As boas noticias segundo Lucas
14 Noutra ocasión, Xesús foi comer á casa dun líder dos fariseos en sábado, e os que estaban na casa estaban moi pendentes del. 2 Resulta que había un home diante del que tiña hidropisía*. 3 Así que Xesús preguntoulles ós expertos na Lei e ós fariseos: “Está permitido curar a alguén en sábado ou non?”. 4 Pero eles quedaron calados. Entón el colleu o home, curouno e mandouno marchar. 5 Despois díxolles: “Se o voso fillo ou o voso touro cae nun pozo en sábado, quen de vós non o saca inmediatamente?”. 6 Pero non foron capaces de responderlle.
7 Ó ver que os invitados estaban escollendo os lugares máis importantes, Xesús díxolles ós invitados: 8 “Cando te inviten a un banquete de voda, non te sentes* no sitio máis importante. Pode ser que o que te invitou tamén invitase a alguén máis importante ca ti. 9 Entón o que vos invitou ós dous virá e dirache: ‘Déixalle o teu sitio a este home’. E terás que ir para o último lugar todo avergonzado. 10 En vez diso, cando te inviten, séntate no último sitio. Así, cando veña o que te invitou, dirache: ‘Meu amigo, ven a un sitio mellor’. Desta maneira, recibirás honra diante dos demais invitados. 11 Porque quen se pon por riba doutros será humillado, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais”.
12 Despois díxolle ó home que o invitara: “Cando deas unha comida ou unha cea, non chames os teus amigos, nin os teus irmáns, nin os teus parentes, nin os teus veciños ricos. Se o fixeses, eles tamén poderían invitarte a ti e esa xa sería a túa recompensa. 13 En vez diso, cando deas un banquete, invita os pobres, os impedidos, os coxos e os cegos, 14 e serás feliz, porque non teñen con que pagarche. Ademais, serás recompensado na resurrección dos xustos”.
15 Cando escoitou isto, un dos invitados díxolle: “Feliz o que coma* no Reino de Deus”.
16 Xesús díxolle: “Un home ía dar unha gran cea e invitou moita xente. 17 Cando chegou a hora da cea, mandoulle ó seu escravo que lles fose dicir ós invitados: ‘Vinde, que xa está todo preparado’. 18 Pero todos empezaron a poñer escusas. O primeiro díxolle: ‘Comprei un campo e teño que ir a velo. Síntoo moito, pero non vou poder ir’. 19 Outro díxolle: ‘Comprei cinco parellas de bois e vou comprobar se traballan ben. Síntoo moito, pero non vou poder ir’. 20 E outro díxolle: ‘Acabo de casar e por iso non podo ir’. 21 Así que o escravo foillo contar todo ó seu amo. Entón, o dono da casa enfadouse e mandoulle ó escravo: ‘Rápido! Vai ás rúas principais e ás rúas estreitas da cidade e trae os pobres, os impedidos, os cegos e os coxos’. 22 Máis tarde, o escravo dixo: ‘Amo, xa se fixo o que mandaches, e aínda quedan sitios libres’. 23 Así que o amo mandoulle: ‘Vai ós camiños e ás corredoiras, e obriga a xente a vir para que se encha a casa. 24 Porque vos digo que ningún dos que estaban invitados vai probar a miña cea’”.
25 Había moitísimas persoas que viaxaban con Xesús. El xirouse cara a elas e dixo: 26 “Se alguén me quere seguir e non me quere máis a min do que lle quere* ó seu pai, á súa nai, á súa muller, ós seus fillos, ós seus irmáns e irmás, e incluso á súa propia vida, non pode ser o meu discípulo. 27 Quen non carga co seu madeiro de tortura* e me segue non pode ser o meu discípulo. 28 Por exemplo, se algún de vós quere construír unha torre, quen non se senta antes a calcular os gastos para ver se ten abondo para terminala? 29 Non vaia ser que poña os cimentos pero non poida acabala, e tódolos que o vexan empecen a burlarse del 30 e digan: ‘Este home empezou a construír e non foi capaz de acabar’. 31 Ou se un rei que ten 10.000 soldados quere ir á guerra contra outro que ten 20.000, non se vai sentar primeiro e vai pedir consello para ver se pode ganar? 32 E se ve que non pode, entón enviará un grupo de embaixadores para pedir a paz mentres o outro rei aínda está lonxe. 33 Da mesma maneira, podedes estar seguros de que ningún de vós pode ser o meu discípulo se non renuncia a todo o que ten.
34 ”Está claro que o sal é bo. Pero se perde a súa forza, como vai recuperar o seu sabor? 35 Non vale nin para botar na terra nin no esterco, e por iso a xente o tira. Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”.