Carta a Tito
3 Síguelles recordando ós irmáns que obedezan e respecten a autoridade dos* gobernos e das autoridades, que estean dispostos a facer todo tipo de boas obras, 2 que non falen mal de ninguén, que non sexan conflitivos, que sexan razoables e que sexan sempre apracibles con todos. 3 Porque houbo un tempo no que nós tamén eramos insensatos e desobedientes, estabamos enganados e eramos escravos de diferentes desexos e praceres, levabamos unha vida chea de maldade e envexa, eramos detestables e odiabámonos uns ós outros.
4 Pero cando o noso Salvador, Deus, demostrou a súa bondade e o seu amor pola humanidade, 5 salvounos pola súa misericordia, non porque fixésemos cousas xustas. Salvounos lavándonos coa auga* que nos trouxo á vida e converténdonos nunha nova persoa por medio do espírito santo. 6 El derramou este espírito sobre nós de maneira abundante* por medio de Xesucristo, o noso Salvador. 7 Fixo isto para que, grazas á súa bondade inmerecida, puidésemos ser declarados xustos e así chegásemos a ser herdeiros de acordo coa esperanza de recibir vida eterna.
8 Isto que dixen é confiable e quero que sigas recalcando estes asuntos para que os que creron en Deus se centren en seguir facendo boas obras. Estas cousas son moi boas e benefician a todos.
9 Pero non te metas en discusións absurdas, nin en xenealoxías, nin en debates, nin en pelexas sobre a Lei, porque son cousas inútiles e non levan a nada. 10 Se un home promove unha seita* e non fai caso despois de darlle unha primeira e unha segunda advertencia*, recházao, 11 porque sabes que ese home desviouse do camiño e está pecando, e condénase a si mesmo.
12 Cando che mande a Ártemas ou a Tíquico, fai todo o posible por ir a verme a Nicópolis porque decidín pasar alí o inverno. 13 Fai todo o que poidas para darlles a Zenas, que é un experto na Lei, e a Apolos todo o que necesiten para que non lles falte nada na viaxe. 14 E que os nosos irmáns tamén aprendan a facer boas obras constantemente para que poidan axudar cando haxa unha necesidade urxente. Así poderán ser persoas produtivas*.
15 Tódolos que están comigo mándanche saúdos. Saúda da miña parte ós que nos teñen cariño e son crentes.
Que a bondade inmerecida de Deus estea con todos vós.