Apocalipse
14 Entón, vin o Cordeiro de pé no monte Sión*, e con el había 144.000 que teñen escritos na fronte o nome do Cordeiro e o nome do seu Pai. 2 Escoitei un son que saía do ceo e que era coma o ruído de moita auga en movemento e coma o dun trono forte. O son que escoitei era coma o de cantores que tocan as súas arpas mentres cantan. 3 Eles están cantando o que parece ser unha canción nova diante do trono e diante dos catro seres viventes e dos anciáns. Ninguén podía aprender ben esa canción, só os 144.000 que foron comprados da terra. 4 Estes son os que non se contaminaron con mulleres, de feito son virxes. Son os que seguen o Cordeiro sen importar a onde vaia. Foron comprados de entre a humanidade como primicias* para Deus e para o Cordeiro, 5 e non se encontrou ningún engano na súa boca. Non teñen ningún defecto.
6 Vin outro anxo que voaba polo medio do ceo*. Tiña boas noticias* eternas que anunciarlles ós que viven na terra: a toda nación, tribo, idioma e pobo. 7 Dicía con voz forte: “Temede a Deus* e dádelle gloria, porque chegou a hora do seu xuízo. Así que adorade o que fixo o ceo, a terra, o mar e as fontes*”.
8 Despois veu un segundo anxo, que dicía: “Caeu! Babilonia a Grande caeu! A que fixo que tódalas nacións bebesen do seu viño, que provoca un forte desexo de cometer actos de* inmoralidade sexual* con ela”.
9 Despois seguiunos un terceiro anxo, que dicía con voz forte: “Se alguén adora a besta salvaxe e a súa imaxe, e recibe unha marca na fronte ou na man, 10 tamén beberá do viño da furia de Deus, servido sen diluír na copa da súa ira. E faráselle sufrir* con lume e xofre diante dos santos anxos e do Cordeiro. 11 O fume que sae do lume que os fai sufrir* subirá para sempre. E os que adoran a besta salvaxe e a súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome non deixarán de sufrir nin de día nin de noite. 12 Por iso os santos (os que obedecen os mandamentos de Deus e se aferran á fe en* Xesús) necesitan ter aguante”.
13 E escoitei unha voz que viña do ceo e dicía: “Escribe isto: ‘Felices son os que morren a partir de agora sendo discípulos do Señor*. Si, o espírito santo di que descansen do seu duro traballo, porque as cousas que fixeron non se esquecerán*’”.
14 Entón, vin unha nube branca, e sentado nela había alguén parecido a un fillo do home. Levaba unha coroa de ouro na cabeza e un fouciño afiado na man.
15 Outro anxo saíu do santuario do templo, e berroulle con voz forte ó que estaba sentado na nube: “Empeza a usar o fouciño e a segar! Chegou a hora da sega, porque a colleita da terra está totalmente madura!”. 16 E o que estaba sentado na nube pasou o fouciño pola terra, e a terra foi segada.
17 Saíu outro anxo do santuario do templo que está no ceo. El tamén tiña un fouciño afiado.
18 E do altar saíu outro anxo, e tiña autoridade sobre o lume. E berroulle con voz forte ó que tiña o fouciño afiado: “Empeza a usar o fouciño afiado e recolle as uvas* da vide da terra, porque as súas uvas xa están maduras!”. 19 O anxo pasou o fouciño pola terra, cortou a vide da terra e botouna no gran lagar* da furia de Deus. 20 As uvas* pisáronse fóra da cidade, e do lagar saíu tanto sangue que chegou á altura dos freos que levaban os cabalos na boca e ata unha distancia duns 296 quilómetros*.