BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Filipenses 1:1-4:23
  • Filipenses

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Filipenses
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Filipenses

CARTA ÓS FILIPENSES

1 De parte de Paulo e Timoteo, escravos de Cristo Xesús, para tódolos santos* que son discípulos de Cristo Xesús e que están en Filipos, incluídos os superintendentes e os servos ministeriais:

2 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo.

3 Sempre lle dou grazas a Deus cando me acordo de vós 4 en tódalas súplicas que fago por todos vós. Fago estas súplicas con alegría 5 polo labor* que fixestes para espallar as boas noticias desde o primeiro día que as escoitastes ata agora. 6 Estou seguro de que Deus, que empezou unha boa obra en vós, vaina seguir facendo ata completala cando chegue o día de Cristo Xesús. 7 É totalmente xusto que pense iso de todos vós, porque vos levo no meu corazón. Desfrutastes comigo da bondade inmerecida de Deus e apoiástesme, tanto estando preso como defendendo e establecendo legalmente as boas noticias.

8 Deus sabe* que vos boto moito de menos e que vos teño o mesmo profundo cariño que vos ten Cristo Xesús. 9 E sigo pedindo nas miñas oracións que o voso amor medre cada vez máis, xunto con coñecemento exacto e un entendemento* máis profundo. 10 Pido que vos aseguredes de cales son as cousas máis importantes, para que non teñades ningún defecto e non fagades tropezar a outros ata o día de Cristo. 11 E tamén pido que poidades beneficiarvos por completo de tódalas boas obras* que Xesucristo produce por medio de vós para darlle gloria e louvanza a Deus.

12 Irmáns, quero que saibades que a miña situación en realidade axudou a espallar aínda máis as boas noticias, 13 porque toda a garda pretoriana* e tódolos demais saben que estou preso porque son seguidor de Cristo. 14 E agora, a maioría dos irmáns que serven o Señor teñen máis confianza grazas a que eu estou preso, e están demostrando aínda máis valor para falar da palabra de Deus sen medo.

15 É certo que algúns están predicando sobre o Cristo por envexa e por competir, pero outros fano con bos motivos. 16 Os que predican con bos motivos están falando do Cristo por amor, porque saben que fun escollido para defender as boas noticias. 17 Pero os outros só o fan para crear conflitos, porque non teñen unha motivación pura e intentan causarme problemas mentres levo estas cadeas. 18 E cal é o resultado? Que en calquera caso, sexa dunha maneira hipócrita ou sincera, estase falando de Cristo, e iso alégrame. De feito, tamén me seguirei alegrando 19 porque sei que o resultado vai ser a miña salvación grazas ás vosas súplicas e ó apoio do espírito santo que se lle deu a Xesucristo. 20 Isto está de acordo co meu gran desexo e a miña esperanza de non ter ningún motivo para avergonzarme. Estou seguro de que poderei* seguir falando con toda liberdade e así poderei darlle gloria a Cristo, tanto se vivo coma se morro, igual que fixen sempre.

21 Porque no meu caso, se sigo vivindo é para Cristo, pero se morro sería incluso mellor para min. 22 Agora ben, se teño que seguir vivindo neste corpo*, iso* significaría que podo seguir sendo produtivo* no meu labor. Pero non vou dicir* o que escollería. 23 Estou dividido entre estas dúas cousas, porque quero ser liberado deste corpo para estar con Cristo, que está claro que é algo moito mellor. 24 Pero polo voso ben é mellor que siga vivindo neste corpo. 25 E como estou convencido disto, sei que seguirei vivindo e que continuarei con todos vós para que progresedes e para que sexades felices na fe. 26 Así, cando volva a estar con vós, sentiredes unha inmensa alegría grazas a min porque sodes seguidores de Cristo Xesús.

27 O único que vos pido é que vos portedes* dunha maneira que sexa digna das boas noticias sobre o Cristo. Así, tanto se vou a vervos coma se non*, poderei ter noticias sobre vós e poderei saber que vos mantedes firmes e unidos*, cun só propósito*, traballando xuntos* para manter a fe nas boas noticias. 28 Non lles teñades ningún medo ós que se opoñen a vós. O voso valor é unha proba de que eles van ser destruídos e de que vós ides ser salvados. E isto vén de Deus. 29 Porque a vós déusevos o privilexio non só de ter fe en Cristo, senón tamén de sufrir por el. 30 Por iso estades afrontando as mesmas dificultades que me vistes afrontar a min e que agora sabedes que sigo afrontando.

