As boas noticias segundo Mateo
16 Alí, os fariseos e os saduceos acercáronse a Xesús. Como querían poñelo a proba, pedíronlle que lles mostrase un sinal do ceo. 2 Pero Xesús díxolles: “Cando se pon o sol, dicides: ‘Mañá vai vir bo tempo, porque o ceo está vermello’. 3 E pola mañá dicides: ‘Hoxe vai vir chuvia e frío, porque o ceo está vermello pero hai nubes’. Sabedes interpretar o aspecto do ceo, pero non sodes capaces de interpretar os sinais dos tempos. 4 Sodes unha xeración infiel* e malvada que anda sempre buscando un sinal. Pero non se vos vai dar ningún, excepto o sinal do profeta Xonás”. Despois marchou e deixounos alí.
5 Entón, os discípulos cruzaron á outra beira, pero non se acordaron de levar pan. 6 Xesús díxolles: “Mantede os ollos ben abertos e tede coidado co fermento* dos fariseos e dos saduceos”. 7 Por iso, os discípulos puxéronse a comentar entre eles: “Non trouxemos pan”. 8 Como Xesús se deu conta, díxolles: “Homes de pouca fe, por que andades falando de que non trouxestes pan? 9 Aínda non o entendedes? Ou non vos acordades de que con cinco pans comeron 5000 homes, e de cantas cestas se recolleron co que sobrou? 10 Ou de que con sete pans comeron 4000 homes, e de cantas cestas grandes se recolleron? 11 Como é que non vos destes conta de que non vos estaba falando de pan? O que vos dixen foi que tivésedes coidado co fermento dos fariseos e dos saduceos”. 12 Aí foi cando entenderon que non lles estaba falando do fermento do pan, senón de ter coidado coas ensinanzas dos fariseos e dos saduceos.
13 Cando chegou á rexión de Cesarea de Filipo, Xesús preguntoulles ós seus discípulos: “Quen di a xente que é o Fillo do Home?”. 14 Eles responderon: “Algúns din que é Xoán o Bautista, outros din que é Elías e outros din que é Xeremías ou algún outro profeta”. 15 El díxolles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. 16 Simón Pedro contestou: “Ti es o Cristo, o Fillo do Deus vivo”. 17 E Xesús respondeulle: “Alégrate, Simón, fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ningún ser humano*, senón o meu Pai que está nos ceos. 18 Ademais, dígoche: ti es Pedro, e sobre esta roca edificarei a miña congregación, e as portas da Tumba* non a vencerán. 19 Eu dareiche as chaves do Reino dos ceos. Calquera cousa que ates na terra xa estará atada nos ceos, e calquera cousa que desates na terra xa estará desatada nos ceos”. 20 Entón, mandoulles seriamente ós discípulos que non lle contasen a ninguén que el era o Cristo.
21 Desde ese momento, Xesús empezou a explicarlles que tiña que ir a Xerusalén e que os anciáns, os sacerdotes principais e os escribas farían que pasase por moitos sufrimentos, e tamén que tiña que ser executado e resucitar* ó terceiro día. 22 Pedro levouno á parte e empezou a reprendelo, dicíndolle: “Señor, non sexas tan duro contigo mesmo! Iso nunca che vai pasar a ti”. 23 Pero Xesús deuse a volta* e díxolle: “Ponte detrás de min, Satanás! Es un estorbo no meu camiño, porque non estás pensando igual que Deus, senón igual que os homes”.
24 Despois, díxolles ós seus discípulos: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*, que colla o seu madeiro de tortura* e que me siga constantemente. 25 Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min vaina encontrar*. 26 Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a vida? Ou que pode dar alguén a cambio da súa vida? 27 Porque o Fillo do Home virá cos seus anxos e coa gloria do seu Pai, e entón daralle a cada un o que merece dependendo da súa forma de actuar. 28 Asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Fillo do Home vindo no seu Reino”.