BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Colosenses 1:1-4:18
  • Colosenses

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Colosenses
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Colosenses

CARTA ÓS COLOSENSES

1 De parte de Paulo, apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e de parte do noso irmán Timoteo, 2 para os santos* e irmáns fieis que están en Colosas e que son seguidores de Cristo:

Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai.

3 Sempre lle damos grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesucristo, cando oramos por vós, 4 porque escoitamos falar da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que lles tedes a tódolos santos. 5 Tedes esta fe e este amor debido á esperanza que está reservada para vós nos ceos. Vós xa escoitastes falar desta esperanza por medio da mensaxe da verdade, as boas noticias 6 que vos chegaron. Estas boas noticias estanse estendendo por todo o mundo con bos resultados. E tamén están tendo bos resultados entre vós desde o día que escoitastes e aprendestes con exactitude a verdade sobre a bondade inmerecida de Deus. 7 Iso é o que aprendestes de Epafras, o noso querido compañeiro de escravitude e servo* fiel do Cristo para o noso beneficio. 8 El tamén nos falou do amor que demostrastes coa axuda do espírito de Deus*.

9 Por esta razón, desde o día que escoitamos iso, non deixamos de orar por vós e de pedir que se vos encha do coñecemento exacto da vontade de Deus con toda sabedoría e entendemento por medio do espírito santo, 10 para que vos comportedes* dunha maneira que lle dea honra a Xehová* e para que lle agradedes en todo, mentres facedes* boas obras de todo tipo e aumentades o voso coñecemento exacto de Deus. 11 Tamén pedimos que Deus use o seu glorioso poder para fortalecervos e que así teñades as forzas necesarias para aguantar todo con paciencia e felicidade. 12 Seguídelle dando grazas ó Pai, que vos capacitou para que teñades parte na herdanza dos santos que están na luz*.

13 El rescatounos a nós do poder da escuridade e trasladounos ó reino do seu querido Fillo. 14 Grazas ó Fillo temos a nosa liberación por rescate, o perdón dos nosos pecados. 15 El é a imaxe* do Deus invisible, o primoxénito de toda a creación, 16 porque por medio del creouse todo o demais nos ceos e na terra, as cousas visibles e as cousas invisibles, tanto tronos como dominios, gobernos ou autoridades. Todo o demais creouse mediante el e para el. 17 Así que el xa existía antes de que existisen tódalas outras cousas, e por medio del chegou a existir todo o demais. 18 El é a cabeza do corpo, é dicir, da congregación. El é o principio, o primoxénito de entre os mortos, para que chegue a ser o primeiro en todo, 19 porque a Deus pareceulle ben que Cristo estivese completo en todo sentido*. 20 E por medio del, Deus reconciliou consigo mesmo todo o demais, as cousas na terra e as cousas nos ceos, e estableceu a paz mediante o sangue que Xesús derramou no madeiro de tortura*.

21 De feito, houbo un tempo no que estabades separados de Deus e erades os seus inimigos porque só pensabades en cousas malas. 22 Pero agora reconciliouvos con el por medio da morte que Xesús sufriu como humano* para presentarvos diante del como santos, sen defectos e libres de acusación. 23 Claro, para iso tedes que mantervos na fe, ben establecidos no fundamento e firmes, sen deixarvos apartar da esperanza desas boas noticias que escoitastes e que se predicaron en toda a creación que está baixo o ceo. Eu, Paulo, fun escollido para predicar esas* boas noticias.

24 Agora alégrome de estar sufrindo polo voso ben. Sei que teño que seguir sufrindo por Cristo, polo ben do seu corpo, que é a congregación. 25 Sirvo a esta congregación de acordo coa responsabilidade* que Deus me deu para o voso beneficio. Por iso predico a palabra de Deus de todo corazón. 26 O segredo sagrado estivo escondido da xente que viviu durante os sistemas pasados* e das xeracións anteriores. Pero agora revelóuselles ós seus santos. 27 Deus quixo dar a coñecer entre as nacións este glorioso tesouro, o seu segredo sagrado. Este segredo é que Cristo está unido a vós e que tedes a esperanza de compartir a súa gloria. 28 Estamos anunciando a mensaxe sobre el, advertindo e ensinando a todo o mundo, compartindo toda a sabedoría que recibimos para axudarlles a tódolos seguidores de Cristo a ser maduros. 29 Ese é o obxectivo polo que me estou esforzando tanto, loitando coa axuda da súa forza, que está actuando con moito poder en min.

