As boas noticias segundo Lucas
16 Despois, Xesús tamén lles dixo ós seus discípulos: “Había un home rico que tiña un administrador* da casa ó que acusaron de malgastar os bens do seu amo. 2 Así que o home rico chamouno e díxolle: ‘Que é isto que andan dicindo de ti? Faime un informe coas contas de como administraches a miña casa, porque a partir de agora xa non te vas encargar dela’. 3 Entón o administrador pensou: ‘E que vou facer agora que o meu amo xa non vai deixar que me encargue da súa casa? Non teño forzas para cavar e dáme vergonza mendigar. 4 Ah! Xa sei o que vou facer para que a xente me acolla cando deixe de administrar a casa’. 5 Entón foi chamando un por un a tódolos que lle debían algo ó seu amo. E preguntoulle ó primeiro: ‘Canto lle debes ó meu amo?’. 6 El respondeulle: ‘Débolle 100 barrís pequenos* de aceite de oliva’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Rápido, séntate e escribe 50’. 7 Despois preguntoulle a outro: ‘E ti canto lle debes?’. El contestoulle: ‘Débolle 100 sacos grandes* de trigo’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Escribe 80’. 8 Entón o amo felicitou o administrador porque, aínda que era inxusto, actuou con astucia*. Dígovos isto porque os fillos deste sistema* son máis astutos ó tratar cos da súa propia xeración que os fillos da luz.
9 ”Tamén vos digo que usedes as riquezas deste mundo inxusto* para facervos amigos dos que, cando estas riquezas fallen, poden recibirvos nos lugares onde poderedes vivir para sempre. 10 A persoa fiel en cousas pequenas tamén é fiel en cousas grandes. E a persoa inxusta en cousas pequenas tamén é inxusta en cousas grandes. 11 Por iso, se non fostes fieis ó usar as riquezas deste mundo inxusto*, quen vos vai confiar as verdadeiras riquezas? 12 E se non fostes fieis ó usar as cousas doutro, quen vos vai dar algo para vós? 13 Ningún servo pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo”.
14 Os fariseos, ós que lles gustaban moito os cartos, estaban escoitando todo isto e empezaron a facerlle xestos de desprezo. 15 Así que Xesús díxolles: “Vós sodes os que ides dicindo diante da xente que sodes xustos, pero Deus coñece os vosos corazóns. Porque o que é importante para a xente é noxento ós ollos de Deus.
16 ”A Lei e os Profetas anunciáronse ata o tempo de Xoán. Desde entón, anúncianse as boas noticias do Reino de Deus e todo tipo de persoas se esforzan moito por entrar nel. 17 De feito, é máis fácil que desaparezan o ceo e a terra e non que quede sen cumprir un só trazo dunha letra da Lei.
18 ”Se un home se divorcia* da súa muller e casa con outra, comete adulterio. E calquera que case cunha muller divorciada* do seu home comete adulterio.
19 ”Había un home rico que ía vestido con roupa de color púrpura e de liño, e levaba unha vida chea de praceres e de luxos. 20 Xunto á súa porta, moitas veces deixaban un mendigo que se chamaba Lázaro e que tiña o corpo cheo de úlceras. 21 Lázaro quería matar a fame co que caía da mesa do rico. Os cans incluso viñan e lambíanlle as úlceras. 22 Co tempo, o mendigo morreu e os anxos levárono ó lado* de Abrahán.
”O rico tamén morreu e enterrárono. 23 E na Tumba*, en medio de sufrimentos, o home rico levantou a mirada, e viu desde lonxe a Abrahán e a Lázaro ó seu lado*. 24 Entón chamouno e díxolle: ‘Abrahán, meu pai, ten misericordia de min e manda a Lázaro para que molle a punta do seu dedo en auga e refresque a miña lingua, porque estou sufrindo moito nas chamas deste lume’. 25 Pero Abrahán contestoulle: ‘Meu fillo, recorda que desfrutaches de moitas cousas boas na túa vida, pero Lázaro sufriu moito. Agora, aquí a el estano consolando pero ti estás sufrindo. 26 Ademais, púxose un abismo grande entre nós e vós, para que ninguén, aínda que queira, poida cruzar de aquí a onde estades vós nin de onde estades vós para o noso lado’. 27 O home rico díxolle: ‘Pai Abrahán, entón pídoche que o mandes á casa de meu pai, 28 porque teño cinco irmáns. Deixa que el os avise para que non acaben sufrindo aquí tamén’. 29 Pero Abrahán contestoulle: ‘Xa teñen a Moisés e os Profetas, que os escoiten a eles’. 30 Entón o home rico díxolle: ‘Non, pai Abrahán! Se alguén de entre os mortos vai onda eles, vanse arrepentir’. 31 E Abrahán contestoulle: ‘Se non escoitan a Moisés e os Profetas, tampouco se van convencer aínda que alguén se levante de entre os mortos’”.