Feitos dos Apóstolos
8 Saulo aprobaba o asasinato de Esteban.
Aquel día empezou unha gran persecución contra a congregación que estaba en Xerusalén. E tódolos discípulos, excepto os apóstolos, dispersáronse polas rexións de Xudea e Samaria. 2 Uns homes que eran fieis a Deus colleron o corpo de Esteban para enterralo e choraron moito por el. 3 Pola súa parte, Saulo empezou a perseguir a congregación con moita crueldade. Entraba nunha casa tras outra, arrastraba homes e mulleres para fóra e mandábaos á prisión.
4 Os discípulos que se dispersaran ían anunciando as boas noticias da palabra de Deus por onde pasaban. 5 Felipe baixou á cidade* de Samaria e púxose a predicarlle á xente acerca do Cristo. 6 As multitudes estaban moi atentas ó que dicía Felipe. Todos o escoitaban e vían os milagres* que facía. 7 Había moitos que estaban posuídos polos demos, e os demos saían deles berrando moi forte. Ademais, moitos paralíticos e coxos foron curados. 8 Así que a cidade encheuse de alegría.
9 Resulta que na cidade había un home que se chamaba Simón, que practicaba maxia antes de que pasase todo iso. El deixaba pasmada a toda a xente de Samaria e dicía que era alguén importante. 10 Todos lle prestaban atención, desde o máis novo ata o máis vello, e dicían: “O gran poder de Deus está neste home”. 11 Como durante moito tempo os tivera impresionados coa súa maxia, escoitábano con moita atención. 12 Pero cando Felipe lles anunciou as boas noticias do Reino de Deus e do nome de Xesucristo, tanto homes coma mulleres creron no que el lles dicía e bautizáronse. 13 O propio Simón tamén se fixo crente e, despois de bautizarse, andaba sempre con Felipe e quedaba marabillado cando vía os sinais e os grandes milagres que facía.
14 Cando os apóstolos que estaban en Xerusalén escoitaron que a xente de Samaria aceptara a palabra de Deus, enviáronlles a Pedro e a Xoán. 15 Así que eles baixaron a Samaria e oraron para que os samaritanos recibisen espírito santo 16 porque ningún deles o recibira, pois só foran bautizados no nome do Señor Xesús. 17 Entón Pedro e Xoán impuxéronlles as mans* e eles empezaron a recibir espírito santo.
18 Ó ver que as persoas recibían espírito santo cando os apóstolos lles impoñían as mans, Simón ofreceulles cartos ós apóstolos 19 e díxolles: “Dádeme este poder tamén a min para que calquera a quen eu lle impoña as mans reciba espírito santo”. 20 Pero Pedro díxolle: “Que morran os teus cartos contigo! Porque pensaches que podías comprar o regalo de Deus. 21 Ti neste asunto non tes nada que dicir porque o teu corazón non é xusto ós ollos de Deus. 22 Así que arrepíntete da túa maldade e suplícalle a Xehová* que, se é posible, perdoe as malas intencións do teu corazón. 23 Porque vexo que es un veleno amargo e un escravo da inxustiza*”. 24 Entón Simón respondeulles: “Suplicádelle a Xehová* por min, para que non me pase nada do que dixestes”.
25 Despois de dar un testemuño completo e de predicar a palabra de Xehová*, volveron para Xerusalén e foron anunciando as boas noticias en moitas aldeas dos samaritanos.
26 Pero o anxo de Xehová* faloulle a Felipe e díxolle: “Prepárate e vai cara ó sur, ó camiño que baixa de Xerusalén a Gaza”. (Este é un camiño polo deserto.) 27 Así que el preparouse e foi. Entón encontrouse cun etíope que era eunuco*, un home con autoridade que servía a Candace, a raíña dos etíopes, e que estaba ó cargo de todo o tesouro dela. El fora a Xerusalén para adorar a Deus, 28 pero xa viña de volta. Ía sentado no seu carro lendo en voz alta os escritos do profeta Isaías. 29 Así que Deus díxolle a Felipe mediante o seu espírito santo: “Vai e acércate a ese carro”. 30 Felipe foi correndo ó lado do carro e escoitou que o home estaba lendo en voz alta os escritos do profeta Isaías. Entón preguntoulle: “De verdade entendes o que estás lendo?”. 31 El respondeulle: “E como o vou entender se ninguén me ensina?”. Así que lle suplicou a Felipe que subise ó carro e se sentase con el. 32 A pasaxe das Escrituras que lía era esta: “Foi levado coma ovella ó matadoiro e, coma un cordeiro que queda calado diante de quen o rapa, el non abre a boca. 33 Durante o tempo que o humillaron, negáronlle a xustiza. Quen contará os detalles da súa orixe? Porque a súa vida foi eliminada da terra”.
34 Entón o eunuco díxolle a Felipe: “Por favor, explícame de quen está falando o profeta. Del mesmo ou dalgún outro?”. 35 E Felipe, empezando por este relato das Escrituras, faloulle das boas noticias acerca de Xesús. 36 Mentres ían polo camiño, chegaron a un sitio onde había auga e o eunuco díxolle: “Mira! Aquí hai auga. Que impide que me bautice?”. 37 —* 38 Así que mandou que parasen o carro. Despois metéronse os dous na auga e Felipe bautizouno. 39 Cando saíron da auga, o espírito de Xehová* guiou enseguida a Felipe a outro sitio e o eunuco non volveu a velo máis. Entón o eunuco seguiu o seu camiño cheo de alegría. 40 Despois, Felipe chegou a Asdod e seguiu anunciando as boas noticias por tódalas cidades ata que chegou a Cesarea.