2 Porque quero que vos deades conta do moito que estou loitando por vós, polos irmáns de Laodicea e por tódolos que non me viron en persoa*. 2 Digo isto para consolar os corazóns de todos, e para que esteades harmoniosamente unidos en amor e teñades tódalas bendicións que veñen da confianza que produce o verdadeiro entendemento. Desta maneira, poderedes conseguir un coñecemento exacto do segredo sagrado de Deus: Cristo. 3 Nel están escondidos coidadosamente tódolos tesouros da sabedoría e do coñecemento. 4 Estouvos dicindo isto para que ninguén vos engane con razoamentos persuasivos. 5 Aínda que non estou fisicamente con vós, estou en espírito, e alégrame ver o ben organizados que estades e o firme que é a vosa fe en Cristo.

6 Así que igual que aceptastes a Cristo Xesús, o Señor, seguide andando unidos a el. 7 Tal como se vos ensinou, seguide estando arraigados nel, edificados sobre el e estabilizados na fe. Ademais, estade cheos de agradecemento.

8 Tede coidado para que ninguén vos enrede* con filosofías e razoamentos falsos e inútiles que se basean en tradicións humanas e na forma de pensar superficial* do mundo, e non en Cristo. 9 Porque el é o reflexo perfecto das cualidades de Deus* 10 e vós fixéstesvos completos* por medio del, que é cabeza de todo goberno e autoridade. 11 Pola vosa relación con el tamén fostes circuncidados, pero non cunha circuncisión física senón coa circuncisión propia dos seguidores de Cristo, que consiste en liberarse do corpo carnal. 12 Porque vós fostes enterrados con Cristo no seu bautismo e, pola vosa relación con el, tamén fostes resucitados* con el grazas á vosa fe no poder de Deus, que o resucitou de entre os mortos.

13 Ademais, aínda que estabades mortos polas vosas ofensas e porque a vosa carne non estaba circuncidada, Deus deuvos vida e uniuvos a Cristo. Perdoou tódalas nosas ofensas con bondade 14 e borrou a Lei que estaba escrita, que estaba formada por decretos e que facía evidentes os nosos erros*. Deus quitouna do medio cravándoa no madeiro de tortura*. 15 Por medio da morte de Cristo no madeiro de tortura*, derrotou os gobernos e as autoridades e demostrou publicamente que os conquistou ó levalos nun desfile triunfal.

16 Por iso, que ninguén vos xulgue polo que comedes e bebedes ou por celebrar unha festa, unha lúa nova* ou un sábado*. 17 Esas cousas son unha sombra do que tiña que vir, pero Cristo é a realidade. 18 Non deixedes que ninguén a quen lle guste aparentar ser humilde e adorar os anxos vos impida conseguir o premio. Esas persoas “póñense de parte das”* cousas que viron. A súa maneira de pensar carnal fai que estean cheas de orgullo sen motivo 19 e que non se manteñan unidas á cabeza, é dicir, Cristo. Por medio del todo o corpo recibe o que necesita, mantense unido harmoniosamente mediante as articulacións e os ligamentos, e medra co crecemento que vén de Deus.

20 Se morrestes con Cristo para todo o que ten que ver coas ideas* do mundo, por que vivides aínda coma se fósedes parte do mundo? Por que seguides obedecendo normas como 21 “non collas, non probes, non toques”? 22 Estas normas refírense a cousas que desaparecen cando se usan. Son mandatos e ensinanzas de homes. 23 Seguir estas normas pode parecer sabio e pode dar a falsa impresión de adorar a Deus de maneira humilde, pero é unha forma de adoración que as persoas se impoñen a si mesmas. Aínda que castigan os seus corpos, o que fan é totalmente inútil para loitar contra os desexos da carne.

