As boas noticias segundo Lucas
24 O primeiro día da semana*, as mulleres foron moi cedo á tumba* coas especias aromáticas que prepararan, 2 pero viron que fixeran rodar a pedra da tumba*. 3 Cando entraron, non encontraron o corpo do Señor Xesús 4 e quedaron moi desconcertadas. De repente, apareceron ó seu lado dous homes con roupa brillante. 5 Elas asustáronse tanto que non se atrevían a mirar para eles e quedaron mirando para o chan. Así que os homes dixéronlles: “Por que andades buscando entre os mortos a aquel que está vivo? 6 Non está aquí, resucitou*. Recordade o que vos dixo mentres aínda estaba en Galilea. 7 Díxovos que o Fillo do Home tiña que ser entregado ós pecadores, que o executarían no madeiro e que ó terceiro día resucitaría*”. 8 Entón elas acordáronse do que el dixera. 9 Despois marcharon da tumba* e contáronlles todo isto ós Once e a tódolos demais. 10 Eran María Madalena, Xoana e María, que era a nai de Santiago. As outras mulleres que estaban con elas tamén lles contaban estas cousas ós apóstolos. 11 Pero a eles parecíalles que o que dicían non tiña sentido, e non as creron.
12 Aínda así, Pedro levantouse e foi correndo á tumba*. Cando se agachou para mirar dentro, só viu os panos de liño cos que se envolvera o corpo de Xesús. Así que marchou de alí preguntándose que fora o que pasara.
13 Resulta que ese mesmo día, dous discípulos ían camiñando cara a unha aldea chamada Emaús, que está a uns 11 quilómetros* de Xerusalén, 14 e ían falando entre eles de todo o que pasara.
15 Mentres falaban e comentaban estas cousas, o propio Xesús acercouse e púxose a camiñar con eles. 16 Eles vírono, pero non foron capaces de recoñecelo*. 17 Entón el preguntoulles: “De que ides falando nesta conversa tan intensa que tedes polo camiño?”. Eles quedaron parados coa cara triste, 18 e o que se chamaba Cleopas respondeulle: “Seica es un estranxeiro en Xerusalén que vive só e por iso non sabes* o que pasou alí estes días?”. 19 El preguntoulles: “Que foi o que pasou?”. E eles contestáronlle: “O que pasou con Xesús o Nazareno, que demostrou diante de Deus e de toda a xente que era un profeta poderoso, tanto en feitos coma en palabras. 20 Os nosos sacerdotes principais e os gobernantes entregárono para que o condenasen á morte e cravárono no madeiro. 21 Pero nós contabamos con que el sería o que liberaría a Israel. E aínda por riba, hoxe xa é o terceiro día desde que pasou todo isto. 22 Ademais, algunhas mulleres que son seguidoras de Xesús tamén nos deixaron pasmados. Porque foron á tumba* moi cedo 23 e, ó non encontrar o seu corpo, volveron dicindo que tiveran unha visión sobrenatural duns anxos que dicían que el estaba vivo. 24 Entón, algúns dos que estaban con nós foron á tumba* e atoparon todo tal e como contaran as mulleres, pero non viron a Xesús”.
25 E el díxolles: “Non entendedes, e o voso corazón é lento para crer tódalas cousas que dixeron os profetas! 26 E logo, o Cristo non tiña que sufrir estas cousas para recibir a gloria que merece?”. 27 E empezando por Moisés e tódolos Profetas, explicoulles* o que se dicía del en tódalas Escrituras.
28 Cando xa estaban chegando á aldea á que ían, el fixo coma se tivese que ir máis lonxe. 29 Pero eles insistíronlle en que quedase alí. Dicíanlle: “Queda con nós, porque xa case é de noite e está a punto de acabar o día”. Así que el entrou na casa para quedar alí con eles. 30 Mentres ceaban xuntos*, colleu o pan, fixo unha oración*, partiuno e déullelo ós dous discípulos. 31 Nese momento, déronse conta de quen era* e recoñecérono. Pero el desapareceu de diante deles. 32 E preguntáronse un ó outro: “Non nos ardía o corazón cando nos viña falando polo camiño e nos explicaba con claridade* as Escrituras?”. 33 Entón, levantáronse inmediatamente e volveron a Xerusalén. E alí encontraron os Once reunidos con outros discípulos, 34 e estaban dicindo: “Está claro que o Señor resucitou*, e aparecéuselle a Simón!”. 35 E os dous discípulos contáronlles o que pasara polo camiño e que o recoñeceran cando partiu o pan.
36 Mentres estaban falando de todo isto, o propio Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”. 37 Eles asustáronse moito e enchéronse de medo, porque pensaban que estaban vendo un espírito. 38 Pero el díxolles: “Por que estades tan asustados e por que tedes dúbidas no voso corazón? 39 Mirade as miñas mans e os meus pés: son eu. Tocádeme e mirade, porque un espírito non ten carne e ósos como vedes que teño eu”. 40 E mentres lles dicía isto, ensinoulles as mans e os pés. 41 Pero eles estaban tan contentos e sorprendidos que non o podían crer. Entón el preguntoulles: “Tedes algo de comer por aí?”. 42 Eles déronlle un pouco de peixe asado, 43 e el colleuno e comeuno diante deles.
44 Despois díxolles: “Cando aínda estaba con vós, díxenvos que todo o que está escrito sobre min na Lei de Moisés, nos Profetas* e nos Salmos tiña que cumprirse”. 45 Entón axudoulles a entender* por completo o significado das Escrituras 46 e díxolles: “Está escrito que o Cristo sufriría e que ó terceiro día resucitaría* de entre os mortos, 47 e que a mensaxe de arrepentimento para o perdón dos pecados se predicaría no seu nome en tódalas nacións, empezando por Xerusalén. 48 Vós tedes que ser testemuñas destas cousas. 49 E, mirade! Vou enviar sobre vós o que prometeu meu Pai. Pero quedade na cidade ata que recibades o poder que vén de arriba”.
50 Entón levounos ás aforas da cidade, ata Betania, e alí levantou as mans e bendiciunos. 51 Mentres os bendicía, separouse deles e foi levado ó ceo. 52 Eles inclináronse diante del* e volveron a Xerusalén cheos de alegría. 53 E estaban sempre no templo louvando a Deus.