Primeira Carta ós Corintios
16 En canto á colecta para os santos*, seguide as instrucións que lles dei ás congregacións de Galacia. 2 O primeiro día de cada semana, que cada un de vós aparte algo de acordo coas súas posibilidades, para que non se fagan colectas cando eu chegue. 3 E cando chegue, mandarei a Xerusalén os homes que aprobedes nas vosas cartas para que leven o xeneroso regalo que fixestes. 4 Pero se é mellor que eu tamén vaia, iremos xuntos.
5 Irei a visitarvos despois de pasar por Macedonia, porque vou pasar por Macedonia. 6 E igual quedo un tempo con vós, ou incluso paso o inverno aí, para que me poidades acompañar parte do camiño a onde vaia. 7 Non quero vervos agora só de pasada, porque espero estar un tempo con vós, se Xehová* o permite. 8 De todas formas, quedarei en Éfeso ata a Festa de Pentecostés, 9 porque se me abriu unha porta* grande para traballar máis, pero hai moitos inimigos.
10 Se chega Timoteo, asegurádevos de que non sinta ningún temor mentres estea con vós, porque está facendo a obra de Xehová*, igual ca min. 11 Por iso, que ninguén o menosprece. Axudádelle a seguir o seu camiño en paz, para que poida reunirse comigo, porque estou esperando por el cos irmáns.
12 En canto ó noso irmán Apolos, insistinlle moito para que fose a visitarvos cos irmáns. El non tiña pensado ir agora, pero irá cando teña a oportunidade.
13 Mantédevos despertos, estade firmes na fe, sede valentes* e sede fortes. 14 Facédeo todo con amor.
15 Irmáns, agora teño que suplicarvos unha cousa. Sabedes que os da casa de Estéfanas foron os primeiros crentes* de Acaia e que se dedicaron a servir os santos. 16 Pídovos que sigades colaborando con persoas coma esas, e con tódolos que traballan duro e serven con elas. 17 Alégrome de que Estéfanas, Fortunato e Acaico estean aquí comigo, porque eles compensaron a vosa ausencia. 18 Eles animáronme moito, e tamén a vós. Así que demostrade que valorades a esta clase de homes.
19 As congregacións de Asia mándanvos saúdos. Áquila e Prisca e a congregación que se reúne na súa casa mándanvos saúdos cariñosos como seguidores do Señor. 20 Mándanvos saúdos tódolos irmáns. Saudádevos uns ós outros con cariño*.
21 Eu, Paulo, escríbovos este saúdo coa miña propia man.
22 Se alguén non lle ten cariño ó Señor, que sexa maldito. Ven, noso Señor! 23 Que a bondade inmerecida do Señor Xesús estea con vós. 24 Que o meu amor estea con tódolos que estades unidos a Cristo Xesús.