Primeira Carta a Timoteo
6 Que os que están baixo o xugo da escravitude sigan respectando de todo corazón* ós seus donos, para que nunca se fale mal do nome de Deus nin das súas ensinanzas. 2 E que os que teñen donos crentes non lles falten ó respecto porque sexan os seus irmáns. Ó contrario, teñen que servilos aínda mellor, porque os que se benefician do seu bo servizo son crentes e irmáns queridos.
Ti sigue ensinando estas cousas e dando estes consellos. 3 Se alguén ensina outra doutrina e non está de acordo coas instrucións tan beneficiosas* que veñen do noso Señor Xesucristo nin coas ensinanzas que están de acordo coa devoción a Deus, 4 está cheo de orgullo e non entende nada. Está obsesionado coas* discusións e cos debates sobre palabras. Estas cousas provocan envexas, pelexas, calumnias*, sospeitas malvadas 5 e discusións constantes sobre asuntos de pouca importancia. Están motivadas por homes que teñen unha forma de pensar corrupta e que xa non entenden a verdade, porque pensan que poden sacar beneficio da devoción a Deus. 6 E é certo, a devoción a Deus produce moitos beneficios cando estamos contentos co que temos. 7 Porque non trouxemos nada ó mundo e tampouco imos poder levar nada con nós. 8 Así que, se temos comida e roupa*, esteamos contentos con iso.
9 Pero os que están decididos a ser ricos caen en tentacións e trampas, e convértense en vítimas de moitos desexos insensatos que fan dano, que os afunden na ruína e na destrución. 10 Porque o amor ós cartos provoca* todo tipo de cousas malas. E algúns, intentando satisfacer ese amor, desviáronse da fe e causáronse moitos sufrimentos.
11 Pero ti, servo de Deus, escapa destas cousas. En vez diso, esfórzate por demostrar xustiza, devoción a Deus, fe, amor, aguante e apracibilidade. 12 Loita a batalla excelente da fe. Agárrate ben forte á vida eterna para a que fuches chamado e da que fixeches unha boa declaración pública diante de moitas testemuñas.
13 Diante de Deus, que mantén todo con vida, e diante de Cristo Xesús, que como testemuña fixo unha excelente declaración pública ante Poncio Pilato, mándoche 14 que obedezas dunha maneira impecable e irreprochable* o mandamento que che dei, ata que o noso Señor Xesucristo demostre o seu poder*. 15 O bendito* e único Señor Poderoso mostrará o seu poder no tempo fixado. El é Rei dos que gobernan como reis e Señor dos que gobernan como señores. 16 De todos eles, el é o único que ten inmortalidade, que vive nun lugar tan brillante e glorioso que ninguén pode acercarse, e a el ningún home o viu nin o pode ver. Que el reciba a honra e o poder eterno. Amén.
17 Dálles estas instrucións* ós que son ricos neste sistema*: que non se crean superiores* e que non poñan a súa esperanza nas riquezas inseguras, senón en Deus, que nos dá de maneira abundante tódalas cousas das que desfrutamos. 18 Dilles que fagan o ben, que sexan ricos en boas obras, que sexan xenerosos e que estean dispostos a compartir. 19 Desta maneira conseguirán un tesouro, un bo fundamento para o futuro, e así poderán agarrarse con forza á vida que realmente é vida.
20 Timoteo, protexe o que se che confiou e evita as palabras inútiles que desprezan o que é santo e as contradicións do que falsamente se lle chama coñecemento. 21 Por presumir dese coñecemento, algúns desviáronse da fe.
Que a bondade inmerecida de Deus estea con vós.