2 Esforzádevos por animar os que están unidos a Cristo, por consolar con amor, por preocuparvos uns polos outros* e por demostrarvos profundo cariño e compaixón. 2 Se facedes isto, farédesme moi feliz. Vivide en harmonía*, amádevos uns ós outros, estade completamente unidos* e tede a mesma maneira de pensar. 3 Non fagades nada motivados por un espírito conflitivo ou egocéntrico. En vez diso, pensade con humildade que os demais son superiores a vós 4 e non vos preocupedes só polo que vos interesa a vós, senón tamén polo que lles interesa ós demais.

5 Mantede a mesma actitude que tivo Cristo Xesús: 6 aínda que el existía coa mesma forma que Deus, nin se lle pasou pola cabeza intentar ser igual a Deus. 7 Todo o contrario, deixou todo o que tiña*, aceptou ser un escravo e converteuse nun ser humano. 8 Pero non só iso. Cando veu como humano, humillouse e fíxose obediente ata a morte, unha morte nun madeiro de tortura*. 9 Por iso, Deus elevouno a unha posición superior e deulle de maneira bondadosa o nome que está por enriba de calquera outro nome, 10 para que todos honren o* nome de Xesús (tanto os que están no ceo, como os que están na terra e os que están debaixo dela) 11 e para que todos* recoñezan publicamente que Xesucristo é Señor para a gloria de Deus, o Pai.

12 Así que, meus queridiños, igual que sempre obedecestes, non só cando estaba con vós senón moito máis agora que non o estou, seguídevos esforzando por alcanzar a vosa salvación con profundo respecto e temor de Deus*. 13 Porque, tal e como a el lle agrada, Deus é quen vos enche de enerxía dándovos tanto o desexo como as forzas para actuar. 14 Seguide facendo tódalas cousas sen murmurar nin discutir, 15 para que non sexades culpables de nada e sexades fillos de Deus inocentes. Ó non ter ningún defecto, brillades coma unha luz no mundo, aínda que vivides no medio dunha xeración retorcida e malvada, 16 mentres vos agarrades con forza á palabra de Deus, que dá vida. Se seguides facendo isto, terei razóns para alegrarme no día de Cristo, porque saberei que non corrín en balde nin me esforcei para nada. 17 Pero, aínda que eu sexa derramado coma unha ofrenda líquida*, estou contribuíndo ó sacrificio que estades facendo e ó voso servizo fiel* a Deus. Por iso estou contento e alégrome con todos vós. 18 Da mesma maneira, vós tamén debedes estar contentos e alegrarvos comigo.

19 Agora espero que o Señor Xesús me permita mandarvos pronto a Timoteo para que eu me anime cando me cheguen noticias vosas. 20 De feito, non teño a ninguén cunha actitude coma a súa, que se preocupe sinceramente por vós. 21 Porque tódolos demais preocúpanse polo que lles interesa a eles e non polo que lle interesa a Xesucristo. 22 Pero, como xa sabedes, Timoteo demostrou canto vale porque serviu como escravo comigo para espallar as boas noticias, igual que un fillo co seu pai. 23 Por iso espero mandalo en canto eu saiba o que vai pasar comigo. 24 De feito, estou seguro de que o Señor me vai permitir estar con vós pronto.

25 Pero de momento creo que é necesario que vos envíe a Epafrodito, o meu irmán e colaborador, un compañeiro de batalla que vós me enviastes para que me axudase en todo o que necesitase. 26 Ten moitas ganas de vervos a todos e está deprimido porque escoitastes que el estaba enfermo. 27 E o certo é que estivo tan enfermo que case morre, pero Deus compadeceuse* del. Aínda que non só del, senón tamén de min, para que eu non sufrise unha tristeza tras outra. 28 Por iso volo mando urxentemente, para que vos volvades a alegrar cando o vexades e eu estea menos preocupado. 29 Así que recibídeo con moita alegría, como tedes o costume de recibir os seguidores do Señor, e seguide demostrando que valorades moito os homes que son coma el, 30 porque estivo a punto de morrer por servir o Cristo*. Epafrodito arriscou a súa vida* por min para darme a axuda que vós non me puidestes dar porque non estabades aquí.

3 Finalmente, meus irmáns, estade sempre alegres como servos do Señor. Non teño problema en escribirvos o mesmo, porque é para a vosa protección.