3 Pero se fostes resucitados* co Cristo, seguide buscando as cousas de arriba, que é onde o Cristo está sentado á dereita de Deus. 2 Mantede a vosa mente centrada nas cousas de arriba e non nas cousas da terra. 3 Porque vós morrestes e a vosa vida está escondida co Cristo, que está unido a Deus. 4 Cando apareza o Cristo, que é a nosa vida, entón tamén apareceredes con el e compartiredes a súa gloria.

5 Así que desfacédevos dos malos pensamentos* que poderían levar á inmoralidade sexual*, á impureza*, á paixón sexual descontrolada, ós malos desexos e á cobiza*, que é idolatría. 6 Debido a estas cousas vén a ira de Deus. 7 Así é como vos comportabades* no pasado*. 8 Pero agora desfacédevos de todo isto: ira, furia, maldade e palabras ofensivas, e que tampouco saian palabras obscenas da vosa boca. 9 Non vos mintades uns ós outros. Quitádevos a vella personalidade* e as súas prácticas, 10 e vestídevos coa nova personalidade, que se vai renovando constantemente canto mellor coñecedes a Deus*. Esta personalidade é un reflexo de quen a creou. 11 A nova personalidade non fai distinción entre grego e xudeu, circunciso e incircunciso, estranxeiro e escita*, escravo e home libre, senón que Cristo é tódalas cousas e está unido a todos.

12 Así que como escollidos de Deus, santos e amados, vestídevos de tenra compaixón, bondade, humildade, apracibilidade e paciencia. 13 Seguide soportándovos uns ós outros e perdoándovos con xenerosidade incluso se alguén ten motivos para queixarse doutro. Xehová* perdoouvos con xenerosidade, así que vós facede o mesmo. 14 Pero ademais de todo isto, vestídevos de amor, porque é un vínculo perfecto que une as persoas*.

15 Deixade que a paz do Cristo reine nos vosos corazóns*, porque fostes chamados a esa paz para formar un só corpo. E demostrade que estades agradecidos. 16 Que a palabra do Cristo encha por completo os vosos corazóns con toda sabedoría. Seguídevos ensinando e animando* uns ós outros con salmos, louvanzas a Deus e cancións espirituais cantadas con gratitude. Cantádelle a Xehová* de todo corazón*. 17 Todo o que fagades ou digades, facédeo no nome do Señor Xesús e dádelle grazas a Deus, o Pai, mediante el.

18 Mulleres, aceptade a autoridade dos* vosos maridos, que iso é o que está ben ós ollos do Señor. 19 Maridos, seguide amando as vosas mulleres e non vos enfadedes duramente* con elas. 20 Fillos, obedecede os vosos pais en todo, porque isto agrádalle ó Señor. 21 Pais*, non irritedes* os vosos fillos para que non se desanimen. 22 Escravos, obedecede os vosos amos* en todo. Non o fagades só cando vos estean mirando*, para agradar a outros, senón cun corazón sincero, con temor de Xehová*. 23 Todo o que fagades, facédeo con toda a alma* coma se fose para Xehová* e non para os homes, 24 porque sabedes que é Xehová* quen vos dará a herdanza como premio. Sede escravos do Amo, Cristo. 25 Pero recordade que a quen faga algo malo faráselle pagar polo que fixo, e non hai favoritismo*.

4 Amos, tratade os vosos escravos de maneira xusta e sen facer diferenzas*, porque sabedes que vós tamén tedes un Amo no ceo.

2 Orade constantemente estando alerta e sendo agradecidos. 3 Orade tamén por nós e pedídelle a Deus que nos dea a oportunidade de predicar*, e así poder anunciar o segredo sagrado sobre o Cristo, o segredo sagrado polo que estou preso. 4 Pedide tamén que poida predicar a mensaxe dunha maneira tan clara como debo facer.

5 Sede* sabios cando tratedes cos de fóra e aproveitade o tempo da mellor maneira posible*. 6 Que as vosas palabras sexan sempre agradables, coma se lles botásedes un chisquiño de sal, para que saibades como debedes responder a cada persoa.

