Carta ós Hebreos
2 Por iso temos que prestarlles máis atención do habitual ás cousas que escoitamos, para que nunca vaiamos á deriva. 2 Porque, se quedou demostrado que as palabras que transmitiron os anxos eran certas, e se tódolos que desobedeceron e pasaron por alto a lei recibiron un castigo xusto, 3 como nos imos librar nós se vemos esta gran salvación coma se non fose importante*? O noso Señor foi o primeiro en anunciala e os que o escoitaron confirmáronnola. 4 Ó mesmo tempo, Deus tamén deu testemuño diso facendo milagres*, cousas impresionantes e diferentes obras poderosas, e distribuíndo o espírito santo de acordo coa súa vontade.
5 Porque el non puxo baixo a autoridade dos anxos a futura terra* da que falamos. 6 Pero unha testemuña escribiu unha vez: “Que é o home para que o teñas en conta? Ou que é o fillo do home para que coides del? 7 Fixéchelo un pouco inferior ós anxos, coroáchelo de gloria e honra, e puxéchelo a cargo do que fixeches coas túas mans. 8 Puxeches tódalas cousas debaixo dos seus pés”. Como Deus puxo tódalas cousas baixo o control de Cristo, non houbo nada que non estivese sometido a el. Pero aínda que agora non vexamos que tódalas cousas estean baixo o seu control, 9 si que vemos a Xesús (que foi feito un pouco inferior ós anxos) coroado de gloria e honra porque sufriu ata o punto de morrer. Así, el pasou pola morte para beneficiar a todos grazas á bondade inmerecida de Deus.
10 Tódalas cousas existen para a gloria de Deus e existen por medio del. Así que, para darlles gloria a moitos fillos, a el pareceulle apropiado que o Axente Principal* se perfeccionase pasando por moitos sufrimentos e que así eles conseguisen a salvación por medio del. 11 Porque tanto quen está santificando como os que están sendo santificados proveñen dun só. Por iso el non se avergonza de chamarlles irmáns 12 cando di: “Anunciareilles o teu nome ós meus irmáns. Louvareite con cancións no medio da congregación”. 13 Ademais di: “Confiarei nel”. E tamén: “Mirade! Eu e os fillos* que Xehová* me deu”.
14 Así que, como estes “fillos”* son* de carne e óso*, el tamén chegou a ser de carne e óso, para que grazas á súa morte puidese acabar co que pode causar a morte, é dicir, o Demo*, 15 e para que puidese liberar a tódolos que levaban toda a súa vida sendo escravos por culpa do medo á morte. 16 De feito, el non veu para axudar ós anxos, senón para axudar á descendencia de Abrahán. 17 Por iso tivo que chegar a ser igual que os seus “irmáns” en tódolos sentidos, para poder ser un sumo sacerdote misericordioso e fiel no servizo a Deus. Así puido ofrecer un sacrificio de reconciliación* polos pecados da xente. 18 El pode axudar ós que son postos a proba porque el mesmo sufriu cando o puxeron a proba.