2 Tede coidado cos que son coma cans*, tede coidado cos que fan dano e tede coidado cos que mutilan o corpo*. 3 Porque nós somos os que temos a verdadeira circuncisión*, os que estamos servindo a Deus guiados polo seu espírito e non baseamos a nosa confianza en cousas humanas*, senón que presumimos de Cristo Xesús. 4 Pero se hai alguén que ten motivos para confiar en cousas humanas*, ese son eu.

Se alguén pensa que ten motivos para confiar en cousas humanas*, eu teño máis: 5 fun circuncidado ó oitavo día, son da nación de Israel, da tribo de Benxamín, hebreo de pais hebreos, seguín estritamente a Lei coma un fariseo, 6 fun tan devoto que perseguín a congregación e demostrei que non era culpable de nada ó facer as cousas xustamente como dicía a Lei. 7 Pero as cousas que consideraba de gran valor, agora considero que non valen nada* debido ó Cristo. 8 É máis, considero que ningunha cousa vale nada, debido ó valor incalculable do coñecemento de Cristo Xesús, o meu Señor. Por el renunciei a* tódalas cousas e véxoas coma un montón de lixo, para ganar a Cristo 9 e para que se vexa que estou unido a el. Non digo que eu sexa xusto por obedecer a Lei, senón por ter fe en Cristo. Esta xustiza vén de Deus e baséase na fe. 10 O meu obxectivo é coñecer o Cristo, coñecer o poder da súa resurrección e pasar polos seus sufrimentos. Incluso estou disposto a sufrir unha morte coma a súa, 11 para ver se dalgunha maneira podo conseguir a primeira resurrección* de entre os mortos.

12 Non é que xa recibise o premio nin que xa sexa perfecto, senón que estou facendo todo o posible para ver se tamén podo conseguir iso para o que Cristo me escolleu*. 13 Irmáns, non creo que o conseguise aínda. Pero unha cousa é certa: esquezo as cousas que quedan atrás e esfórzome* para conseguir as cousas que están por vir. 14 Estou facendo todo o que podo por alcanzar a meta para recibir o premio da chamada celestial de Deus mediante Cristo Xesús. 15 Así que, os que somos maduros debemos ter esta mesma actitude. E se alguén pensa diferente nalgunha cousa, Deus revelaravos cal é a actitude correcta. 16 En calquera caso, sen importar canto progresásemos ata agora, sigamos andando correctamente por este mesmo camiño.

17 Irmáns, todos vós imitádeme a min e fixádevos nos que viven* seguindo o exemplo que vos puxemos. 18 Porque hai moitos que viven como inimigos do Cristo e do seu madeiro de tortura*. Xa vos falei moitas veces deles, pero agora falo deles con lágrimas. 19 O seu final é a destrución e o seu deus é o seu propio desexo*. Están orgullosos das cousas das que terían que avergonzarse e só pensan nas cousas da terra. 20 Pero nós somos cidadáns dos ceos, e de alí esperamos con moitas ganas un salvador, o Señor Xesucristo. 21 El transformará o noso insignificante corpo para que sexa coma o* seu glorioso corpo. Vaino facer por medio do seu gran poder, que lle permite poñer tódalas cousas baixo a súa autoridade.

4 Así que vós, irmáns, ós que quero e estou desexando ver, que sodes a miña alegría e sodes coma unha coroa para min, mantédevos fieis ó Señor* como vos dixen, meus queridiños.

2 Suplícolles a Evodia e a Síntique que teñan a mesma forma de pensar* como seguidoras do Señor. 3 E a ti, que es un verdadeiro colaborador*, tamén che pido que sigas axudando a estas mulleres. Elas esforzáronse* por dar a coñecer as boas noticias comigo, con Clemente e tamén co resto dos meus colaboradores, que teñen o seu nome escrito no libro da vida.

4 Alegrádevos sempre no Señor. Dígovolo unha vez máis: alegrádevos! 5 Que todos vexan que sodes persoas razoables. O Señor está cerca. 6 Non vos angustiedes por nada. En vez diso, en calquera situación, facédelle saber a Deus as vosas peticións con oracións e súplicas, e dándolle grazas. 7 E a paz de Deus, que vai máis alá do que calquera ser humano pode entender, protexerá o voso corazón e a vosa mente* por medio de Cristo Xesús.

