Carta ós Hebreos
9 O pacto anterior tiña uns requisitos legais para o servizo sagrado e un lugar santo na terra. 2 Aquela tenda* construíuse con dous compartimentos. O primeiro chamábase o Lugar Santo e alí estaban o candelabro, a mesa e os pans da ofrenda*. 3 E detrás da segunda cortina estaba o compartimento que se chamaba o Santísimo. 4 Alí había un incensario de ouro e tamén estaba a arca do pacto totalmente recuberta de ouro. Dentro da arca estaban a xarra de ouro co maná, a vara de Aarón que brotara e as táboas do pacto, 5 e enriba dela estaban os gloriosos querubíns que cubrían o lugar da reconciliación* coa súa sombra. Pero agora non é o momento de falar con detalle destas cousas.
6 Despois de que todo estea preparado desta maneira, os sacerdotes entran cada día no primeiro compartimento da tenda para realizar os servizos sagrados. 7 Pero no segundo compartimento só entra o sumo sacerdote unha vez ó ano, e sempre leva o sangue que ofrece por si mesmo e polos pecados que comete o pobo por ignorancia. 8 Desta maneira, o espírito santo deixa claro que, mentres existía a primeira tenda, aínda non se lle mostrara a ninguén o camiño para o lugar santo. 9 Esta tenda é unha representación simbólica* para os nosos tempos, e fanse tanto ofrendas como sacrificios seguindo ese sistema. Pero nin estas ofrendas nin estes sacrificios poden conseguir que o home que adora a Deus* teña unha conciencia perfecta, 10 porque só teñen que ver con alimentos, bebidas e diferentes limpezas cerimoniais*. Eran requisitos legais relacionados co corpo e eran obrigatorios ata o tempo fixado para poñer todo en orde.
11 Pero cando Cristo veu como sumo sacerdote para traer as bendicións que temos agora, entrou na tenda máis importante e máis perfecta, que non se fixo con mans humanas, é dicir, que non é desta creación. 12 El entrou unha vez e para sempre no lugar santo, pero non co sangue de cabras e de touros novos, senón co seu propio sangue, e conseguiu unha liberación eterna* para nós. 13 O sangue das cabras e dos touros e as cinzas dunha becerra santifican e purifican o corpo dos que se contaminaron. 14 Así que o sangue do Cristo, quen se ofreceu a si mesmo sen ningún defecto a Deus por medio dun espírito eterno, con moita máis razón limpará a nosa conciencia de obras inútiles* para que lle deamos servizo sagrado ó Deus vivo.
15 Por iso el é o mediador dun novo pacto, para que os que foron chamados reciban a promesa da herdanza eterna. Isto é posible grazas a que el morreu como rescate para liberalos das ofensas que cometeron cando estaban baixo o pacto anterior. 16 Cando se fai un pacto, ten que morrer o ser humano que fai o pacto, 17 porque o pacto chega a ser válido coa morte e non entra en vigor mentres o ser humano que fai o pacto estea vivo. 18 Por iso o pacto anterior tampouco entrou en vigor* sen derramar sangue. 19 Porque cando Moisés lle anunciou tódolos mandamentos da Lei a todo o pobo, colleu o sangue dos touros novos e das cabras, e tamén auga, la de cor vermella intensa* e hisopo*, e salpicou o libro* e a todo o pobo, 20 e dixo: “Este é o sangue do pacto que Deus vos mandou obedecer”. 21 Tamén salpicou co sangue a tenda e tódolos obxectos do servizo santo*. 22 De feito, de acordo coa Lei, case tódalas cousas se purifican con sangue, e non se perdoan os pecados se non se derrama sangue.
23 Por iso había que purificar o reflexo das cousas celestiais por medio dos sacrificios de animais. Pero para as cousas celestiais fan falta sacrificios moito mellores. 24 Porque Cristo non entrou nun lugar santo que se fixese con mans humanas, nun lugar que é unha copia da realidade, senón que entrou no propio ceo. Así que agora preséntase diante* de Deus a favor de nós. 25 El non se ofreceu a si mesmo moitas veces, como pasa co que fai o sumo sacerdote, que entra no lugar santo cada ano con sangue que non é del. 26 Se non fose así, tería que ter sufrido moitas veces desde o principio da humanidade*. Pero agora apareceu unha vez e para sempre na parte final dos sistemas* para eliminar o pecado grazas ó seu propio sacrificio. 27 E igual que é inevitable* que os homes morran só unha vez e que despois diso reciban un xuízo, 28 o Cristo tamén foi ofrecido só unha vez para cargar cos pecados de moitas persoas. E cando apareza por segunda vez, non o vai facer para acabar co pecado, senón que se lles vai aparecer ós que están esperando por el con moitas ganas para conseguir a salvación.