7 Tíquico, o meu querido irmán, un servo* fiel do Señor e un compañeiro de escravitude, contaravos como me vai. 8 Mándovolo para que saibades como estamos e para que vos anime*. 9 Vai ir con Onésimo, o meu fiel e querido irmán, que é un de vós. Eles vanvos contar todo o que está pasando aquí.

10 Aristarco, o meu compañeiro de prisión, mándavos saúdos, e tamén Marcos, o primo de Bernabé (xa recibistes instrucións de recibilo con cariño se vai a visitarvos), 11 e Xesús, ó que lle chaman Xusto. Estes homes son crentes xudeus*. Só eles son os meus colaboradores a favor do Reino de Deus e chegaron a ser unha fonte de moito consolo para min*. 12 Epafras, que é un de vós e que é escravo de Cristo Xesús, mándavos saúdos. El sempre ora intensamente por vós para que vos manteñades firmes como persoas maduras* e esteades completamente convencidos de toda a vontade de Deus. 13 Dou fe de* que fai grandes esforzos por vós e polos irmáns de Laodicea e os de Hierápolis.

14 Lucas, o querido médico, mándavos saúdos, e tamén Demas. 15 Saudade da miña parte ós irmáns de Laodicea, a Ninfa e á congregación que se reúne na súa casa. 16 Despois de ler esta carta, facede que tamén se lea na congregación dos laodicenses, e vós lede a que se mandou a Laodicea. 17 E dicídelle a Arquipo: “Esfórzate por cumprir o ministerio que aceptaches do Señor”.

18 Eu, Paulo, escríbovos este saúdo coa miña propia man. Acordádevos das miñas cadeas. Que a bondade inmerecida de Deus estea con vós.

Ver glosario.

Ou “ministro”.

Ou “en sentido espiritual”. Lit. “en espírito”.

Lit. “andedes”.

Ver apén. A5.

Ou “dades froito en tódalas”.

Ou “están guiados por Deus”.

Ou “o reflexo”.

Ou “que toda a plenitude vivise nel”.

Ver glosario madeiro de tortura.

Ou “por medio do corpo físico daquel que morreu”.

Ou “cheguei a ser ministro desas”.

Ou “administración”.

Ou “nas eras pasadas”. Ver glosario sistema.

Lit. “non viron o meu rostro na carne”.

Ou “vos atrape”. Lit. “vos leve como a súa presa”.

Ou “nas cousas elementais”.

Ou “nel está toda a plenitude da natureza divina”.

Ou “conseguistes a plenitude”.

Lit. “levantados”.

Ou “e que estaba en contra de nós”.

Ver glosario madeiro de tortura.

Ou quizais “del”.

Ver glosario lúa nova.

Ver glosario.

Cita dos ritos de iniciación dos misterios pagáns.

Ou “coas cousas elementais”.

Lit. “levantados”.

Ou “dádelles morte ás partes do voso corpo que están na terra”.

En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.

Ou “inmundicia”. Ver glosario impureza.

É dicir, desexo excesivo de ter algo.

Ou “andabades”.

Ou “na vosa maneira de vivir anterior”.

Lit. “o home vello”.

Lit. “por medio do coñecemento exacto”.

Este termo aplicábase a unha persoa non civilizada.

Ver apén. A5.

Ou “vínculo perfecto de unión”.

Ou “controle os vosos corazóns”.

Ou “aconsellando”.

Ver apén. A5.

Ou “nos vosos corazóns”.

Ou “estade suxeitas ós”.

Ou “non sexades duros”.

Aquí refírese ós pais varóns.

Ou “non provoquedes”.

Lit. “amos carnais”.

Lit. “Non servindo o ollo”.

Ver apén. A5.

Ver glosario.

Ver apén. A5.

Ver apén. A5.

Ou “parcialidade”.

Ou “e imparcial”.

Ou “que nos abra unha porta para dar a mensaxe”.

Lit. “Andade como”.

Lit. “comprade o tempo fixado”.

Ou “ministro”.

Ou “console os vosos corazóns”.

Ou “son dos circuncisos”.

Ou “fonte de axuda que me fortaleceu”.

Ou “completas”.

Ou “Testifico”.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir