Primeira Carta ós Corintios
5 De feito, informáronme de que entre vós hai un caso de inmoralidade sexual*, un caso de inmoralidade* tan grave que nin sequera se ve entre os que non son crentes*. Refírome ó caso dun home que vive coa* muller do seu pai. 2 E vós sentídesvos orgullosos? En vez diso, non deberiades lamentarvos para que se saque de entre vós o home que está facendo iso? 3 Aínda que non estou aí en persoa, estou en espírito, e xa xulguei o home que está facendo iso, como se en realidade eu estivese aí con vós. 4 Cando vos reunades no nome do noso Señor Xesús, sabede que eu estou con vós en espírito e que o poder do noso Señor Xesús tamén está con vós. 5 Tedes que entregar ese home a Satanás para eliminar esa influencia do pecado*. Así, o bo espírito* da congregación poderá salvarse no día do Señor.
6 Non está ben que presumades desta situación. Seica non sabedes que un pouco de fermento fai que fermente toda a masa? 7 Quitade o fermento vello para que poidades ser unha masa nova, sen fermentar*. Permanecede así porque Cristo, o noso cordeiro de Pascua, xa foi sacrificado. 8 Así que non celebremos a Pascua co fermento vello nin co fermento da maldade e da perversidade, senón cos pans sen fermento da sinceridade e da verdade.
9 Na carta que vos escribín díxenvos que deixásedes de relacionarvos con persoas que son sexualmente inmorais*. 10 Con iso non quixen dicir que vos separásedes completamente da xente deste mundo que é sexualmente inmoral*, dos cobizosos, dos extorsionadores ou dos idólatras. Se fose así, teriades que saír do mundo. 11 Pero agora escríbovos para que deixedes de relacionarvos con calquera ó que se lle chame irmán pero que sexa sexualmente inmoral*, cobizoso*, idólatra, inxuriador*, borracho ou extorsionador*. Nin sequera comades con esa persoa. 12 Por que debería xulgar eu os de fóra? En realidade, vós sodes os que xulgades os de dentro 13 e Deus xulga os de fóra. “Sacade a persoa malvada que está entre vós”.