As boas noticias segundo Mateo
25 ”Entón, o Reino dos ceos pode compararse a 10 virxes que colleron os seus candís* e saíron a encontrarse co noivo. 2 Cinco delas eran insensatas* e as outras cinco prudentes*. 3 As insensatas colleron os seus candís, pero non levaron aceite. 4 As prudentes tamén colleron os seus candís, pero ademais levaron frascos con aceite. 5 Como o noivo tardaba*, entroulles o sono a todas e quedaron durmidas. 6 No medio da noite escoitouse un berro: ‘O noivo xa está aquí! Saíde a recibilo!’. 7 Así que tódalas virxes levantáronse e prepararon os seus candís. 8 Entón as insensatas dixéronlles ás prudentes: ‘Dádenos un pouco do voso aceite, porque os nosos candís están a punto de apagarse’. 9 Pero as prudentes contestáronlles: ‘Igual non hai suficiente para nós e para vós. É mellor que llo vaiades comprar a alguén que o venda’. 10 Mentres o foron comprar, chegou o noivo. As virxes que estaban preparadas entraron con el ó banquete de voda, e entón pechouse a porta. 11 Despois chegaron as outras virxes e dixeron: ‘Señor, señor, ábrenos!’. 12 Pero el respondeulles: ‘Asegúrovos que non vos coñezo’.
13 ”Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes nin o día nin a hora.
14 ”O Reino tamén é coma un home que, xusto antes de viaxar ó estranxeiro, mandou chamar os seus escravos e encargoulles que atendesen os seus bens. 15 Tendo en conta as capacidades de cada escravo, a un deulle cinco talentos*, a outro dous e a outro un. Despois marchou ó estranxeiro. 16 O que recibiu os cinco talentos rapidamente foi negociar con eles e ganou outros cinco. 17 O que recibiu dous tamén ganou outros dous. 18 Pero o que recibiu só un foi cavar un burato no chan e escondeu alí os cartos* do seu amo.
19 ”Despois de moito tempo, o amo dos escravos volveu, e pediulles contas do que fixeran cos cartos. 20 O que recibira cinco talentos tróuxolle outros cinco e díxolle: ‘Meu amo, deixaches ó meu cargo cinco talentos. Mira, ganei outros cinco’. 21 O amo respondeulle: ‘Ben feito, escravo bo e fiel! Como fuches fiel ó encargarte dunhas poucas cousas, voute poñer ó cargo de moitas. Ven e alégrate co teu amo’. 22 Despois veu o que recibira dous talentos e díxolle: ‘Meu amo, deixaches ó meu cargo dous talentos. Mira, ganei outros dous’. 23 O amo contestoulle: ‘Ben feito, escravo bo e fiel! Como fuches fiel ó encargarte dunhas poucas cousas, voute poñer ó cargo de moitas. Ven e alégrate co teu amo’.
24 ”Por último veu o que recibira un talento e dixo: ‘Meu amo, eu sabía que ti es un home esixente, que recolles onde non sementaches e apañas onde non traballaches. 25 Por iso tiven medo e escondín o teu talento na terra. Mira, aquí tes o que é teu’. 26 O amo respondeulle: ‘Escravo malo e vago. Dis que sabías que recollo onde non sementei e que apaño onde non traballei? 27 Pois entón debiches levarlles os meus cartos ós banqueiros. Así eu podería recuperalos con intereses cando volvese’.
28 ”Despois dixo: ‘Quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. 29 Porque ó que ten daráselle máis e terá de sobra, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten. 30 E botade fóra, á escuridade, o escravo que non vale para nada. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*’.
31 ”Cando o Fillo do Home veña coa súa gloria, acompañado de tódolos anxos, sentarase no seu glorioso trono. 32 Tódalas nacións serán reunidas diante del e el separará as persoas en dous grupos, igual que o pastor separa as ovellas das cabras. 33 Poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda.
34 ”Entón o Rei diralles ós da súa dereita: ‘Vinde, vós, os que meu Pai bendiciu, e herdade o Reino preparado para vós desde o principio da humanidade*. 35 Porque tiven fame e déstesme de comer. Tiven sede e déstesme de beber. Era un descoñecido e recibístesme con hospitalidade. 36 Non levaba suficiente roupa* e vestístesme. Enfermei e coidástesme. Estiven no cárcere e viñéstesme a ver’. 37 Entón os xustos responderanlle: ‘Señor, cando foi que te vimos con fame e che demos de comer, ou con sede e che demos de beber? 38 Cando fuches un descoñecido e te recibimos con hospitalidade? Cando vimos que non levabas suficiente roupa e te vestimos? 39 Cando estiveches enfermo ou no cárcere e fomos a verte?’. 40 E o Rei contestaralles: ‘Asegúrovos que todo o que lle fixestes a un destes irmáns meus máis pequenos tamén mo fixestes a min’.
41 ”Entón diralles ós da súa esquerda: ‘Apartádevos de min, vós, os que fostes maldicidos. Ide ó lume eterno* preparado para o Demo* e os seus anxos. 42 Porque tiven fame e non me destes nada de comer. Tiven sede e non me destes nada de beber. 43 Era un descoñecido e non me recibistes con hospitalidade. Non levaba suficiente roupa e non me vestistes. Estiven enfermo e no cárcere, e non me coidastes’. 44 E eles tamén lle responderán: ‘Señor, cando foi que te vimos con fame ou con sede, ou fuches un descoñecido, ou non levaches suficiente roupa, ou estiveches enfermo ou no cárcere e non che axudamos?’. 45 Entón el diralles: ‘Asegúrovos que o que non lle fixestes a un destes irmáns meus máis pequenos tampouco mo fixestes a min’. 46 Os da súa esquerda serán destruídos para sempre*, pero os xustos recibirán vida eterna”.