Carta ós Romanos
9 Como seguidor de Cristo, digo a verdade e non minto, e a miña conciencia, que está guiada polo espírito santo, testifica 2 que sinto unha gran tristeza e unha dor constante no meu corazón. 3 Porque preferiría que se me separase a min do Cristo coma se fose un home maldito se iso axudase ós meus irmáns, ós meus parentes carnais, 4 os israelitas. Eles foron escollidos para ser adoptados como fillos de Deus, e perténcenlles a gloria, os pactos, a Lei, o servizo sagrado e as promesas. 5 Eles son descendentes dos nosos patriarcas, de quen descendeu o Cristo. Que Deus, que está por enriba de todo, sexa louvado para sempre. Amén.
6 Pero isto non quere dicir que a palabra de Deus fallase. Porque non tódolos que son descendentes de Israel son realmente “Israel”. 7 Tampouco son todos fillos por ser descendentes de Abrahán, porque está escrito: “Por medio de Isaac virá o que será chamado a túa descendencia”. 8 É dicir, os descendentes naturais* non son realmente os fillos de Deus. Máis ben, os que son considerados a verdadeira descendencia son os fillos da promesa. 9 Porque esta foi a promesa: “O ano que vén por este tempo virei, e Sara terá un fillo”. 10 E isto non só pasou naquela ocasión, senón tamén cando Rebeca quedou embarazada de* xemelgos dun só home, o noso antepasado Isaac. 11 Para que o propósito de Deus de escoller a alguén seguise dependendo daquel que chama e non das accións, cando eles aínda non naceran nin fixeran nada bo nin nada malo, 12 a ela díxoselle: “O maior será escravo do máis novo”. 13 É tal como está escrito: “Amei a Xacob pero odiei* a Esaú”.
14 Entón, que diremos? É Deus inxusto? Claro que non! 15 Porque lle di a Moisés: “Mostrareille misericordia a quen eu queira mostrarlle misericordia, e mostrareille compaixón a quen eu queira mostrarlle compaixón”. 16 Así que non depende do que desexe unha persoa nin dos seus esforzos*, senón de Deus, que mostra misericordia. 17 Porque as Escrituras dinlle ó faraón: “Deixeite vivir por esta razón: para demostrar o meu poder no teu caso e para que se proclame o meu nome por toda a terra”. 18 Así que el móstralle misericordia a quen el desexa, pero deixa que outros endurezan os seus corazóns.
19 Pero ti dirasme: “Se ninguén pode ir en contra da vontade de Deus, por que el aínda encontra faltas nas persoas?”. 20 Pero, quen es ti para contestarlle a Deus, se es un simple home? Seica o obxecto moldeado pode dicirlle a quen o moldeou “Por que me fixeches así?”? 21 Non sabedes que o oleiro ten dereito a facer do mesmo barro un recipiente para un uso especial* e outro para un uso común*? 22 E que pasa se Deus, aínda que quería demostrar a súa ira e o seu poder, tolerou con moita paciencia os recipientes que merecen recibir a súa ira e que foron feitos para ser destruídos? 23 E que pasa se o fixo para demostrar a súa gran gloria sobre os recipientes que merecen recibir a súa misericordia e que el preparou con antelación para darlles gloria? 24 Estes somos nós, os que el chamou non só de entre os xudeus senón tamén de entre a xente das nacións. 25 É como el di tamén en Oseas: “Ós que non son o meu pobo chamareilles o ‘meu pobo’ e á que non era amada chamareille ‘amada’. 26 E no sitio onde se lles dixo ‘Vós non sodes o meu pobo’, alí serán chamados ‘fillos do Deus vivo’”.
27 Ademais, Isaías proclama sobre Israel: “Aínda que o número dos fillos de Israel sexa coma a area do mar, só un resto se vai salvar. 28 Porque Xehová* xulgará a terra, e farao dunha forma completa e rápida”. 29 Isaías tamén profetizou: “Se Xehová* dos exércitos non nos deixase unha descendencia, chegariamos a ser como Sodoma e pareceriámonos a Gomorra”.
30 Entón, que diremos? Que xente das nacións, aínda que non buscaba ser xusta, alcanzou a xustiza, a xustiza que se consegue pola fe. 31 Pero Israel, aínda que quería cumprir unha lei de xustiza, non conseguiu vivir de acordo con esa lei. 32 Por que? Porque eles intentaron facelo por medio das súas accións, e non pola fe. Tropezaron coa “pedra que fai tropezar”, 33 tal como está escrito: “Mirade! Poño en Sión unha pedra que fai tropezar e unha roca que ofende*, pero quen teña fe nela non quedará decepcionado”.