Carta a Filemón
1 De parte de Paulo, prisioneiro por servir a Cristo Xesús, e de parte do noso irmán Timoteo, para o noso querido colaborador Filemón, 2 para a nosa irmá Apfia, para Arquipo, que serve lealmente coma un compañeiro de batalla, e para a congregación que se reúne na túa casa:
3 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo.
4 Sempre lle dou grazas ó meu Deus cando te menciono nas miñas oracións, 5 porque sigo escoitando falar da túa fe e do teu amor polo Señor Xesús e por tódolos santos*. 6 Órolle a Deus para pedirlle que a fe que tes en común con outros te motive a recoñecer tódalas cousas boas que temos grazas a Cristo. 7 Alegroume e consoloume moito escoitar falar do teu amor, porque o corazón* dos santos fortaleceuse grazas a ti, meu irmán.
8 Por iso, aínda que podería falarche con franqueza e mandarche que fagas o correcto porque son apóstolo de Cristo, 9 prefiro suplicarche baseándome no amor que demostras. Porque eu, Paulo, son maior e agora tamén estou preso por servir a Cristo Xesús. 10 Suplícoche a favor do meu fillo Onésimo. Cheguei a ser coma un pai para el estando eu preso*. 11 Antes el non che era útil, pero agora é útil tanto para ti como para min. 12 Mándoche de volta a Onésimo, a quen quero tanto.
13 Gustaríame que quedase aquí comigo para que me axudase*, igual que farías ti, mentres estou preso polas boas noticias. 14 Pero non quero facer nada sen o teu permiso para que non me fagas por obrigación este favor que che pido, senón porque queres facelo. 15 É certo que se separou de ti durante un tempo*, pero quizais iso foi algo bo, para que agora poidas recuperalo para sempre. 16 Pero non para recuperalo como escravo senón como algo máis, como un irmán querido, sobre todo para min pero moito máis para ti. Porque ademais de ser o teu servo, agora é o teu compañeiro cristián. 17 Así que, se me consideras o teu amigo, recíbeo con amabilidade, igual que me recibirías a min. 18 De feito, se che fixo algo malo ou che debe algo, anótao na miña conta. 19 Eu mesmo estouche escribindo isto coa miña propia man, e prométoche que cho pagarei. Pero non fai falta que che diga que me debes incluso a túa propia vida. 20 Meu irmán, como ti mais eu somos discípulos do Señor, pídoche que me axudes a fortalecer o meu corazón* como discípulo de Cristo.
21 Estou convencido de que me vas facer caso, e por iso che escribo, porque sei que farás incluso máis do que che digo. 22 Ademais diso, prepárame tamén un lugar onde quedar, porque espero volver onda vós* grazas ás vosas oracións.
23 Epafras, o meu compañeiro de prisión por ser discípulo de Cristo Xesús, mándache saúdos, 24 e tamén os meus colaboradores Marcos, Aristarco, Demas e Lucas.
25 Que a bondade inmerecida do Señor Xesucristo estea co bo espírito que demostrades.