8 Finalmente, irmáns, pensade* constantemente en todo o que é verdadeiro, en todo o que é serio, en todo o que é xusto, en todo o que é puro*, en todo o que promove amor, en todo o que ten boa reputación, en todo o que é virtuoso e en todo o que é digno de louvanza. 9 Facede as cousas que aprendestes e recibistes de min, e tamén as que me escoitastes dicir e me vistes facer, e o Deus da paz estará con vós.

10 Estou moi contento e doulle grazas ó Señor porque vos preocupastes por min outra vez. Aínda que sempre estivestes preocupados por min, non tiverades a oportunidade de demostralo. 11 Non digo isto porque estea pasando necesidade. De feito, aprendín a estar contento* en calquera situación. 12 Sei vivir con pouco e sei vivir con moito. En todo e en calquera circunstancia aprendín o segredo de estar satisfeito e de pasar fame, de ter moito e de non ter nada. 13 Teño forzas para todo grazas a Deus, que me dá poder.

14 Aínda así, fixestes ben en axudarme nos momentos difíciles. 15 De feito, filipenses, xa sabedes que cando marchei de Macedonia despois de que escoitásedes por primeira vez as boas noticias, fostes a única congregación que me axudou*. 16 Porque mentres estaba en Tesalónica, mandástesme a axuda que necesitaba non só unha vez, senón dúas. 17 Non é que eu busque regalos, senón que quero que teñades a recompensa* que vén de dar*. 18 Teño todo o que me fai falta e incluso máis. Teño todo o que necesito agora que Epafrodito me deu o que me mandastes: un sacrificio de aroma agradable que Deus acepta de boa gana. 19 O meu Deus, pola súa parte, usará as súas gloriosas bendicións* para darvos todo o que necesitedes por medio de Cristo Xesús. 20 Que o noso Deus e Pai reciba a gloria para sempre. Amén.

21 Saudade da miña parte a tódolos santos* que son discípulos de Cristo Xesús. Os irmáns que están comigo mándanvos saúdos. 22 Tódolos santos, pero sobre todo os da casa de César*, mándanvos saúdos.

23 Que a bondade inmerecida do Señor Xesucristo estea co bo espírito que demostrades.

Ver glosario.

Ou “pola contribución”.

Lit. “é a miña testemuña de”.

Ou “discernimento”.

Ou “que esteades cheos do froito xusto”.

Ver glosario garda pretoriana.

Ou “o meu corpo poderá”.

Lit. “nesta carne”.

É dicir, darlle gloria a Cristo.

Ou “seguir producindo froito”.

Ou quizais “non sei”.

Ou “comportedes como cidadáns”.

Lit. “se estou ausente”.

Ou “cun mesmo espírito”.

Ou “cunha mesma alma”. Ver glosario alma.

Ou “lado a lado”.

Ou “por mostrarvos compañeirismo espiritual”.

Ou “Tede a mesma mente”.

Ou “unidos en alma”.

Ou “renunciou a si mesmo”.

Ver glosario madeiro de tortura.

Lit. “tódolos xeonllos se dobren no”.

Ou “toda lingua”.

Ver glosario temor de Deus.

Ou “unha libación”. Ver glosario ofrenda líquida.

Ou “servizo público”.

Ou “tivo misericordia”.

Ou quizais “debido á obra do Señor”.

Ou “puxo a súa alma en perigo”.

É dicir, os que pola súa ensinanza se fixeron impuros ós ollos de Deus.

Lit. “a carne”. É dicir, os que insisten na circuncisión.

Ver glosario.

Lit. “na carne”.

Lit. “na carne”.

Lit. “na carne”.

Ou quizais “deixeinas voluntariamente”.

Ou “aceptei perder”.

Ou “a resurrección que suceda antes”. Ver glosario resurrección.

Lit. “agarrou”.

Ou “estírome”.

Lit. “andan”.

Ver glosario madeiro de tortura.

Lit. “o seu ventre”.

Lit. “colla a forma do”.

Ou “firmes no Señor”.

Lit. “a mesma mente”.

Lit. “compañeiro de xugo”‏.

Ou “loitaron moito”.

Ou “as vosas facultades mentais”, “os vosos pensamentos”.

Ou “meditade”.

Ou “casto”.

Ou “ser autosuficiente”.

Ou “ningunha congregación participou comigo en dar e recibir excepto vós”.

Lit. “o froito”.

Ou “que aumenta o crédito da vosa conta”.

Ou “riquezas”.

Ver glosario.

Refírese ó emperador de Roma.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir