BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 5 páxs. 36-43
  • “Temos que obedecer a Deus como gobernante”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “Temos que obedecer a Deus como gobernante”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “O anxo de Xehová abriu as portas” (Feitos 5:12-21a)
  • “Temos que obedecer a Deus como gobernante antes que ós homes” (Feitos 5:21b-33)
  • “Non poderedes facer que fracase” (Feitos 5:34-42)
  • Homes cualificados para un “labor necesario” (Feitos 6:1-6)
  • “A palabra de Deus [seguiu] estendéndose” (Feitos 6:7)
  • Nada podería paralos
    Aprendamos das historias da Biblia
  • “Homes comúns e sen estudos”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 5 páxs. 36-43

CAPÍTULO 5

“Temos que obedecer a Deus como gobernante”

Os apóstolos adoptan unha postura que serve de modelo para tódolos cristiáns.

Baseado en Feitos 5:12–6:7

1-3. a) Por que estaban ante o Sanedrín os apóstolos, e a que cuestión se enfrontaban? b) Por que nos beneficia analizar a reacción dos apóstolos?

OS XUÍCES do Sanedrín están cada vez máis furiosos. Os apóstolos de Xesús están de pé ante o tribunal. Caifás, o sumo sacerdote e presidente do Sanedrín, bérralles moi enfadado: “Démosvos a orde de que non seguísedes ensinando no nome dese home, pero resulta que enchestes Xerusalén coas vosas ensinanzas. Estades decididos a facernos culpables da morte dese home” (Feit. 5:28). Caifás está tan enfadado que non quere nin pronunciar o nome de Xesús. Pero a mensaxe é clara: se non deixan de predicar sufrirán as consecuencias!

2 Como reaccionaron os apóstolos? Fora Xesús quen lles dera o mandato de ir predicar. E a súa autoridade viña de Deus (Mat. 28:18-20). Permitirían os apóstolos que o medo lles impedise cumprir a súa comisión? Ou terían o valor necesario para manterse firmes e seguir predicando? Todo se reduce á seguinte cuestión: obedecerían a Deus ou ós homes? Sen dubidalo e falando en nome de tódolos apóstolos, Pedro responde dunha forma moi clara e valente.

3 Como cristiáns, podemos aprender moito da forma na que responderon os apóstolos ante as ameazas do Sanedrín. Deus tamén nos mandou a nós predicar, e tamén poderiamos sufrir persecución (Mat. 10:22). Que faremos se os nosos opositores intentan restrinxir ou deter a nosa obra? Podemos aprender moito de analizar a reacción dos apóstolos e as circunstancias que os levaron a estar diante do Sanedrín.a

O SANEDRÍN, O TRIBUNAL SUPREMO XUDEU

Aínda que Xudea era unha provincia do Imperio Romano, Roma permitía que os xudeus seguisen as súas propias tradicións e tivesen moita liberdade á hora de gobernarse. Iso permitía que os tribunais locais puidesen encargarse de xulgar delitos menores e casos civís. Cando un caso era demasiado complicado para que o resolvesen eses tribunais, remitíase ó gran Sanedrín que estaba en Xerusalén. Este organismo funcionaba como tribunal supremo xudeu e tamén como consello administrativo nacional. Ademais, tiña a última palabra á hora de interpretar a lei xudía e a súa autoridade era respectada polos xudeus de todo o mundo.

O Sanedrín reuníase nunha sala que probablemente estaba no recinto do templo ou moi cerca del. O tribunal estaba composto por 71 membros: o sumo sacerdote, que era o presidente; outros sacerdotes que pertencían á nobreza, entre os que estaban os saduceos; aristócratas e algúns escribas expertos na lei. As decisións que tomaba este tribunal eran definitivas e non se podían apelar.

“O anxo de Xehová abriu as portas” (Feitos 5:12-21a)

4, 5. Por que se encheron “de rabia e de celos” Caifás e os saduceos?

4 A primeira vez que lles ordenaron que deixasen de predicar, Pedro e Xoán responderon: “Non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos” (Feit. 4:20). Despois daquel enfrontamento co Sanedrín, seguiron predicando no templo cos demais apóstolos. Alí fixeron milagres como curar enfermidades e expulsar demos. Facíano no “Pórtico de Salomón”, unha galería cuberta situada no leste do templo onde adoitaban reunirse moitos xudeus. Incluso parece que había persoas que se curaban tan só con que a sombra de Pedro lles tocase. Moitos dos que eran curados fisicamente aceptaban as boas noticias. Como resultado, “homes e mulleres creron no Señor e fixéronse discípulos del” (Feit. 5:12-15).

5 Caifás e os saduceos, a seita relixiosa á que pertencía, “enchéronse de rabia e de celos” e meteron os apóstolos no cárcere (Feit. 5:17, 18). Por que estaban tan enfadados? Porque os apóstolos estaban ensinando que Xesús resucitara, e os saduceos non crían na resurrección. Ademais, os apóstolos estaban ensinando que a única forma de conseguir salvación era poñendo fe en Xesús. Pero os saduceos tiñan medo de que Roma tomase represalias se as persoas empezaban a seguir a Xesús como líder (Xoán 11:48). Tendo en conta todo isto, non nos sorprende que os saduceos estivesen decididos a silenciar os apóstolos.

6. Quen son os principais promotores da persecución contra os servos de Xehová na actualidade, e por que non debería sorprendernos?

6 Da mesma forma, na actualidade os principais promotores da persecución contra os servos de Xehová adoitan ser os líderes relixiosos. Moitas veces intentan utilizar a influencia que teñen sobre as autoridades e os medios para deter a nosa obra de predicar. Por que o fan? Porque a nosa mensaxe pon ó descuberto as mentiras da relixión falsa. Cando unha persoa sincera acepta as ensinanzas da Biblia, libérase de crenzas e prácticas que esta non ensina (Xoán 8:32). Por iso non nos sorprende que a nosa mensaxe enfade tanto os líderes relixiosos da actualidade.

7, 8. Que efecto tiveron as instrucións do anxo nos apóstolos, e que pregunta deberiamos facernos?

7 Mentres estaban no cárcere esperando a ser xulgados, os apóstolos probablemente se preguntasen a que clase de sufrimentos terían que enfrontarse ou se terían que morrer pola súa fe (Mat. 24:9). Pero durante a noite sucedeu algo inesperado: “O anxo de Xehová abriu as portas da prisión” (Feit. 5:19).b O anxo deulles instrucións moi específicas. Díxolles: “Ide ó templo e seguídelle predicando ó pobo” (Feit. 5:20). Ese mandato confirmáballes ós apóstolos que estiveran facendo as cousas ben. As palabras do anxo tamén lles darían forzas para manterse firmes pasase o que pasase. En canto saíu o sol, os apóstolos “entraron no templo e puxéronse a ensinar” con moita fe e valor (Feit. 5:21).

8 Cada un de nós faría ben en preguntarse: “Tería eu a mesma fe e o mesmo valor se tivese que seguir predicando en circunstancias coma esas?”. Saber que a obra de dar “testemuño completo do Reino de Deus” conta co apoio dos anxos pode darnos as forzas que necesitamos (Feit. 28:23; Apoc. 14:6, 7).

“Temos que obedecer a Deus como gobernante antes que ós homes” (Feitos 5:21b-33)

Caifás moi enfadado acusando os apóstolos mentres outros membros do Sanedrín están mirando.

“Leváronos diante do Sanedrín.” (Feitos 5:27)

9-11. Como reaccionaron os apóstolos cando o Sanedrín lles mandou deixar de predicar, e por que serve isto de modelo para tódolos cristiáns?

9 Caifás e os outros xuíces do Sanedrín xa están listos para xulgar os apóstolos. Como non saben o que pasou no cárcere, mandan que os vaian buscar. Imaxina a sorpresa dos oficiais cando descobren que, aínda que a prisión estaba pechada e asegurada e os gardas vixiando, os apóstolos non están dentro (Feit. 5:23). O capitán da garda do templo non tarda en saber que os apóstolos están outra vez no templo facendo o mesmo polo que os meteran no cárcere: dar testemuño de Xesucristo. O capitán e os seus oficiais van correndo ó templo para coller os prisioneiros e levalos de novo ante o Sanedrín.

10 Ó principio deste capítulo vimos que os furiosos líderes relixiosos lles ordenaron ós apóstolos que deixasen de predicar. Como reaccionaron eles? Falando en nome de todos, Pedro dixo con valor: “Temos que obedecer a Deus como gobernante antes que ós homes” (Feit. 5:29). Os apóstolos puxeron o modelo do que deberiamos facer os cristiáns se nos atopamos nunha situación parecida. Aínda que temos que obedecer os gobernos, estes non teñen dereito a pedirnos que desobedezamos a Deus. Polo tanto, se as autoridades prohiben a nosa obra, nós non podemos deixar de obedecer o mandamento de Deus de predicar as boas noticias (Rom. 13:1). Máis ben, buscaremos formas discretas de seguir dando un testemuño completo do Reino de Deus.

11 Como reaccionaron os xuíces ante a resposta tan valente dos apóstolos? Enfadáronse tanto que incluso quixeron matalos (Feit. 5:33). Este parecía o final daqueles valentes e entusiastas predicadores. Pero, de repente, Xehová axudounos dunha forma totalmente inesperada!

“Non poderedes facer que fracase” (Feitos 5:34-42)

12, 13. a) Que consello lles deu Gamaliel ós seus compañeiros, e que fixeron eles? b) Como pode axudar Xehová ó seu pobo na actualidade? c) Se Xehová permite que suframos por ser xustos, de que podemos estar seguros?

12 Gamaliel, que era “un mestre da Lei moi respectado por todo o pobo”, defendeu os apóstolos.c Este xuíz, que tamén debía ser moi respectado polos seus compañeiros, “mandou que os sacasen para fóra durante un momento” (Feit. 5:34). Recordándolles outras revoltas que quedaran en nada despois da morte dos seus líderes, Gamaliel díxolles que fosen pacientes cos apóstolos porque o seu Líder, Xesús, non había tanto que morrera. O argumento que deu foi moi convincente. Díxolles: “Non vos metades con estes homes. Deixádeos en paz. Porque se o que están planeando ou o que están facendo é cousa de homes, acabará fracasando. Pero se vén de Deus, non poderedes facer que fracase. Tede coidado, porque incluso podedes acabar loitando contra o propio Deus” (Feit. 5:38, 39). Os xuíces seguiron o seu consello. Aínda así, “déronlles unha malleira e mandáronlles que deixasen de falar no nome de Xesús” (Feit. 5:40).

13 Na actualidade, Xehová tamén pode usar a persoas prominentes, coma Gamaliel, para axudar ó seu pobo (Prov. 21:1). Mediante o seu espírito santo, pode motivar a gobernantes poderosos, xuíces ou lexisladores a actuar de acordo coa súa vontade (Neh. 2:4-8). Aínda así, se temos que sufrir por ser xustos podemos estar seguros de dúas cousas (1 Ped. 3:14). Primeiro, Deus vainos dar as forzas para aguantar (1 Cor. 10:13). E segundo, os opositores nunca conseguirán que a obra de Xehová se deteña (Is. 54:17).

14, 15. a) Como reaccionaron os apóstolos despois da malleira que lles deron, e por que? b) Conta unha experiencia que demostre que o pobo de Deus aguanta as probas con alegría.

14 Conseguiu a malleira que lles deron que os apóstolos se desanimasen ou deixasen de predicar? Para nada. De feito, “saíron de diante do Sanedrín moi contentos” (Feit. 5:41). Por que estaban tan contentos? Está claro que non era pola dor que lles provocou a malleira. Máis ben estaban contentos porque os perseguiran por ser leais a Xehová e seguir os pasos de Xesús (Mat. 5:11, 12).

15 Igual que os cristiáns do primeiro século, nós tamén aguantamos con alegría cando temos que sufrir polas boas noticias (1 Ped. 4:12-14). Iso non significa que nos guste que nos maltraten, nos persigan ou nos metan no cárcere. Pero si que nos sentimos felices cando sabemos que lle estamos sendo fieis a Xehová. Este foi o caso de Henryk Dornik, que tivo que soportar maltratos durante anos baixo réximes totalitarios. En agosto do ano 1944 as autoridades mandárono a el e a seu irmán a un campo de concentración. El recorda que os seus opositores dicían: “Non hai forma de convencelos de que fagan algo. Parece que lles gusta ser mártires”. O irmán Dornik explica: “Eu non quería ser un mártir. Pero manterme fiel a Xehová con valor e dignidade facíame feliz” (Sant. 1:2-4).

Unha parella usando a Biblia e publicacións baseadas nesta para predicarlle a un home que está de pé diante da súa casa.

Predicamos de “casa en casa” como facían os apóstolos.

16. Como demostraron os apóstolos que estaban decididos a dar un testemuño completo, e de que forma seguimos nós o seu método de predicación?

16 Os apóstolos non perderon o tempo e rapidamente volveron a predicar. Sen dubidalo, “tódolos días, no templo e de casa en casa, seguían ensinando e anunciando sen parar as boas noticias acerca do Cristo” (Feit. 5:42).d Estes entusiastas predicadores estaban decididos a dar un testemuño completo. E, tal como lles mandara Xesús, non se limitaban a predicar no templo, senón que tamén o facían de casa en casa (Mat. 10:7, 11-14). Grazas a iso, en pouco tempo puideron encher Xerusalén coas súas ensinanzas. Na actualidade, as testemuñas de Xehová tamén seguimos este método de predicación. Cando visitamos tódalas casas do noso territorio, demostramos que nós tamén queremos darlles a oportunidade a tódalas persoas de escoitar as boas noticias. Está bendicindo Xehová esta forma de predicar? Claro que si! Millóns de persoas aceptaron a mensaxe do Reino no tempo da fin. E moitas escoitaron por primeira vez as boas noticias cando unha testemuña de Xehová as visitou na súa casa.

A PREDICACIÓN “DE CASA EN CASA”

A pesar da prohibición do Sanedrín, os discípulos continuaron predicando e ensinando “tódolos días, no templo e de casa en casa” (Feit. 5:42). Pero, que significa exactamente a expresión “de casa en casa”?

No grego orixinal, a expresión kat ikon significa literalmente “segundo [a] casa”. Moitos tradutores din que o termo katá debe entenderse en sentido “distributivo”. Iso significaría que a predicación dos discípulos distribuía a mensaxe dunha casa a outra. Un uso semellante do termo katá dáse en Lucas 8:1, onde di que Xesús “púxose a percorrer vilas e aldeas”.

A forma plural deste termo, kat ikus, utilízase en Feitos 20:20. Alí, o apóstolo Paulo dilles ós anciáns cristiáns: “Non deixei [...] de ensinarvos en público e de casa en casa”. Neste versículo Paulo non estaba falando simplemente de ensinar nas casas dos anciáns, como din algúns. Sabémolo polo que di o relato a continuación: “Todo o contrario. Deilles un testemuño completo tanto a xudeus coma a gregos para que se arrepentisen, se volvesen a Deus e tivesen fe no noso Señor Xesús” (Feit. 20:21). Tendo en conta que os cristiáns xa se arrepentiran e puxeran fe en Xesús, é evidente que a predicación e a ensinanza de casa en casa da que falou Paulo implicaba dar testemuño ás persoas que non eran crentes.

Homes cualificados para un “labor necesario” (Feitos 6:1-6)

17-19. A que novo perigo se enfrontaba a congregación, e que fixeron os apóstolos para resolver este asunto?

17 Agora a congregación enfróntase a un novo perigo. De que se trata? Moitos dos discípulos que se acaban de bautizar non son de Xerusalén e queren aprender máis antes de volver ós seus fogares. Por iso os cristiáns de Xerusalén doan con xenerosidade os cartos que fan falta para comprarlles comida e outras cousas necesarias (Feit. 2:44-46; 4:34-37). Pero isto ocasiona unha situación moi delicada: “Non se estaba tendo en conta as viúvas de fala grega no reparto diario da comida”, algo que non pasaba coas viúvas de fala hebrea (Feit. 6:1). Parecía ser un caso de discriminación, algo que facilmente podería causar moita división na congregación.

18 Actuando como consello reitor, os apóstolos din: “Non está ben que nós deixemos de ensinar a palabra de Deus para poñernos a repartir a comida” (Feit. 6:2). Para resolver este asunto mandaron buscar sete homes “cheos de espírito e de sabedoría” para que puidesen encargarse “deste labor necesario” (Feit. 6:3). Estes homes tiñan que estar ben cualificados porque ademais de repartir comida tamén tiñan que administrar os cartos, comprar as cousas necesarias e levar rexistros exactos. Os homes que escolleron tiñan todos nomes gregos. É probable que isto fixese que ás viúvas gregas lles fose máis fácil confiar neles. Despois de orar e analizar as recomendacións, os apóstolos nomearon estes sete irmáns para que atendesen este “labor necesario”.e

19 Implicaba aquel labor tan importante que aqueles sete homes quedasen exentos de predicar? Para nada! Entre estes homes estaba Esteban, que máis tarde demostrou ser un predicador moi valente e entusiasta (Feit. 6:8-10). Felipe, a quen se coñecía como “o evanxelizador” tamén era un deles (Feit. 21:8). Polo tanto está claro que estes sete homes seguiron predicando con entusiasmo.

20. Como segue o pobo de Deus da actualidade o modelo que deixaron os apóstolos?

20 O pobo de Xehová da actualidade segue o modelo que deixaron os apóstolos. Os homes ós que se recomenda para ter responsabilidades na congregación teñen que manifestar na súa vida o froito do espírito santo e a sabedoría de Deus. Baixo a dirección do Consello Reitor, os homes que cumpren cos requisitos da Biblia son nomeados para servir nas congregacións como anciáns ou servos ministeriais (1 Tim. 3:1-9, 12, 13).f Posto que estes requisitos aparecen na Palabra inspirada de Deus, pódese dicir que estes homes son nomeados por espírito santo. Estes irmáns traballan duro para atender moitos labores necesarios. Por exemplo, os anciáns poden organizar os asuntos para que os irmáns fieis que xa son maiores reciban a axuda que necesitan (Sant. 1:27). Algúns anciáns tamén están moi ocupados construíndo salóns do Reino, organizando congresos ou colaborando co Comité de Enlace cos Hospitais da súa zona. Os servos ministeriais tamén están moi ocupados axudando á congregación de formas prácticas. Iso permite que os anciáns se concentren no seu labor de pastores e mestres. Con todo, tanto anciáns coma servos ministeriais teñen que ser razoables e equilibrar as súas responsabilidades na congregación e na organización coa obra de predicar as boas noticias do Reino (1 Cor. 9:16).

“A palabra de Deus [seguiu] estendéndose” (Feitos 6:7)

21, 22. Como sabemos que Xehová estaba bendicindo a congregación?

21 Aínda que a congregación cristiá se acababa de formar, coa axuda de Xehová puido superar grandes probas, como a persecución e problemas internos que ameazaban con dividila. A bendición de Xehová era moi evidente. De feito a Biblia di: “A palabra de Deus [seguiu] estendéndose, e o número de discípulos seguiu aumentando moitísimo en Xerusalén. Ademais, un grupo grande de sacerdotes tamén se fixeron discípulos” (Feit. 6:7). Este é só un dos moitos informes de progreso que aparecen no libro de Feitos (Feit. 9:31; 12:24; 16:5; 19:20; 28:31). Na actualidade tamén nos alegra escoitar como vai progresando a obra de predicar noutras partes do mundo.

22 De todos modos os furiosos líderes relixiosos do primeiro século non se ían dar por vencidos. Estaba a punto de empezar unha onda de persecución. Pouco tempo despois, Esteban ía ser vítima dun ataque moi violento. Pero isto verémolo no seguinte capítulo.

GAMALIEL, UN RABÍ MOI RESPECTADO

Xeralmente crese que o Gamaliel que aparece no libro de Feitos é Gamaliel o Vello, neto de Hillel, que foi o fundador da escola rabínica máis liberal dos fariseos. Gamaliel ocupaba un lugar moi prominente no Sanedrín, e tíñaselle en tan alta estima que foi o primeiro ó que se lle deu o título de rabán. A Mishná di: “Cando morreu o Rabán Gamaliel o Vello, cesou a gloria da Lei e morreron a pureza e a abstinencia”. Dise que moitas das súas decisións demostraron que era unha persoa compasiva. Por exemplo, a Encyclopædia Judaica di: “Unha das súas decisións máis importantes foi permitir que unha muller puidese volver casar incluso se só presentaba unha testemuña da morte do seu home”. Ó parecer promoveu leis que protexían as mulleres dos maridos que as enganaban e as viúvas dos fillos que as desprezaban. E tamén defendeu que os xentís pobres debían ter o mesmo dereito a participar na rebusca que os xudeus pobres.

a Mira o recadro “O Sanedrín, o tribunal supremo xudeu”.

b Esta é a primeira das vinte veces que o libro de Feitos menciona de forma específica os anxos. Pero en Feitos 1:10 xa se lles mencionaba de forma indirecta usando a expresión “dous homes vestidos de branco”.

c Mira o recadro “Gamaliel, un rabí moi respectado”.

d Mira o recadro “A predicación ‘de casa en casa’”.

e É probable que estes homes cumprisen cos requisitos que se esperan dos anciáns, pois este “labor necesario” era unha responsabilidade moi importante. Aínda así, as Escrituras non especifican o momento exacto no que empezou a nomearse anciáns e superintendentes na congregación cristiá.

f No primeiro século, homes cualificados recibiron a autorización para nomear anciáns (Feit. 14:23; 1 Tim. 5:22; Tito 1:5). Hoxe en día, o Consello Reitor nomea os superintendentes de circuíto, e estes á súa vez teñen a responsabilidade de nomear anciáns e servos ministeriais.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir