Feitos dos Apóstolos
11 Os apóstolos e os irmáns que estaban en Xudea escoitaron que tamén había xente das nacións que aceptara a palabra de Deus. 2 Por iso, cando Pedro subiu a Xerusalén, os que defendían a circuncisión* empezaron a discutir con el*, 3 e dicíanlle: “Entraches na casa de homes que non están circuncidados e comiches con eles”. 4 Así que Pedro púxose a explicarlles con detalle o que pasara. Díxolles:
5 “Mentres estaba orando na cidade de Xope*, tiven unha visión. Vin algo parecido a unha tea grande de liño colgada polas catro puntas que baixaba do ceo e chegaba xusto onda min. 6 Cando me fixei, vin que enriba dela había animais terrestres de catro patas, animais salvaxes, réptiles* e aves do ceo. 7 Tamén oín unha voz que me dixo: ‘Pedro, levántate! Mata un animal e come!’. 8 Pero eu respondinlle: ‘Non, Señor, non podo facelo. Na miña boca nunca entrou nada contaminado ou impuro’. 9 Entón, a voz do ceo falou por segunda vez e dixo: ‘Deixa de chamarlles contaminadas ás cousas que Deus limpou*’. 10 A voz falou por terceira vez e todo volveu para o ceo. 11 Xusto nese momento, tres homes que enviaran a buscarme desde Cesarea chegaron á casa na que estabamos aloxados. 12 O espírito santo díxome que non dubidase en ir con eles. Estes seis irmáns tamén foron comigo, e entramos na casa de Cornelio.
13 ”El contounos que vira un anxo na súa casa e que o anxo lle dixera: ‘Manda algúns homes a Xope para que vaian buscar a Simón, a quen lle chaman Pedro. 14 E el vaiche dicir o que tedes que facer ti e os da túa casa para salvarvos’. 15 Pero, cando eu estaba empezando a falar, o espírito santo baixou sobre eles igual que baixara sobre nós ó principio. 16 Nese momento, acordeime do que o Señor dixera máis dunha vez: ‘Xoán bautizou con auga, pero a vós bautizaranvos con espírito santo’. 17 Así que, se Deus lles estaba dando a eles o mesmo regalo que nos deu a nós, que cremos no Señor Xesucristo, quen era eu para ir en contra de Deus*?”.
18 Cando os irmáns oíron todas estas cousas, deixaron de discutir con Pedro*, déronlle gloria a Deus e dixeron: “Está claro! Deus tamén lle deu á xente das nacións a oportunidade de arrepentirse e recibir vida*”.
19 Os discípulos que foran dispersados pola persecución que empezara despois da morte de Esteban chegaron ata Fenicia, Chipre e Antioquía, pero só lles predicaban a mensaxe ós xudeus. 20 Aínda así, entre eles houbo algúns homes de Chipre e de Cirene que foron a Antioquía e que empezaron a falar coas persoas de fala grega e a anunciarlles as boas noticias do Señor Xesús. 21 De feito, a man de Xehová* estaba con eles, e moitos fixéronse crentes e empezaron a seguir o Señor.
22 A noticia chegou a oídos da congregación de Xerusalén, e eles mandaron a Bernabé para Antioquía. 23 Cando Bernabé chegou e viu como Deus lles mostrara bondade inmerecida ós discípulos, alegrouse moito e animounos a que seguisen sendo leais ó Señor con todo o corazón, 24 porque era un home bo que estaba cheo de espírito santo e fe. E unha gran multitude empezou a crer no Señor. 25 Así que Bernabé foi a Tarso e buscou a Saulo por todas partes. 26 Cando o encontrou, levouno a Antioquía. E durante todo un ano reuníronse coa congregación e ensináronlle a unha multitude bastante grande. En Antioquía foi onde, mediante a guía de Deus, ós discípulos se lles chamou cristiáns* por primeira vez.
27 Por aqueles días, algúns profetas baixaron de Xerusalén a Antioquía. 28 Un deles, que se chamaba Ágabo, profetizou coa axuda do espírito santo que estaba a punto de vir unha época de moita fame por toda a terra*. De feito, esa foi a fame que houbo nos tempos de Claudio. 29 Así que os discípulos decidiron enviarlles axuda* ós irmáns que vivían en Xudea, cada un segundo as súas posibilidades. 30 E así o fixeron. Mandáronlles a axuda ós anciáns mediante Bernabé e Saulo.