Apocalipse
8 Cando o Cordeiro abriu o sétimo selo, houbo silencio no ceo durante aproximadamente media hora. 2 E vin os sete anxos que están de pé diante de Deus, e déronselles sete trompetas.
3 Chegou outro anxo cun braseiro* de ouro para queimar incenso, e quedou de pé xunto ó altar. Déuselle moito incenso para que o ofrecese (xunto coas oracións de tódolos santos*) no altar de ouro que estaba diante do trono. 4 E o fume do incenso que o anxo queimou* subiu diante de Deus xunto coas oracións dos santos. 5 Pero o anxo enseguida colleu o braseiro, encheuno con brasas* do altar e tirounas á terra. E houbo tronos, voces, lóstregos e un terremoto. 6 E os sete anxos que tiñan as sete trompetas preparáronse para tocalas.
7 O primeiro tocou a súa trompeta. Entón houbo graínzo* e lume mesturados con sangue, e foron lanzados á terra. E queimáronse a terceira parte da terra, a terceira parte das árbores e toda a vexetación verde.
8 O segundo anxo tocou a súa trompeta. Entón algo parecido a unha montaña grande en chamas foi lanzado ó mar. E a terceira parte do mar converteuse en sangue, 9 a terceira parte dos animais que había no mar morreu e a terceira parte dos barcos foi destruída.
10 O terceiro anxo tocou a súa trompeta. Entón caeu do ceo unha estrela grande que brillaba coma unha lámpada*. Caeu sobre a terceira parte dos ríos e sobre as fontes*. 11 O nome da estrela é Asente*. E a terceira parte das augas converteuse en asente. Morreu moita xente por culpa das augas, porque se volveran amargas.
12 O cuarto anxo tocou a súa trompeta. Entón feriuse a terceira parte do sol, da lúa e das estrelas, para que se escurecese a terceira parte deles e que a terceira parte do día e da noite non tivesen luz.
13 Vin unha aguia que voaba no medio do ceo e escoitei que dicía con voz forte: “Ai! Ai! Ai dos que vivan na terra cando soen os toques de trompeta que faltan e que os tres anxos están a punto de tocar!”.