecado o que fixo que morrese por medio dunha cousa boa, para que se demostrase que era pecado. Desta maneira, o pecado chegou a ser moito máis pecaminoso mediante o mandamento. 14 Porque sabemos que a Lei é espiritual, pero eu son carnal, vendido como escravo ó pecado. 15 De feito, non entendo por que actúo desta maneira: en vez de facer o que quero facer, fago o que odio. 16 Recoñezo que a Lei é boa, pero fago o que non quero facer. 17 Pero agora xa non son eu o que fai esas cousas, senón o pecado que vive dentro de min. 18 Porque sei que dentro de min (é dicir, no meu corpo imperfecto*) non hai nada bo, xa que quero facer o que está ben pero non son capaz de facelo. 19 Porque non fago as cousas boas que quero facer, senón que fago as cousas malas que non quero facer. 20 Entón, se fago o que non quero facer, xa non son eu quen o fai, senón o pecado que vive dentro de min.
21 Polo tanto, doume conta de que existe esta lei no meu caso: cando quero facer o que está ben, o que é malo está comigo. 22 O home que son por dentro de verdade ama a lei de Deus, 23 pero vexo que no meu corpo* hai outra lei que loita contra a lei da miña mente e que me fai prisioneiro da lei do pecado que está no meu corpo*. 24 Que home tan desgraciado son! Quen me vai librar do corpo que me está levando a esta morte? 25 Doulle grazas a Deus porque me rescatou por medio de Xesucristo, o noso Señor! Porque coa miña mente son escravo da lei de Deus, pero coa miña carne son escravo da lei do pecado.